luns, 19 de xullo de 2010

** A alma apolillada, un ano despois


COMPOSTELA. Alvariño

Colaborador de A.L.M.

Uf, qué mal estaba o ano pasado. Non é casualidade que hoxe estea escribindo aquí, é que me preguntou un colega, falando das rebaixas, se comprara algunha colonia nova.

Obviamente, acórdome do que escribo, aínda que dun xeito moi vago. Agora, reléndome, deime conta de que o día que escribín “A alma apolillada” estaba moi mal. Case non me recoñezo. O caso é que non recordo o motivo de tan tremendo desazón. Seguramente sería unha especie de fastío multifactorial, por dicilo dalgunha maneira.

O meu colega é dos que pensa que non debo desperdiciar o meu presunto “talento” escribindo no blog. Discrepo. Para desperdiciar algo, primeiro hai que telo. Segundo, o talento, sen recoñecemento público, non serve para nada. Terceiro, o talento nin se crea nin se destrúe. Entón, pódese abusar canto se queira del porque tampouco se gasta nin se che rompe. A este colega rebatinlle o seu argumento porque sei que hai suficiente confianza.

Outro colega e o outro consello: hai que loitar, loitar e loitar, e presentarse a todos os certames literarios habidos e por haber, como fixo Juan Manuel de Prada nos seus comezos, ¿non liches “o suplemento” este domingo? “O Suplemento”, masculino, singular, como se estiveramos en Cuba e no noso pais so se publicara un xornal. A este non me molesto en facerlle a aclaración anterior porque é un tipo moi susceptible e sei que o seu consello esta cargado de boa intención.

Os colegas son fonte inesgotable de consellos, da igual que llos pidas ou non. Algúns, os máis ousados, atrévense a aventurarse nas zonas máis pantanosas da alma. Outro consello: non se debe chamar por teléfono ás persoas que non devolven as chamadas porque esa é unha mostra de total desinterese. Este procede do meu amigo Manuel que leva anos intentando transmitirme unha serie de principios reitores das relacións humanas que, segundo el, todo o mundo coñece e pon en práctica. Seica forman parte do pack “sentido común”. Unha de dúas: ou eu lle saín un alumno moi torpe, un auténtico kamikaze, ou o meu pack viña incompleto. Das mensaxes de texto inda non me dixo nada, non sei se terán o mesmo tratamento que as chamadas ou, pola contra, se terán lexislación propia.

Outro consello, esta vez de Miguel : non se pode andar entrando e saíndo da vida da xente cando che pete. Se o virades, ponse moi serio e fálame como se lle estivese berrando a un crío de cinco anos. Miguel é un fulano moi radical, incapaz de moverse nas fronteiras dos sentimentos. Penso que tampouco ten mala intención, el é así, sen máis. Inda vai ser culpa miña que me abran as portas de par en par e me reciban cun par de bicos.

Seguro que a estas alturas xa pensaredes que teño máis “asesores” que o mesmísimo Obama. Case,case. E iso que teño a inmensa sorte de que as tías-avoas, dende fai un tempo, xa me deron por caso perdido “o pobre é un rariño”. A tía Lita, que esa e primeira tía ou como se diga, non. Ela aínda non, que é moi persistente. Non sei porque estraña conexión neuronal me acabo de lembrar do spot do Cucal . "Las cucarachas son persistentes, nacen, crecen, se reproducen y con el nuevo Cucal Aerosol.... As perlas da tía Lita, que son auténticas e non dos chinos, que por algo ela foi das que gañou toooooodo canto ten traballaaaaando, non teñen desperdicio: “tes que facer o que máis che conveña”, “hai que saber escoller ben”. O que hai que oír. O ruído tamén é contaminación, acústica, para máis datos.

O meu querido primo Moncho tamén me fixo a súa aportación: “Cásate e senta a cabeza, non ves que felices estamos nós cos nenos”. Foi o ano pasado, pola festa do San Xoán. Este ano deixoume desconcertado: “Alvariño, cánta envexa me das”.
Agora que o penso, non me estraña que o ano pasado estivera tan mal. Este ano estou mellor, moito mellor. Vivo. Xa non preciso ir facer terapia a perfumería do Corte. Iso si, na casa teño perfumes para os vindeiros 20 anos. O meu tempo me levou. E por outra estraña conexión neuronal, debe ser cousa deste calor abafante, que antes de fulminarme cun certeiro golpe seguramente me estea a provocar cortocircuitos no cerebro, acabo este relato lembrándome do cantante Raphael , ¿Qué sabe nadieeeeee....?

** Coma os ovos da casa non hai.....


Viñeta de humor gráfico feita por Dávila

domingo, 18 de xullo de 2010

** A Lareira Máxica non participará nos Premios 20 Blogs

Este ano decidín non apuntar o blog nos "Premios 20 Blogs 2010", organizado polo xornal 20 Minutos e nos que A Lareira Máxica foi finalista nos anos 2008 e 2009. O prazo para anotarse nos Premios finaliza hoxe. A desaparición da categoría "Mellor blog en versión orixinal", isto é, escrito en lingua distinta ó castellano e a falta dunha categoría que recolla o espíritu da bitácora fixeron que este ano non inscribira ó blog.

domingo, 11 de xullo de 2010

** ¡¡ España gaña o seu primeiro Mundial de Fútbol !!



SUDÁFRICA. Julio Torres

España fai historia. Acaba de proclamarse campiona do Mundial de fútbol 2010 celebrado en Sudáfrica ó vencer merecidamente na final a Holanda por 1-0. O tanto foi acadado nos últimos minutos da segunda metade da prórroga por Andrés Iniesta. Fronte ó xogo italianizado e marrulleiro dos holandeses, España respostou con bo fútbol e fair play.

¡¡España consigue o seu primeiro Mundial de fútbol!!. Releva a Italia, que o conquerira no 2006. Recordemos que tamén gañou a Eurocopa do 2008. Así pois somos campións de Europa e campións do mundo. Un merecido premio a un excepcional grupo de 23 futbolistas, que saben xogar mellor que ninguén. En equipo. Sen egos, con modestia, cos pés na terra. Alégrannos un pouco a vida co seu fútbol e cos seus logros. ¡¡¡NORABOA!!!

APUNTE PARA TER MOI EN CONTA: Nestes momentos España é a selección campiona do mundo tanto en fútbol (2010) coma en baloncesto (título acadado no 2006 e que defenderemos a finales do verán) e España tamén é a selección campiona de Europa (hai que lembrar que os campionatos do Mundo e de Europa son dúas competicións independentes) en fúbol (ano 2008) e tamén en baloncesto (ano 2009). Estes catro campionatos celébranse cada 4 anos. Algo, penso, irrepetible. Ougallá se manteña o maior tempo posible.