** A alma apolillada, un ano despois
COMPOSTELA. Alvariño
Colaborador de A.L.M.

Uf, qué mal estaba o ano pasado. Non é casualidade que hoxe estea escribindo aquí, é que me preguntou un colega, falando das rebaixas, se comprara algunha colonia nova.
Obviamente, acórdome do que escribo, aínda que dun xeito moi vago. Agora, reléndome, deime conta de que o día que escribín “A alma apolillada” estaba moi mal. Case non me recoñezo. O caso é que non recordo o motivo de tan tremendo desazón. Seguramente sería unha especie de fastío multifactorial, por dicilo dalgunha maneira.
O meu colega é dos que pensa que non debo desperdiciar o meu presunto “talento” escribindo no blog. Discrepo. Para desperdiciar algo, primeiro hai que telo. Segundo, o talento, sen recoñecemento público, non serve para nada. Terceiro, o talento nin se crea nin se destrúe. Entón, pódese abusar canto se queira del porque tampouco se gasta nin se che rompe. A este colega rebatinlle o seu argumento porque sei que hai suficiente confianza.
Outro colega e o outro consello: hai que loitar, loitar e loitar, e presentarse a todos os certames literarios habidos e por haber, como fixo Juan Manuel de Prada nos seus comezos, ¿non liches “o suplemento” este domingo? “O Suplemento”, masculino, singular, como se estiveramos en Cuba e no noso pais so se publicara un xornal. A este non me molesto en facerlle a aclaración anterior porque é un tipo moi susceptible e sei que o seu consello esta cargado de boa intención.
Os colegas son fonte inesgotable de consellos, da igual que llos pidas ou non. Algúns, os máis ousados, atrévense a aventurarse nas zonas máis pantanosas da alma. Outro consello: non se debe chamar por teléfono ás persoas que non devolven as chamadas porque esa é unha mostra de total desinterese. Este procede do meu amigo Manuel que leva anos intentando transmitirme unha serie de principios reitores das relacións humanas que, segundo el, todo o mundo coñece e pon en práctica. Seica forman parte do pack “sentido común”. Unha de dúas: ou eu lle saín un alumno moi torpe, un auténtico kamikaze, ou o meu pack viña incompleto. Das mensaxes de texto inda non me dixo nada, non sei se terán o mesmo tratamento que as chamadas ou, pola contra, se terán lexislación propia.
Outro consello, esta vez de Miguel : non se pode andar entrando e saíndo da vida da xente cando che pete. Se o virades, ponse moi serio e fálame como se lle estivese berrando a un crío de cinco anos. Miguel é un fulano moi radical, incapaz de moverse nas fronteiras dos sentimentos. Penso que tampouco ten mala intención, el é así, sen máis. Inda vai ser culpa miña que me abran as portas de par en par e me reciban cun par de bicos.
Seguro que a estas alturas xa pensaredes que teño máis “asesores” que o mesmísimo Obama. Case,case. E iso que teño a inmensa sorte de que as tías-avoas, dende fai un tempo, xa me deron por caso perdido “o pobre é un rariño”. A tía Lita, que esa e primeira tía ou como se diga, non. Ela aínda non, que é moi persistente. Non sei porque estraña conexión neuronal me acabo de lembrar do spot do Cucal . "Las cucarachas son persistentes, nacen, crecen, se reproducen y con el nuevo Cucal Aerosol.... As perlas da tía Lita, que son auténticas e non dos chinos, que por algo ela foi das que gañou toooooodo canto ten traballaaaaando, non teñen desperdicio: “tes que facer o que máis che conveña”, “hai que saber escoller ben”. O que hai que oír. O ruído tamén é contaminación, acústica, para máis datos.
O meu querido primo Moncho tamén me fixo a súa aportación: “Cásate e senta a cabeza, non ves que felices estamos nós cos nenos”. Foi o ano pasado, pola festa do San Xoán. Este ano deixoume desconcertado: “Alvariño, cánta envexa me das”.
Agora que o penso, non me estraña que o ano pasado estivera tan mal. Este ano estou mellor, moito mellor. Vivo. Xa non preciso ir facer terapia a perfumería do Corte. Iso si, na casa teño perfumes para os vindeiros 20 anos. O meu tempo me levou. E por outra estraña conexión neuronal, debe ser cousa deste calor abafante, que antes de fulminarme cun certeiro golpe seguramente me estea a provocar cortocircuitos no cerebro, acabo este relato lembrándome do cantante Raphael , ¿Qué sabe nadieeeeee....?




