domingo, 21 de decembro de 2008

** Xa hai 25 anos daquel "milagro" futbolístico...

Se falamos de Francia non podemos olvidarnos da Torre Eiffel. Se os nosos pensamentos se centran en Italia, a Torre de Pisa, Roma ou Venecia debúxanse na cabeza. Se nos referimos a Londres, o Big Ben sempre estará presente... ¿E se o país en cuestión é Malta? Pois aquí non hai monumento que valga... Do primeiro que nos acordaremos, especialmente se nos gusta o fútbol, é da malleira que a selección española lle endosou a de Malta (12-1) no estadio Benito Villamarín de Sevilla (hoxe rebautizado como estadio Ruíz de Lopera), nun día coma hoxe hai 25 anos: un 21 de decembro do ano 1983. O partido era clasificatoria para xogar a Eurocopa de Fútbol de Francia do ano 1984 (na que por certo quedamos segundos, logo de perder coa Francia de Platini na final).

Precisabamos gañarlle a Malta por 11 goles de diferencia para obter o pasaporte para a Eurocopa. Soaba a milagro pero acadouse. Moitos hoxe aínda se preguntan se houbo "tongo" ou foi un triunfo limpo. Quero pensar que foi isto último. A xesta lembrarase sempre no fútbol español. Por certo, a clasificación española deixou fóra a selección de Holanda.
Era a España adestrada por Miguel Muñoz e na que xogaron Buyo, Camacho, Maceda (2 goles), Goicoechea, Señor (1 gol -o doceavo-), Víctor, Gordillo, Sarabia (1 gol), Carrasco, Rincón (4 goles) e Santillana (4 goles). Marcos Alonso entraría nos últimos minutos sustituíndo a Rincón. Máis información do partido aquí.
E como as imaxes falan por sí soas....

E ¿alguén se lembra desta cortinilla que usaba TVE para dar paso á retransmisións dos partidos de fútbol daqueles anos? Vaites, ¡¡ cómo pasa o tempo !!




UN ARTIGO FEITO POR: Julio Torres
Coordinador de A Lareira Máxica

venres, 19 de decembro de 2008

** WANTED, SE BUSCA


SE BUSCA: Responde polo nome de María, e é colaboradora habitual de A Lareira Máxica. No momento da súa desaparición portaba unha gran tarta de cumpreanos e moitos pasteis, suponse que eran para repartir entre os visitantes de A.L.M. Agradeceríase que quen a vise nos informara do seu paradoiro mediante un comentario. Gratificarase cun anaco da tarta de María (se aínda deixou algo, claro...).
María, FELICIDADES!!!

mércores, 17 de decembro de 2008

** Un blog que denuncia a falta de seguridade na A-9

Conducir por autopista en principio é seguro, pero se se produce un accidente éste pode ter graves consecuencias. Ser precavido e cauto ás veces non chega, porque hai outros factores que ti non podes controlar, como por exemplo a climatoloxía e unha insuficiente información nos paneis informativos da autopista.

Remíteme Miguel Edreira un correo no que me informa da creación do blog autopistasdelatlántico.com. Contra o que poida parecer non é un blog de AUDASA senón duns usuarios da autopista no que dan conta dun accidente acontecido o pasado 12 de decembro. Nel viuse implicada Luisa, a muller de Miguel. No blog relata cómo foi e critica a AUDASA: "creemos que é de recibo que se manteñan unhas mínimas condicións de seguridade, que hai xeo se bote sal ou se advirta, que se hai accidentes bloqueando a auto-estradas se corten as entradas inmediatamente. Queremos xustiza pero sobretodo que isto non volte suceder", afirma, con razón, Miguel. E é que Luisa sufriu un accidente grave que lle provocou unha fractura de columna, tal e como afirma o seu home, por mor do abundante xeo existente no firme da calzada e no que se viron implicados uns 40 vehículos.

O blog nace co fin de "denunciar a falta total de seguridade e mantemento da AP-9 xestionada por Autopistas del Atlántico (AUDASA). Para que todos os afectados/as teñan un lugar onde contar a sua história. No meu caso serverá para dar conta das accións legais e demais reclamacións contra AUDASA polo accidente do día 2 de decembro de 2008 na AP-9 (en Ordes)".

Coido que a información que se facilita no blog é moi interesante (incluidos links da noticia en vídeo e en prensa) e merece a pena visitalo. E máis se ti eres unha da persoas dos que se viu implicada nese accidente en cadea, que lle puido ter pasado a calquera de nós.

** A Lareira Máxica, finalista nos premios 20 Blogs


A Lareira Máxica é unha das bitácoras finalistas dos Premios 20 Blogs 2008, na categoría mellor blog en versión orixinal. En concreto quedou segunda, por detrás do blog catalán En veu alta, que se alzou co triunfo neste apartado.

Mañán xoves celébrase a entrega dos Premios nas 20 categorías do concurso, na que so falta por coñecer o mellor blog 2008, gañador que sairá entre estes cinco blogs:

- Bolibic Bloc
- Chica Geek
- La lógica del titiritero
- Mangas Verdes
- Mi Mesa Cojea

A Gala de entregas de premios celebrarase no Palacio de Vistalegre de Madrid e estará presentada polo famoso locutor de radio Joaquín Guzmán ("La Gramola", e un dos artífices do excelente portal de música "Rockola.fm" -tedes o enlace en A.L.M.-). Á gala está invitados tódolos blogueiros en xeral. A Lareira Máxica non poderá estar presente porque un ten que traballar e non pode desprazarse a Madrid así por así a golpe de xoves. Gustaríame ter estado aínda que A Lareira Máxica non obtivo ningún premio, pero serame totalmente imposible polas razóns xa sinaladas. Mal día un xoves, por certo... Se aínda fose na fin de semana...Que tomen nota o Diario 20 minutos para vindeiras edicións...

Se queredes saber cales foron os finalistas nas diferentes categorías dos Premios 20 Blogs 2008, podedes velos neste enlace. Curiosamente na categoría "Premios de los Blogueros 2008" (que tiña en conta o número de votos de tódolos blogs participantes nos Premios 20 Blogs 2008), A Lareira Máxica ocupou a posición número 20. Simpática anécdota, se temos en conta o nome dos Premios.

Aproveito, unha vez máis, para agradecer a tódalas persoas que fan posible os contidos de A Lareira Máxica -un dos blogs de Sanxenxo, no que os seus colaboradores, curiosamente, son de fóra deste concello- e á aquélas que participan en forma de comentarios. Este segundo posto honorífico é gracias a gracias a elas, do contrario éste sería un blog morto. Por suposto, alégrame que houbese blogueiros ós que lles gustara A Lareira Máxica e votasen por ela. Serve para animar a este servidor a seguir adiante. E ougallá este blog sexa coñecido por máis xente, que se animen a visitalo e a participar. Iso sería todo un éxito. INSISTO: A Lareira Máxica é un blog colectivo...Tódalas propostas de publicacións de artigos serán moi benvidas: actualidade, opinión, humor, música, cine, teatro, internet, fotografía, relatos, lembranzas, vídeos, etc. ANIMÁDEVOS, que non hai extensión mínima!!!


ACTUALIZACIÓN 19-12-08: O Xurado dos Premios 20 Blogs 2008, decidiu que hai dous gañadores no apartado de mellor blog no 2008. Éstes son: Bolibic Bloc (Blog galego feito por Tito Otero) e Mangas Verdes (de Manuel Almeida). Cada un deles alzouse cun premio en metálico de 3.000 euros.
Así mesmo, 20 minutos.es crea un directorio de blogs chamados "La Blogoteca" no que, de partida, xa figuran tódolos blogs participantes na edición dos Premios 20 Blogs 2008. E @s que non participaron, pódense inscribir neste directorio desde xa, visitando La Blogoteca.