** RadioVoz Vigo: 10 anos antes. Un artigo moi entrañable
Os comentarios completos deste artigo hai que lelos na sección de comentarios destoutro enlace

Mes de xulio. Era cedo. Demasiado quizais. O día aínda non amencera pero alí me atopaba naquel autobús que me conduciría de Sanxenxo a Pontevedra. Tras coller o tren TRD chegaría a Vigo. Xa na cidade olívica a rúa Alfonso XII (¿ou XIII? -sempre as confundo-) veríame baixar por ela mañán tras mañán durante uns meses. Sempre a mesma rutina. Un día tras outro.
Logo de deixar á esquerda a Igrexa de Santiago de Vigo, torcería á dereita para encarar a rúa García Barbón, tan grande ela. Minutos despois, fin de traxecto: 104 baixo do Edificio Vista Alegre. No “escaparate” daquela entrepranta asomaban xornais e demais publicidade do grupo multimedia. Uns metros máis arriba uns altavoces permitían ós viandantes escoitar a radio en directo. A radio que se facía uns metros máis adentro. Naquel intre, a casualidade apropiouse da miña chegada. Escoitouse: Radio Voz Vigo. 101´9 F.M (que anos máis tarde mudaría ó 103,8 F.M. actual). “Sin Voz no hay Radio”. Non había dúbida aquél era o lugar onde traballaría. Xa chegara a RadioVoz, á radio onde realizaría as miñas prácticas de xornalismo nos informativos e no magazine desta cadea do Grupo Voz.
Hoxe, 10 anos despois, o que escribe non pode deixar de lembrar aquela experiencia. Polo positivo do recordo. Podía pensar no traballo duro que é a radio coas súas présas e agobios ou o feito de que foron unhas prácticas sen remunerar e que so me depararon moitos gastos, pero isto pasa a un terceiro plano. O que un servidor lembra é todo o que aprendín alí e o feito de dar cuns compañeiros de traballo xóvenes que conectamos ben. Un bo equipo. O tempo pasa pero os bos momentos vividos e a amizade perduran. Divino tesouro a amizade.
Sei que vos levo dando a lata hai bastantes días co tema do artigo entrañable, pero é que un non pode olvidar unha efeméride tan especial como ésta. Contrasentidos da vida. En setembro do 98, Iñigo Elvira máis eu tiñamos unha sección do magazine “Voces de Vigo” (9:20-12:00) no que nos adicabamos a lembrar noticias recollidas no xornal “La Voz de Galicia” que aconteceran 10 anos antes: en 1988. Na hemeroteca do Grupo Voz puiden ler cousas que pasaran no 88: O Celta de Maguregui, o secuestro de Emiliano Revilla e tantas outras, incluidos os concertos de Mecano. Hoxe, 10 anos despois estou recordando o que pasou precisamente nese ano, en 1998. Chegados a este punto é obrigado dicir: ¡¡ Qué RÁPIDO pasa o tempo !!. ¿A que sí amigo Iñigo?.
Toca acordarse da xente. Hai que ser agradecido. Lémbrome de toda a xnte coa que compartín redacción (os da radio eramos poucos en comparación cos compañeiros de “La Voz de Galicia”, pero algúns máis que os veciños de “Atlas Vigo”), pero mención especial merecen cos que traballei máis cóbado con cóbado: Iñigo Elvira (sobre todo), Santi Tejedo, Raquel Sánchez, Roberto Redrado ou os técnicos de sonido Diego Barros, Diego García, Ángel Mosquera (pedazo de voz a de Ángel, o home-anuncio) e Tania Rodríguez. Con todo, había máis persoas que, aínda sen traballar con ela, compartimos momentos de conversa: desde a limpadora, Emilia (se non me falla a memoria), que era unha das primeiras en chegar ata, ata @s de administración (os que me pagaban os desprazamentos para cubrir as novas) ou os gardas de seguridade –algún máis simpático e atento que outros-. A todos e todas grazas.
Pasemos a falar dos compañeiros cos que traballei a miúdo na miña estadía en RadioVoz Vigo.
Con Santi Tejedo compartín excelentes momentos no seu Voces de Vigo. El sempre bromista, cheo de humor e cun sorriso na súa faciana, á par que metódico no seu traballo. Unha persoa entregada. Aquelas seccións de “El Club de Fans” ou “En el Disparadero” no que resaltabamos a algo ou alguén por algo bo ou por algo malo, respectivamente. Lembro de igual xeito as conversas que Santi mantiña co ecoloxista Antón Lois ou co taxista Ramón Blanco.
Con Iñigo Elvira traballei nos servizos informativos e tamén, como xa dixen, o magazine de “Voces” cando Santi estivo de vacacións. Persoa moi, pero que moi traballadora era o primeiro en chegar á emisora para presentar o primeiro informativo da mañá en Vigo: o das 8:20. Ése é Iñigo: un currante nato. Hoxe traballa de xornalista en Madrid. Por certo, Iñigo, aínda me acordo daquela sorpresa agradable que me déstedes o día do meu cumpreanos ti, Caty Mosquera e Diego García. Grazas por aquel agasallo virtual.
Con Roberto Redrado, este amigo navarro compañeiro de deportes, tiven a oportunidade de presenciar partidos do Celta contra o Benfica, a Fiorentina e o Compostela. Asistimos a eclosión e nacemento dunha estrela: Claude Makelele, e dun eurocelta: o adestrado por Víctor Fernández e no que brilarían Caballero, Míchel Salgado, Mostovoi, Karpin, Gustavo López, Mazinho,... O Arges Pitesti rumano sería a súa primeira víctima. Aquel Celta rianxeiro...
Con Raquel Sánchez estiven na miña última etapa en RadioVoz, tamén dentro de “Voces de Vigo”, logo da marcha de Santi Tejedo. Aínda que non foron moitos programas os que traballei con ela, tamén foi unha experiencia profesional moi gratificante e intensa realizando entrevistas, enquisas e levando adiante a produción e redación do magazine, como xa antes fixera con Iñigo e Santi no mesmo espacio. Raquel, outra gran xornalista, como o resto daquel xove grupo.
Cos técnicos de sonido compartimos moitos momentos e présas porque na radio todo, ou case todo, se vive á présa. É a inmediatez e ás veces andamos escasos de tempo para editar cortes e grabar cousas para emitir. Traballei con catro: Ángel Mosquera (gran voz, escoitade a súa voz no corte que ven a continuación), Diego Barros, Diego García e Tania Rodríguez.
A todas e todos grazas pola vosa axuda, paciencia e comprensión con aquel traballador en prácticas. Xente moi simpática, agradable e atenta.
Estes foron os compañeiros cos que máis traballei pero houbo outr@s cos que tamén coincidín, e nalgúns casos traballei puntualmente: as compañeiras de prácticas Arancha Abad, Caty Mosquera ou Teresa Egerique, amais de Antonio Varela (aquel portugués que presentaba un espazo de música e charla cos oíntes nas tardes de RadioVoz Vigo), Antonio Saborido (informativos deportivos), o paiaso Popín (colaborador do magazine) ou Concha Gómez (informativos), entre outr@s. Un saúdo a eles, ó director daquela, José Luis Pando, e a tod@s dos que me poida olvidar agora.
En 10 anos a vida cambiou moito. E xa non me refiro ao elevado prezo do petróleo –que tamén-. Moitos casados/as e con fillos/as. Coido que agás Antonio Saborido (Deportes), xa non queda ningún dos antigos compañeiros en RadioVoz. A vida mesma e os exigüos soldos que florecen na meirande parte (sendo bo) dos medios de comunicación. Hai cousas que 10 a nos despois, en troques, non cambian no panorama xornalístico a nivel estatal.
Poucos raballan xa no xornalismo. Menos aínda son as persoas fan da radio o seu medio de vida: a xornalista Raquel Sánchez presenta o magazine “Vigo en la Onda”, en Onda Cero Vigo, emisora na que tamén traballan agora os técnicos de sonido Ángel Mosquera e Diego García. O resto deixou a radio e traballan dentro do mundo do xornalismo noutras cidades ou ben optaron por outras profesións que lles reporten máis estabilidade laboral e, sobre todo, máis ingresos, coma é o caso meu e de máis ex-compañeiros/as.
No que respecta a min, ougallá algún día poida colaborar con algún medio de comunicación, pero teño moi claro que sería sempre compatibilizándoo coa miña outra profesión. A actual, a que me dá de comer, a social, aquela para a que tamén estudiei e na que levo traballando desde hai moitos anos, tras a miña etapa como xornalista de prensa e radio, dous medios que me encantan e dos que son asiduo consumidor. É unha mágoa o ter que deixar de lado o xornalismo para poder vivir. Estou completamente seguro que tod@s aqueles cos que traballei son persoas moi preparadas e moi, pero que moi, válidas en calquera rama dos medios de comunicación. Traballadores e boas persoas. Digo máis: voces moi boas para a radio.
Xa pasaron 10 anos daquela experiencia radiofónica, pero os bos momentos permanecen e a amizade de moit@s non se borra. Grazas!!!. Por certo: ¿sen voz hai radio? A resposta parece evidente...
Mónica Naranjo (1998): “Vivo en libertad”
.......................................................................................................................
P.D.: Os fragmentos radiofónicos que ilustran este macroartigo son algúns dos que teño grabados de magazines ou informativos nos que traballei. Cómpre dicir que nalgúns cortes radiofónicos a calidade técnica deixar moito que desexar, pero son alleos á miña vontade. Mágoa que non teña máis grabacións das que un desexara.
UN ARTIGO ELABORADO POR: Julio Torres Coordinador de A Lareira Máxica


