venres, 28 de marzo de 2008

** Top de comentaristas en A Lareira Máxica

¿Quen son os que máis comentan artigos en A Lareira Máxica?. Descúbreo na columna da dereita, logo dos últimos comentarios. ¡¡¡Anímate a comentar!!! Un blog aliméntase dos teus comentarios. É unha peza indispensábel.

ADVERTENCIA: Este artiluxio que contabiliza os vosos comentarios ten algún falliño pois non discrimina maiúsculas de minúsculas e non sabe que o Julio e Julio Torres é a mesma persoa. Deste xeito, por exemplo, diferencia os comentarios do Julio dos de Julio Torres. Cando comentedes usade o mesmo nome e escríbedeo do mesmo xeito se non queredes que volos diferencie como lle pasou ao Julio. Por esta causa o top inclúe a 11 persoas en troques de 10 que sería o máis lóxico.

** Naufraxio

S empre me gustou a vela. Recordo moi ben a primeira vez que subín a un veleiro. Hai moitos anos que foi. Eu, daquela, aínda era un cativo e pensaba que me ía marear. Non me mareei, gustoume moito. Navegar a vela é unha experiencia incrible. Para min, a mellor metáfora da liberdade é deitarse na cuberta mentres o vento incha as velas e o barco se desliza silencioso sobre as augas.

Agora, aquí me tendes, agarrado a catro táboas, á deriva. É de noite e o ceo está estrelado. Mañá ha de petar forte o calor. Non teño comida e no garrafón da auga deben quedar catro ou cinco litros. O mar que fai unhas horas se ergueu violento xa acougou. Estou perdido no medio da inmensidade. A liberdade trocouse en soidade. Estame entrando o medo. Non teño reloxo, non sei cantas horas pasaron dende o naufraxio. Hoxe pensei moito, véñenme á cabeza moitos recordos. Non comín nada dende o almorzo máis non sinto fame. A película da miña vida segue pasando por diante dos meus ollos: a primeira bici, os cumpreanos, a primeira comuñón, o primeiro bico, a primeira muller, a morte dos seres queridos, os meus cans,... Centros de imaxes, centos de momentos conxelados na memoria. Desta vez fíxena boa. Vai calor, un calor abafante, tormentoso. Teño o lombo empapado.
Abro os ollos, estou suando. O pixama de franela abriga moito. Desabrocho os botóns da chaqueta e tíroa enriba da alfombra. Boto as mantas para atrás e tápome só coa sábena. Xa estou mellor, o corazón báteseme. Non pasa nada, soamente foi un pesadelo. Soñaba que se afundira o meu barco e que estaba so no medio do mar. Qué medo pasei, qué soidade máis espantosa a do náufrago. Foi iso, un pesadelo, nada máis. Vou intentar durmir. Quedo quieto e pecho os ollos. Qué calor máis tolo, estou afogando. Qué asco de tempo, así non hai quen durma. Estou cansado, cansado, moi cansado,...

-¡Alvariño, Alvariño, voume tirar!
-Apártate de aí Pilita, non sexas parva.
-Pois se non queres que me tire terás que vir a buscarme.
-Non, non quero. Deixa de facer o parvo e vente para dentro cear.
-Pero, cómo vives nun ático con terraza padecendo vertixe.
-Eu que sei, supoño que non atopei nada máis barato que este piso sen ascensor. Anda, non sexas boba e vente para dentro comer un anaco de pizza.
Un golpe seco estremece a noite.
-¡Pilita, qué fixecheeeees!

Un can ouvea insistentemente mentres que os do 061 botan a Pili nunha padiola. Os cadrados da aceira quedaron marcados na súa pel. Do oído dereito córrelle un fío de sangue. A ambulancia pérdese rúa abaixo e un policía pídeme que o acompañe. Seica
teño que declarar.

- Non sei nada, de verdade, -dígolle chorando-, eu estaba na cociña cortando un anaco de pizza.

Volvo a espertar sobresaltado, non podo durmir. Estou nervioso e cansado. Cánto mal me fixo o café. Non sei porque o tomei, eu son do descafeinado de toda a vida. Non sei que me pasa, estou cansado, moi cansado. Son ás catro da maña e quero durmir un pouco.

- ¡Dáme a carteira!
- Non levo cartos.
-¡Dáme a carteira que che pego unha navallada!
- Déixeme, déixeme, non levo nada.
-¡Mecagoendiós, cala a boca e dáme o reloxo!

A rabia do asaltante aumenta ó comprobar que o reloxo que leva a vítima é un vello Swatch de plástico transparente.

-Serás papaostias, este reloxo é unha merda. Agora, vas ver. ¡Zas!, esta por parvo. ¡Zas!, e esta por saír a rúa sen cartos, pailán do demo.

O asaltante escapa apurado e Juanjito bota as mans ó abdome intentando conter a hemorraxia. Un torrente vermello tingue o mármore do chan. Juanjito cae desmaiado nunha esquina do seu portal mentres que os seus ollos quedan cravados nos buzóns novos, de aceiro, relucentes coma o fío da navalla.

Esperto outra vez. Teño o pulso acelerado e sinto que me falta o aire. Qué mal me fixo a cea, qué pesadez de estómago. Xa sei como vai acabar isto. Está claro, diagnóstico: cagarría. Xa empezo a sentir as molestias típicas, estas punzadas no ventre e estes suores fríos resúltanme coñecidos.

- ¡Puf...puf...!
Peidos. Meto o nariz debaixo da sábena. ¡Cómo cheiran! ¡Qué noite! “Churrasco a rebentar”, non sei por qué me deixo levar por Juanjito.
-Se eu son vexetariano, Juanjito.
-Boh, déixate de andrómenas Alvariño, que un día é un día. Mira o que pon este anuncio: “Parrillada Arxentina, por once euros parrillada de churrasco e criollos “a rebentar”, ensalada, sobremesa a elixir e café”. ¿Qué máis se pode pedir?
- Se ti o dis, Juanjito...
¡Miña barrigaaaa...! Esta vez, a publicidade non enganaba, rebentei. Non sei que me pasa, cánto calor vai, qué cansado estou, moi cansado, moito.

“Os mozos da localidade Juan José M. G. e María del Pilar M. G. faleceron esta madrugada cando regresaban a súa casa despois de cear cuns amigos. O turismo no que viaxaban chocou frontalmente con un todoterreo que circulaba en sentido contrario. Segundo afirmaron varios testemuños, o todoterreo, que ía a gran velocidade, fixo un adiantamento nunha zona de escasa visibilidade A brutalidade do choque foi tal que os ocupantes dos asentos dianteiros do turismo faleceron no acto. Álvaro M.S., que viaxaba nos asentos posteriores, permanece ingresado na UCI do hospital clínico de Santiago. O seu prognóstico é crítico aínda que se encontra estable dentro da gravidade. O condutor do todoterreo resultou ileso e permanece detido nas dependencias policiais xa que ademais de conducir dun xeito temerario dou positivo no control de alcoholemia”.


Nota do autor: tranquilos, Alvariño, Juanjito e Pili son só personaxes



UN RELATO FEITO POR: Alvariño
Gran colaborador de A Lareira Máxica

** A Frase Máxica de....

" Moitas veces basta unha palabra, unha mirada, para encher o corazón dun neno "



Madre Teresa de Calcuta

xoves, 27 de marzo de 2008

** CQC pasará a emitirse en La Sexta proximamente

Sen dúbida afirmo que é unha boa nova: CQC PASARÁ A A EMITIRSE EN LA SEXTA. ¿Por que? Pois porque Telecinco viña maltratando reiteradamente a CQC. Primeiro retirándoa no 2002, seica por decisións políticas. Logo voltouna a rescatar uns anos máis tarde, pero a excepción de Arturo Valls, os homes de negro cambiaran todos. E non estaban cargados dese humor fresco e tan intelixente do que facía gala con el Gran Wyoming (presentador actual de "El Intermedio" en la Sexta), Juanjo de la Iglesia (un como xornalista, añora aínda os seus espléndidos cursos de ética periodística), Javi Martín, Pablo Carbonell, Sergio Pazos, Tonino, Mario Pazos (hoxe na sección de Deportes de la Sexta, por certo) e o propio Arturo Valls.

Pero Telecinco non contento con contratar a homes de negro que non encaixaban no perfil de homes de negro, agás Arturo Valls e o galego "Gonzo" e os seus inefables Proteste Ya, vía como os seus reporteiros se ían marchando e chegaban outros aínda peores. Pero o maltrato a CQC agrandouse cando se pasou a emitila case de madrugada. Iso é que a finais de xaneiro decidiu suspender a súa emisión, curiosamente antes da campaña electoral, pois selou a súa defunción na 5..

La Sexta -que para min é unha boa televisión que apostou por programas de humor e polo deporte, amais de series de éxito e informativos- aposta agora por CQC e adquire os seus dereitos. Un gran acerto e un valor seguro que voltará a cotizar a alta. Tempo ó tempo.

So falta saber quen será os seus homes de negro na nova versión. Manel Fuentes, o seu último conductor parece que se quedará en Telecinco porque ten un contrato de longa duración que o ata a esta televisión. Coido que é un bo humorista pero que nunca encaixou en CQC a pesar de que o tentou. Pero a sombra alongada de El Gran Wyoming era implacable. Oxalá sexa éste o seu "novo" presentador. Por estar xa está na Sexta, pero ó mesmo tempo coido que para el poidera ser un paso atrás ó voltar a unha etapa da súa vida que creía pechada. Ou iso pode pensar. Para min sería unha acertada que La Sexta e Wyoming apostaran por este último como presentador.

O seu humor mordaz, sarcástico e moi intelixente ségueo a demostrar con creces en La Sexta, no programa "El Intermedio", a iso das 21:30 horas,media hora despois do informativo da cadea. Un programa que adoita comenzar cunha frase pronunciada polo Wyoming. "Acaban de escuchar las noticias. Ahora les contaremos la verdad" E facer humor intelixente non é tan doado como moitos pensan.

Desde aquí, aínda que seguro que ninguén da Sexta nin ninguén importante me vai escoitar, REIVINDICO UN CQC CON WYOMING E ALGÚN DOS REPORTEIROS DA PRIMEIRA ETAPA.

¿Vos que pensades de CQC e da súa nova etapa? ¿Cal credes que sería o seu presentador ideal?

# Máis información sobre a noticia neste enlace #



UN ARTIGO ELABORADO POR: Julio Torres
Coordinador de A Lareira Máxica