** Atende: se che caen os dentes debes saber...
Nun país moi afastado, ó oriente do gran deserto, vivía un vello Sultán dono dunha inmensa fortuna. O Sultán era un home moi temperamental, ademais de supersticioso. Unha noite soñou que perdera todos os dentes. Inmediatamente logo de espertar, mandou chamar a un dos sabios da súa corte para pedirlle urxentemente que interpretase o seu soño.
- ¡Que desgracia meu Señor! - exclamou o sabio - Cada dente caído representa a perda dun parente da vosa Maxestade.
- ¡Que insolencia! - gritou o Sultán enfurecido - ¿Como te atreves a dicirme semellante cousa? ¡Fora de aquí!
...--->Ve-lo Artigo completo....
Chamou ós seus gardas e ordenoulles que lle desen cen lategazos, por ser un paxaro de mal agoiro. Máis tarde, ordenou que lle trouxesen outro sabio e contoulle o que soñara. Este, logo de escoitar ó Sultán con atención, díxolle:
- Excelso Señor, gran felicidade vos foi reservada. O soño significa que a vosa mercé terá unha longa vida e sobrevivirá a todos os seus parentes. Iluminouse o aspecto do Sultán cun gran sorriso e ordenou que lle desen cen moedas de ouro. Cando saía do Palacio, un dos conselleiros reais díxolle admirado:
- ¡Non é posible! A interpretación que fixo do soño do Sultán é a mesma que a do primeiro sabio. Non entendo por qué ó primeiro castigouno con cen azoutes, mentres que a vos prémiavos con cen moedas de ouro.
- Recorda ben amigo meu -respondeu o segundo sabio- que todo depende da forma en que se din as cousas. A verdade pode compararse cunha pedra preciosa. Se a lanzamos contra o rostro de alguén pode ferir, pero se a metemos nunha delicada embalaxe e a ofrecemos con tenrura certamente será ben aceptada. Non esquezas querido amigo -continuou o sabio- que podes comunicar unha mesma verdade de dúas formas: a pesimista que só recalcará o lado negativo desa verdade; ou a optimista, que saberá atoparlle sempre o lado positivo á mesma verdade.
Di o Libro dos Proverbios: "As palabras do home son augas profundas, río que corre, pozo de sabedoría. Cos seus beizos, o necio métese en líos; coas súas palabras precipitadas búscase bos azoutes. Cada un comerá ata o cansazo do froito das súas palabras. A vida e a morte dependen da lingua; os que falan moito sufrirán as consecuencias".
------------
"Los dientes del Sultán", historia extraída do libro Las Mil y una noches (literatutra árabe)
Historia remitida por: Mariam
Gran Colaboradora de A Lareira Máxica






