mércores, 28 de febreiro de 2007

** Apocalypto: Unha peli de obrigada visión

O meu reencontro co cine foi hai cousa dun mes, aproximdamente, vendo esta peli. Lera as críticas que dela se facían. Moi boas. Asustábame o feito de que nela tivesen lugar sacrificios humanos....E hainos. Abofé que sí. Non sei por onde empezar. Tentarei ser breve e sintético, porque poderia falar bastante.

A película está dirixida por Mel Gibson. Dura case dúas horas e cuarto, aínda que nos folletos e xornais diga 139 minutos, apenas chega os 130. Os seus protagonista son Rudy Youngblood, Dalia Hernández -moi guapa- e Jonathan Brewer.

Rodada en varios lugares de México, sitúase temporalmente na civilización maya, antes da chegada dos primeiros colonizadores. Relata o drama dun pobo asoballado por outro que practica os sacrificios humanos en ofrenda ós deuses (os "mayas"). Está repleta de sentimentos, moito drama (cun oco para o humor) e acción moita acción. Ata o final un non debe despistarse o máis mínimo. E as veces o aparente non o é tanto...Ve-lo Artigo completo....


Moitos dos actores son indíxenas de verdade, e música e os movementos raudos e veloces da cámara sabe cautivar e manter a emoción e a tensión do espectador que asiste atónito a unha persecución infernal e interminable.

A morte crúzase de forma voraz e inxusta no transcurso da película, que alcance o seu punto máis cruel nos sacrificios e decapitacións. Escenas que poñen a pel de galiña. Tanto que parece tan real como a vida mesma.

O que poidera parecer un problema: os diálogos son todos en maya yucateco, non o son ya que se pode seguir moi ben a traducción deste mediante subtítulos. É tan fácil mergurllarse no argumento que non te chegas a dar conta que empregan unha lingua primitiva e que non están falando en ningún idioma actual.

Por último, destacar a fermosura das cataratas que aparecen ó longo da trama e que a peli tamén colleitou críticas por parte de certos colectivos que non está dacordo cómo se tratou o seu contido.

Conclúo: Moi boa película de Mel Gibson, que suscitara tanta polémica xa con "La Pasión de Cristo". Vale a pena vela, e pesar da atrocidade dos sacrificios humanos (sempre se pode desviar a vista nese intre). Moi recomendada.Desas que crean aficción pola gran pantalla.





OPINIÓN CINEMATOGRÁFICA feita por: Julio

** A Frase Máxica......5 co amor de por medio

-->"Non toda distancia é ausencia nin todo silencio é olvido"
-->"Se houbo un verdadeiro amor, xamais haberá un verdadeiro olvido: o sentimento perdurará para sempre no corazón"
-->" A curta ausencia aviva o amor, a longa mátao. O que non se sabe é que tan longa ou curta debe ser "
--> "Amar na distancia so é posible cando se fai de maneira sincera, clara e sen dúbidas, do contrario enterralo en vez de cultivalo"
--> "No amor tres persoas son multitude, pero unha é insuficiente"

martes, 27 de febreiro de 2007

** A Frase Máxica............Que razón leva!!

“Mentras máis admirado sexas, máis xulgado e criticado serás, xa que a xente mediocre nunca é xulgada nin criticada” (Ricardo González )
Y en español se dice...
“Mientras más admirado seas, más juzgado y criticado serás, ya que la gente mediocre nunca es juzagada ni criticada” (Ricardo González)

luns, 26 de febreiro de 2007

** O Recuncho Literario.........(Nova sección)

Quixera agradecer a Mariam a proposta que me fixo dunha nova sección para este blog. Trátase dun espacio onde teñan cabida textos literarios da nosa literatura galega. Paréceme unha excepcional idea. Evidentemente so se publicarán pequenos fragmentos, coma o de hoxe. A idea é que sexan de escritores ou escritoras consagrad@s, xa que para os de "a pé" xa hai a posiblidade de enviar relatos curtos, como xa se ven facendo neste blog.

Aproveito para dicirvos que en A Lareira Máxica (A.L.M.) admito que tamén me enviades calquera artigo que, sen ser voso, vos guste. Iso si, se non é voso, tédesme que dicir de quen é ou onde o vístedes publicado. Ante todo ética. Non se pode apropiar un dun texto alleo e facelo pasar como seu. Iso si que non sería nada xusto.

E para inagurar esta nova sección que din en chamar: O Recuncho Literario, vou publicar un texto que nos enviou Mariam. É do tristemente desaparecido escritor galego Carlos Casares (aínda lembro aqueles pequenos artigos de opinión das cousas cotiáns que publicaba en certo xornal galego). Sen máis déixovos co relato.
...Ve-lo Artigo Completo



A rapaza do circo

El coñeceuna de casualidade. Unha tarde, a eso das seis, estaba sentado nun banco do xardín e advertiu que se lle achegaba unha rapaciña loura, de melenas longas, vestida cun pantalón short. Con acento francés preguntoulle ónde podería atopar un médico. Acompañouna. Polo camiño ela díxolle que era trapecista do circo e que seu pai -un antigo xendarme-, atopábase malo (pouca cousa: talvez unha mala dixestión), e que pedira que lle levaran un médico. El a penas falou. Ó chegar á clínica indicoulle: «Aquí». Ela deulle as gracias e invitouno a pasar pola taquilla, onde lle facilitaría un par de entradas prá función das oito.


Foi. Antes de subir ó trapecio, a rapaza, vestida de pescadora, cantou. Na metade da canción dirixiuse cara á butaca que ocupaba el e botoulle o sedal da cana, mentres lle dicía entre as risas de todos: «Pica, pica, pececito».

Volvéronse atopar ó día seguinte.Despois víronse tódolos días. Pasaban as tardes no río. Deitábanse na area. Enterrábanse. Nadaban. Ela faláballe de Marsella, da súa infancia. El pechaba os ollos e imaxinaba aquela rúa fronte ó porto, os barcos que Anne despedía cun pano branco dende a bufarda, a tía Françoise, Jules...

¿Como sería aquel Jules que lle dera o primeiro bico no portal?
-Era louro, coma min. E moi pencoso.
-¿Lémbraste del?
El tiña un sombreiro de palla sobre dos ollos pra tornar o sol. Volveulle preguntar:
-¿Lémbraste del?
Sentiu os labios dela que se po usaban nos seus. Foi coma un trallazo. Unha ledicia branca nacíalle dentro do corazón.
Despois bicáronse. Bicáronse moitas veces. E ela apoiou a súa cabeza no peito del.
Pronto correu a noticia de que se vían no río. Na casa rifáronlle. «¡O que me faltaba -dixera seu pai- un fillo titiriteiro».
Pero seguíanse vendo ás escondidas.
Hoxe os compañeiros de quinto desafiárono.
-A que non es home de subila pra aquí...
Non o dubidou. Asomouse á ventá e chamouna:
-¡Anne...!

Subiu. Recibiuna no hall e metéronse no laboratorio. Pecharon a porta por dentro e taponaron o buraco da pechadura cun cacho de papel. Os de quinto armaban barullo fóra. El ensinoulle as bolboretas, as pedras, os lagartos e as cobras metidos en formo!... Pediulle un alfinete e picouse nun dedo. Amosoulle o sangue a través do microscopio.

-¿Sabes unha cousa? -dixo da.
-¿Que?
-Que nos imos mañá.

Colleuná pola cintura e bicouna.E naquel intre chegou o director.
Cando saia será xa de noite e terase que ir prá casa sen vela, sen lle explicar, sen lle dicir o que ocorreu. E despois de cear dirá: «Quero ir ó circo». E o seu pai responderá: «Non». Entón irase á cama. E pensará: «Os vellos non saben». E os vellos (non tan vellos), na súa habitación nin sequera se lembrarán del e da francesiña Anne. E el ha tardar en durmir, pero durmirá. ¿Durmirá?.

Mañá ó se erguer, sentirase triste. Máis triste que ninguén. ¿E que será de Anne? Non a volverá ver. ¿Nunca máis? Nunca. Ergueuse moi cedo. Marchou correndo ó campo da feira. No sitio do circo só quedaba un redondel.

----------------------------------------------------------------



Fragmento estraído da obra Vento ferido
Do escritor Carlos Casares
(Sirva como unha homenaxe)



Foi remitido por: Mariam
Gran Colaboradora de A Lareira Máxica