mércores, 14 de febreiro de 2024

** A música dos 80. Todo tipo de música.

Amúsica dos 80 é, sen dúbida, un dos referentes do panorama musical. Tense falado ata o infinito. Non me estrana. En España foi a década das famosas movidas musicais de Madrid e Vigo. Moitas formacións musicais xurdiron dela. En Galicia temos aos Resentidos ou Siniestro Total como exemplos máis representativos.

...Pero os 80 son moito máis. Gran década. Por iso, no seu día, creei no Facebook unha páxina temática adicada a esta década: "La música de los 80(todo tipo de música)". Recomendo a súa visita para as persoas nostálxicas ou ás que lles gusta moito esa época. Nela atoparedes vídeos de música pop, baladas, rock, etc tanto español como internacional. Soamente son enlaces que podedes ver en Youtube, tamén de xeito gratuíto. Ou sexa, non ten ningún ánimo de lucro. Só busca lembrar cancións, unhas máis coñecidas, outras non tanto. Está administrada por Patricia Loureiro (grazas!) aínda que a continúo coordinando. Agardo que vos guste.

Carpe diem.

...........................................................

martes, 13 de febreiro de 2024

** Co humor de Davila, lévase mellor

...........................................................

** Cogito, ergo sum

A Lareira Máxica continúa existindo.

Seguimos na rede e, de vez en cando, tentarei publicar algunha cousiña. Contesto así a toda esas persoas que me preguntades o porqué da inactividade nos últimos meses. Sinxelamente teño outras prioridades.

Grazas por seguir visitando a páxina todo este tempo. Acabo de comprobar que as visitas seguen sendo moi cuantiosas, o cal éncheme de ledicia. Agradecer a todas aquelas persoas que algún día colaboraron desinteresadamente coa ALM. En nada cumpriremos a maioría de idade: 18 anos. Será o vindeiro 1 de maio de 2024.

Carpe Diem.

...........................................................
Julio Torres
Creador e editor de A Lareira Máxica

xoves, 25 de xuño de 2020

** Uso educativo de A Lareira Máxica

Navegando por internet atopei este artigo adicado ao lapis. Escribino hai moitos anos. ¿Onde estaba? Pois colgado dentro do espazo Abalar, da Consellería de Educación. Alí hai actividades que permiten apoiar ou reforzar as tarefas do alumnado. No seu día, alguén me pediu o meu permiso para empregar o artigo para fins educativos, pero que estivese tranquilo porque figuraría de onde se quitou e quen o escribiu. Por suposto, dinlle o permiso. Con todo, non voltara saber se se empregara finalmente ou non. Hai uns días saín de dúbidas. Alí estaba publicado no espazo Abalar.

Alédome que os textos de A Lareira Máxica poidan ser empregados en labores educativas. Tamén me aledou comprobar que ao pé do texto ía a súa autoría. E non porque se trataran do artigo dun servidor, senón porque se nomeaba a fonte de onde se quitou e a autoría do texto. Estaría igual de contento se isto mesmo se fixera co artigo de calquera outra persoa. A ética e as normas legais esixen que así se faga, mais moitas veces isto non acontece. Por este motivo, e aínda que xa fose a súa obriga, quero darlle as grazas a esta persoa por cumprir e ter un bo comportamento ético. E tamén darlle os parabéns a esas persoas que buscan e confecciona as actividades de Abalar. É un labor sufrido e que esixe moitas horas de adicación.


ARTIGOS RELACIONADOS:

--> Oda ao lapis (publicado o 24-08-2011 en A Lareira Máxica)
--> Texto publicado en Abalar, Consellería de Educación da Xunta de Galicia
...........................................................

martes, 23 de xuño de 2020

** Posta de sol na Lanzada, Noalla


O sol báñase na praia da Lanzada, pouco antes de deitarse. A beleza da paraxe reláxao e a visita é obrigada. A mar está en calma. Esa mar tan complicada. Nas súas augas perderon a súa vida moitas persoas ao longo da historia. Os mariñeiros sábeno moi ben. O sol resístese a marchar. Gústalle Noalla e quédalle por visitar a ermida de A Lanzada, en Sanxenxo. Dáse o último chapuzón. No entanto, tingue de laranxa o ceo e a area e termina por derreterse no azul da auga. Todo un pracer para os sentidos.

...........................................................

mércores, 17 de xuño de 2020

** Os venres negros dos traballadores/as da Radio e da Televisión de Galicia

Seguro que moita xente non o sabe. Na RTVG existe algo que se chaman os “Venres Negros”, que o propio medio oculta nos informativos. Un grupo importante de profesionais que traballan na RTVG maniféstanse todos os venres vestidos con roupa negra. Isto acontece desde o 25 de maio de 2018. Denuncian a manipulación informativa da que é obxecto a RTVG. Ademais, reclaman o cumprimento da Lei de Medios aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor.

As principais cuestións que solicitan son a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento de Galicia e a creación do Consello de Informativos. A función deste último sería promover a obxectividade das novas e que non sexa partidista na elección e tratamento das novas. En RTVE xa existe.

En definitiva, os profesionais piden, basicamente, a independencia profesional do goberno de turno. ¿Por qué, entón, non se lles fará caso? ¿Por que non existe unha verdadeira independencia da RTVG, o único medio de comunicación público galego?

...........................................................

martes, 9 de xuño de 2020

** Sempre depende...

Pau Donés, compositor, cantante e líder de Jarabe de Palo morreu hoxe víctima dun cancro. Tiña só 53 años e levaba loitando coa enfermidade desde o 2015. D.E.P. Pau Donés. Entres os moitos éxitos de Jarabe de Palo, caben destacar: "La flaca" (curiosamente forma parte do primeiro disco en 1996, pero foi unha das cancións do verán de 1997), Depende (que tamén soou moito no de 1998) e Bonito (2003). Con todo, o grupo sacou ao mercado musical moitos discos entre 1996 e 2020.

En 2017, xa durante a súa enfermidade, e entre outras, publicou o seu single "Humo". Serviu de sintonía da serie "Estoy vivo" (protagonizada por Javier Gutiérrez, Alejo Sauras e Anna Castillo en TVE). As súas letras, un canto á vida. Non hai máis que escoitalo. O seu último disco estaba estaba previsto lanzarse en setembro deste ano. De feito, o 26 de maio saíra á luz o primeiro single: "Eso que tú me das". Nel dálle as grazas ás persoas que o axudaron na súa loita contra o cancro.

A canción que máis me gusta de Pau Donés e Jarabe de Palo é, sen dúbida, "Depende". Será porque era moi pegadiza e tamén por aquilo de ser galego. Depende. O que está claro é que os temas que el compuxo permanecerán connosco para sempre.







...........................................................

xoves, 4 de xuño de 2020

** A TVG con publicidade en castelán

A TVG creouse en 1985. Pasaron, pois, 35 anos. Ao principio toda a publicidade emitíase toda en castelán. Despois empezou a emitirse xa algunha en galego. Varias décadas despois a situación non mudou. Só que agora en lugar dunha canle autonómica pública tesmos dúas: a TVG e a G2. Non obstante, máis da metade segue emitíndose en castelán. Xa sei que hai intereses económicos detrás (o poder dos anunciantes).

Pregúntome: ¿un medio público non deberá apostar por emitir toda a publicidade en galego? ¿A mellor forma de defender o galego é esta? ¿Non é a difusión do idioma e da cultura galega un dos sentidos dun medio de comunicación galego público? ¿Canto tardará a TVG en emitir todos os anuncios comerciais no idioma galego?.

E xa que estamos ¿por qué os xornalistas da RTVG falan tan mal o galego?. De de todos é sabido que a meirande parte é castelán falante que só fala o galego cando traballa. Isto é respetable, pero quizais se debera valorar máis o coñecemento, léxico e fonética na contratación e promoción ra dos profesionais, así como a formación do idioma galego.

Falar mal o galego contribúe a que quen o escoite, como mínimo, se contamine e siga o seu exemplo. Exempolos son os pronomes mal colocados, castelanismos, hipergaleguismos, ….

...........................................................

mércores, 20 de maio de 2020

** A herdanza de Falcon Crest

Ollo!, a música dos 80 non foi a única con identidade e simbolismo propio. Na televisión dos 80 viron a luz míticas series como Dallas, Dinastía o Falcón Crest. Esta última tivo moitas tempadas ao longo desa década, aínda que despois foi perdendo interese (ás veces convén saber retirarse a tempo...). A intriga e o drama eran as súas señas de identidade, entremezcladas coa maldade e frialdade da matriarca: a ilustre Ángela Channing (interpretada pola actriz Jane Wyman, que estivo casada con Ronald Reagan entre 1940 e 1948), así como unha sintonía de entrada impoñente e maxestuosa, das que non se olvidan. Daquela, só estaba TVE e algún canal autonómico. Ver esta serie era cita case obrigada. Ata os Hombres G na súa canción "No,no, no" no ano 87 a mencionan na súa letra ("prefiero quedarme en casa viendo Falcon Crest").

Moito ser podería falar de Falcon Crest, de Ángela Channing, do seu fillo Richard Channing, do seu sobriño Chase Gioberty (daquela lembrábame a Juan Pardo...), Lorenzo Lamas (o neto e que foi famoso por anunciar colchóns en España -"Lorenzo Lamas, el rey de las camas"). E porqué non, de Chu-Li, o mordomo de Ángela. Non vou facelo aquí, pero na internet atoparedes abondosas referencias. Iso, si, Ángela era unha muller cruel, despiadada. De aí a expresión: eres poior que Ángela Channing. O que nunca puiden saber é se Ángela e J.R. (o malo de Dallas) terían futuro como parella, ou cal dos dous era pior como persoa. A resposta non é nada doada. Fixádevos da súa dificultade que ata sería máis fácil respostar se foi antes o ovo ou a galiña...

Por outro lado, Falcon Crest sentou precedente e dúas series españolas como a galega Rías Baixas, primeiro, e Gran Reserva despois, se inspiraron nela. Por certo, nas dúas estivo presente a actriz galega Ledicia Sola. Os tres culebróns teñen un denominador común: todas xiraban arredor de viñedos, dramas, mortes e intrigas. Case prefiro esas intrigas e non as de Sálvame e compañía...

Finalizo: é curioso, non lembro que se repuxera esta serie. Tampouco se trataría de repetila tanto como Verano Azul...


...........................................................

xoves, 14 de maio de 2020

** Entre soños e realidade

Soñei que isto non era certo. Soñei que me quedara durmido e que tivera un pesadelo. Soñei que ninguén morrera. Soñei que ao espertar todo sería diferente. Soñei que a clase política por fin remaba xunta nunha soa dirección, sen cores e sen atrancos. Mais daquela, daquela xa abrira os ollos...

...........................................................
Julio Torres

venres, 1 de maio de 2020

** 14 anos de A Lareira Máxica

O tempo avanza. Cúmprense nada máis e nada menos que 14 anos daquel 1 de maio no que a Lareira Máxica veu á luz. O ritmo de publicacións xa non pode ser o dos primeiros anos, pois existen outras prioridades. Pero, de cando en cando, irei publicando artigos. Un ano máis, quero agradecer a todas as persoas que, a pesar de todo, seguides visitando a Lareira Máxica, bucendo en artigos do pasado e utilizando os enlaces das columnas (todos eles actualizados). Este ano tamén quero acordarme de persoas que colaboraron nesta páxina con ideas, artigos e/comentarios e que xa non están entre nós. Grandes, boas e auténticas persoas, perdas irreparables. Non é un cumprido. É certo. Botásevos moito de menos. Moitas grazas por todo. Agradezo á vida, tervos coñecido. Descansade en paz.

sábado, 14 de decembro de 2019

** Unha canción de 1989 na lembranza

Esta canción foi escrita e cantada por Javier Portugués, Portu, excompoñente de Modestia Aparte e ao que no 2020 veremos como integrante do xurado na vindeira edición de Operación Triunfo, xunto a Nina, Natalia Jiménez (de La Quinta Estación) e Javier Llano (xornalista). Neste directo do ano 2015 canta esta balada xunto con Fernando López, o vocalista de Modestia Aparte. Nos 80 e nos 90, cantaba todas as cancións Fernando, agás unhas poucas -entre elas ésta- que interpretou Portu,o batería do grupo madrileño. "Ojos de hielo" será sempre unha das cancións míticas. El foi un dos integrantes de Modestia Aparte na súa primeira época (1987-1992) e moitas das cancións eran composicións súas. Modestia empezou a ser coñecida con este tema en 1989. Grandes Modestia Aparte! Por certo, agora Portu é produtor musical e por el pasaron/pasan artistas como Rozalén, Andrés Suárez ou Efecto Mariposa, entre outros moitos e colaborou con artistas como Joaquín Sabina ou Rosana.


.....................................................

domingo, 8 de decembro de 2019

** Con humor a choiva lévase algo mellor

Máis choiva e máis choiva no país de nunca escampar. Afortunadamente, o debuxante gráfico Luís Davila (que non Dávila ollo!) sempre nos arranca un sorriso coas súas viñetas cheas de humor que, case sempre, están á última no tocante á actualidade. Subo unhas cantas que son boísimas.


venres, 11 de outubro de 2019

** O reencontro

Chegaba antes de marchar. A primeira vez que a viu os seus ollos desprendían un agradable sabor. Colleu a súa mochila e principiou a camiñar. Subía por onde outras persoas baixaban. Entón, ao lonxe, veuna. Non puido deixar de emocionarse: a súa cara era pura delicia e as súas mans non poideron máis que abrazala nun intento desesperado por calmar a súa ledicia. Recuperaba a felicidade que noutroura lle secuestraran. O regreso tocou os seus beizos. Reencontro feliz. De novo, a xustiza feita arte...

...........................................................
Julio Torres © ®

sábado, 13 de xullo de 2019

** Cousas que pasan...

O ano pasado foi un ano de perdas materiais: primeiro a do o meu correo electrónico e, pouco despois, a do número de teléfono "de toda a vida". Nada grave, pero si moi molesto, pero son cousas que pasan... Coido que se botara a lotería primitiva ata me tocaba o bote...

Con todo, o pior foi que, por un lado, estas perdas involuntarias propiciaron a de bastantes contactos telefónicos e electrónicos vinculados e, por outro,ter que cambiar o meu novo número de móbil en moitas entidades públicas. Nin vos imaxinades. Por sorte, o mal trago xa está superado. Iso si, ao principio ata tivo algún beneficio: despois de anos e anos non recibía chamadas de spam comercial no meu novo número de teléfono! Esa alegría antispam durou soamente uns meses, pero foi algo. Non todo ían ser malas novas.

Así que tede coidado e non perdades nin teléfonos nin contas de correo electrónicos.

Carpe diem