**¿Son persoas ou so máquinas de facer cartos?
Levo un par de días triste. Triste por varias cousas, pero unha delas é polo terrible accidente acaecido o mércores. Non so pola traxedia en si (incluso teño un familiar que no mes de maio colleu ese mesmo vo de Madrid a Gran Canaria e que, afortunadamente, non ía desta vez) senón pola total falta de ética coa que están tratando diversos medios de comunicación o sufrimento dos familiares.
Moitos bloggers levan escribindo disto nos últimos días. Pouco máis teño que dicir do que xa dixeron Nacho Mirás, Félix Soria ou Juan Varela, entre outros. Estou dacordo con eles. A pregunta que me fago é: ¿se algún dos familiares destes xornalistas (ou mellor dito, dos seus xefes, os que aproban ou lle din o que teñen que facer), éses que levan uns días buscando o morbo informativo e so pensan na audiencia, tivese morto nese accidente aéreo gustaríalles que xogasen tanto cos seus sentimentos como eles o están facendo? O que teño claro é que para todo hai un límite e o sentido común e a ética entenden del. Como ben dicía Nacho Mirás no seu blog: deixade de estorbar. Ás veces dáme pena ser xornalista porque non me identifico para nada con este tipo de actuacións. Claro que nos medios hai moitos que nin tan sequera son xornalistas e dálles igual os máis elementais valores de respeto humano. ¿Serán persoas? ¿Por qué son tan miserables e carroñeiros os seus xefes (os realmente culpables por parte dos medios de comunicación)? ¿Por qué non respetan a dor das víctimas e dos seus familiares? ¿Son persoas ou so máquinas de facer cartos?
Noraboa a tod@s aqueles que defendedes unha profesión limpa, con ética e límites e que vos vestides polos pés e non pola cabeza como outr@s. Para mostra do morbo polo morbo este elocuente vídeo. Estou totalmente dacordo coa opinión do presentador Ángel Martín. DE RECOMENDADÍSIMA VISIÓN. Fala por si mesmo da falta de toda ética.
POR CERTO: ACOMPAÑO NO SENTIMENTO DE DOR E TRISTEZA A TODAS ESAS FAMILIAS ROTAS POLA PERDIDA DE SERES QUERIDOS QUE IAN NESE AVIÓN. Sobra dicilo. E que se depuren responsabilidades. Porque culpables ten que habelos. Que non nos tomen por parvos. Que non escapen impunes. Como se Spanair creba...
Unha última reflexión: ¿Para cando unha regulación dos programa telelixo ou sensacionalistas? E de paso ¿Cando se vai a coller o touro polos cornos e se vai defender o horario protexido de verdade, estoume referindo ós nen@s que ven a televísión e presencian violencia, insultos e demais? ¿Ou acaso non se dan de conta que a televisión é molde para moitos cativos? ¿Para cando se vai ter man dura con este bochorno de audiencias no que todo, absolutamente todo vale. ¿Somos persoas ou máquinas de facer cartos?. Podería seguir falando e reflexionando, pero vou parar. Todo isto dame moito asco!!!!!!!
UN ARTIGO ELABORADO POR: Julio Torres
Coordinador de A Lareira Máxica
8 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :
Vai, pois si, é unha triste noticia, a morte de tanta xente.
Pero estou dacordo co que se di, o outro día comentabao cas miñas compañeira, con que pouca ética tratan os xornalistas o tema. A verdade que debería haber un pouco máis de respecto hacia as familias, que tanto están sufrindo.
Creo que as veces, actuamos sen pensar no dor desa xente, no sufrimento. É convirten unha triste noticia, en morbo, que triste.
Creo que falta ética, estaría ben pensar que alguén se de conta.
Totalmente de acordo co que expresas no teu blog, pero destaco especialmente o vídeo e a opinión sen pelos na lingua de Ángel Martín que, sen dúbida, reflexa o noxo e a rabia que a moitos nos da esa falla de escrúpulos e de profesionalidade de algúns que se chaman xornalistas.
Unha aperta.
Nunca me gustaron os avións. Estas noites acordeime moito do accidente. Pecho os ollos e intento durmir. Non podo, venme á cabeza a imaxe do avión esgotando os metros da pista sen ser capaz de erguerse do chan. Penso naqueles últimos segundos de carreira desesperada. Aquel tempo converteuse en conta atrás para moitos inocentes. Catro quilómetros separaban a vida do desastre. ¡Qué sufrimento tan grande estar ós mandos dun cacharro que se dirixe cara ó infinito! Logo, o campo queimado sementado de chatarra e de xente. Na Tv, nos informativos, vin a imaxe dun falecido ó carón duns arbustos chamuscados. O tronco e a cabeza estaban tapados, as pernas á vista. ¿Era necesario mostralo? Non. Tampouco era necesaria a fotografía dos cadáveres alineados no chan do Ifema. Conforme pasaban as horas, foron aparecendo na Tv os familiares das vítimas. Agora, os medios estarán cos detalles dos enterros. Xa non quero ver máis, débese respectar a dor da xente. Espero que se esclarezan as causas desta catástrofe e espero que nunca máis se repita algo semellante. Vaia dende aquí todo o meu cariño e apoio para os familiares das víctimas.
Coincido plenamente coas túas reflexións, especialmente coa primeira. E vou decir algo en descargo dos compañeiros xornalistas: moitos non estamos de acordo con esa forma de "informar", sen embargo facémolo porque diso depende o sustento das nosas familias. Non deberiamos disparar tanto contra o pianista. O dono do salón tamén terá algo que ver co feito de que no seu local se comercie cos sentimentos, ¿non si?
Saúdos, compañeiro.
Estamos dacordo os cinco.
Guillermo: Por suposto, a culpa non é sempre do pianista. En moitos casos, ou na maioría, é culpa do xefe ou do medio que "obliga" ó xornalista a actuar como actúa. O da necesidade dos cartos en moitos casos leva a facer cousas que, noutras circunstacias non se deberían facer. Fágome cargo da situación.
O que se debería sería a nivel de colexio de xornalistas a nivel de toda España chegar a un acordo ético que actúe de acicate diantes dos que mandan nos xornais. Está claro que non é o mesmo a forza dun colectivo que a dun xornalista que se xoga o sustento da súa familia e que sabe que se non o fai el, outro o fará. Como me dixeron a min un día "o kg de periodista vai barato" (por suposto dise o pecado pero non o pecador).
Con todo, e como xa temos falado noutras ocasións, o tema é complexo. O límite do sensacionalismo e amarillismo, o morbo en sí, debería ser algo que partise da ética humana e non da monetaria como acontece hoxendía. Habería que actuar contra a empresa e non contra o máis débil: o xornalista de a pé. Se así fose, a empresa xa se encagaría de non preparar nin emitir cousas pouco apropiadas. Falta maior implicación na regulación deste tema, sen que chega a coartar a liberdade expresión pero sen respetando o dereito á initimidade. Sí, xa se que é o eterno debate entre os xornalistas, pero facer espectáculos de traxedias non me parece oportuno.
Espero que se entenda o que quero dicir. INSISTO: Nada é fácil. E a ética debería primar ante o afán recaudatorio ou de captación de audiencia. E unha mágoa que a xente non castigue a eses medios virándolles as costas para que así aprendan que se están equivocando...
Un saúdo a todos e moitas gracias polos vosos comentarios.
Carpe Diem
Tes toda a razon, pero eu preguntome ¿Non temos a maior parte da culpa todos os que damos audiencia a toda a basura que se ve, se escoita, e se lee nos medios informativos?
Este "post" fai unha pregunta inicial que convén subliñar e respostar con actitude rigurosa, sen viaxar polo ceo:
¿Qué faría un xornalista que tivera un familiar entre os mortos de Baraxas?, ¿qué pensaría ese xornalista do que están a facer os seus colegas?
Teño a seguridade de que a maioría deles sentirían --e sinten-- vergonza, do mesmo xeito que teño a convicción --¡e mesmo o sei!-- que a maioría dos que están á procura de detalliños morbosos non actúan así porque o decidiron seguindo criterios xornalísticos ou persoais.
Hai unha cousa que á hora de criticar aos xornalistas --aínda que o merezan moitas veces-- é norma: a maioría das críticas están a esquecer ou ignorar que a decisión do que se publica e os criterios polos que se traballan unhas "novas" ou asuntos determinados é, no primeiro lugar, da empresa propietaria do medio e, no segundo termo, do director e dos membros do seu "staf", que son escollidos --lóxicamente-- entre aqueles xornalistas que están dispostos a servir á empresa por diante de criterios estrictamente informativos ou deontolóxicos.
O grande problema e a orixe de certas perversións están nos medios de propiedade pública, pois se estiveran a cumplir os seus presupostos de servizo público non só favorecerían o coñecemento mínimamente riguroso dos feitos, senón que ademáis xerarían unha tensión informativa nos medios privados.
Entrementres, ¿quen é de esixir aos xornalistas --mesmo aos que fan "sangue" do accidente de Baraxas-- que perdan o seu salario e o pan das súas familias?, ¿que traballador da construcción, do metal, da acuicultura, das químicas, do ensino, do dereito ou da banca está disposto a dar motivos de despido á súa empresa por defender a ética, combatir as prácticas anti-ecolóxicas e mesmo ilegais do seu patrón o da persoa que ten a capacidade de decisión no seu centro de traballo?
Ás veces estamos a esixir ética, honestidade persoal e mesmo risco de fame e marxinación a catro "monas" --neste caso xornalistas-- e ao mesmo tempo xustificamos voluntaria ou involuntariamente aos 30.000.000 de cidadáns que fan uso do seu dereito a ser razonablemente "egoístas" e humanamente pasivos diante da ignominia.
Non é xusto poñer o punto de mira nos pes para descubrir que son eles os que sempre pisan a lama.
Félix: estou dacordo co que dis. Cando falo de xornalistas en realidade estoume a referir ós que deciden nos medios. Non é cuestion de matar ó xornalista-pianista como ben apuntou Guillermo, senón atallar o problemas desde a súa raíz e éste son os mandos directivos dos medios como ti moi ben apuntas.
Iso si, insisto: debería cumplirse un código ético de publicación ou difucións de información morbosas que tivesesen que respetar todos. Así o culpable non sería o xornalista senón quen autoriza a emitir certas cousas improcedentes. Porque o xornalista pode propoñer (se lle deixan), pero quen deber autorizar a súa emisisión (e máis en temas delicados) son os seus xefes. Éses son o piano e non o pianista.
Lástima que a profesión de xornalista se vexa empañada por decisións pouco acertadas...
Por suposto, que os que lle dan audiencia a este despropósito carente de toda ética e humanidade tamén son moi culpables. Faltaría máis. Pero contribuír a darlle de comer carroña á xente tamén é igual de malo. É un feedback moi peligroso polos dous extremos. Detesto ambas cousas.
E sobre TVE, bochornoso o tratamento. So hai que ver as "imaxes exclusivas" que subiu á súa web. A gota que colma o vaso...
Un saúdo e moitas gracias polo vosos comentarios
Publicar un comentario