venres, 25 de xullo de 2014

** 25 de xullo: Galicia celebra o seu día

H oxe é o día de Galicia. Nos 8 anos que ten A Lareira Máxica acabo de decatarme de que nunca puxera o himno galego e Galicia posúe un himno cunha letra e unha música moi bonitas. O himno galego conxuga o poema "Os pinos" de Eduardo Pondal cunha composición musical de Pascual Veiga.O nome de Galicia non figura no poema, sendo substituído por fogar de Breogán. Foi interpretado por primeira vez en 1907 na Habana (Cuba).

Aínda que existen diversos vídeos, vouvos poñer dous: un é cantado e tamén subtitulado, e outro subtitulado, pero no que so se escoita a música. Anímovos a escoitalos enteiros. Non me diredes que non podemos presumir de himno!!. É 25 de Xullo, o día de Galicia. Festivo na nosa terra. Viva o galego, viva Galicia!!!

----------------------------------------------
Julio Torres


HIMNO GALEGO

Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?


Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.


Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
máis sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, onde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.




venres, 27 de xuño de 2014

** O verán de 2014 voltará ser azul...

Tve voltará a repoñer este ano a mítica serie Verano Azul, a cal lembramos en A Lareira Máxica no seu día para saber qué acontecera cos seus protagonistas e qué facían no ano 2006 . TVE fixo pública hoxe esta nova, se ben non comunicou data de inicio de emisión. Soamente se sabe que será por La 2. Chanquete, Tito, Piraña, Javi, Pancho, Desi, Bea, Quique e Julia están de volta. Nos principios da década dos 90 chegouse a reemitir varias veces. A útima no ano 95. Xa pasaron 19 anos desde entón. A primeira vez que se botou foi en outono de 1981. Case nada...

..........................................................
Julio Torres

** O raposo e o galo van de voda ó ceo

Era unha vez un raposo que era vexetariano. Tíñalle certa tírria a un galo moi fachendoso e argalleiro que vivía cerca, pero xa canso de que se terminara burlando del, argallou unha forma de saírse por unha vez coa súa; así que acercouse un día, cando estaba na póla dunha árbore e díxolle:
- Mira, galo, estou farto de estar sempre a rifar contigo, recoñezo que ti es máis listo ca mín, así que, se che parece ben, quero que fagámolas paces.
- E por que me hei de fiar de ti? Es capaz de paparme nun descoido...
- Va! Tí xa sabes que o fago para facerte rabiar, que eu sonche vexetariano. Mira, ho!, para que vexas que estou a falar en serio, invítote a comer mañán na miña casa...
- Bueno, sexa logo...- dixo o galo sen se fiar moito.

Ao día seguinte, o galo preséntase na casa do raposo, con moita prudencia. Non as tiña todas con él, ainda que cheirar cheiraba a cereais... Á porta da casa estaba posta unha mesa con dous cubertos e unha tarteira enriba.

- Benvido, galo! Como fai un bo día puxen a mesa fóra, non che importará?
- Que me vai importar! Iso mesmiño che ía propoñer eu.

O raposo levantou a tapa da tarteira e repartíu dúas cullaradas de papas de centeo con trigo quentes
para cada un. O raposo púxose a comer con gran afán, pero o pobre do galo, como tiña peteiro e non boca apenas puido comer.

- E logo, galo, non tes fame? Mira que están boas estas papas. Ummm- relamíase o raposo.
- E que, hoxe almorcei moito e non che teño fame...- decía o galo disimulando, xa que si que estaban ben boas as condenadas...

Na cara do raposo víase que o fixera adrede e o galo marchou todo cabreado, pensando para sí que xa lla pagaría, rirse así del.

Ao cabo duns días, voltan encontrarse o galo e o raposo.

- Bos días, raposo- dille o galo.
- Bos días, gustáronche as papas do outro día?- contestoulle o raposo con retranca.
- Si, oh! Gustaron, mágoa que estivera xa farto. É o que che ten isto de estar sempre convidado a tantas festas e comilonas.
- Vai! Non che sabía eu que tiveras tantos convites.
- Pois si, mira por onde, acabo de ser convidado a unha voda.
- Unha voda?- interesouse de seguido o raposo.
- Pois si, éche unha voda moi especial, disque vai ser a “voda do ano” pola abundancia de manxares e lambetadas, que ata trouxeron un cociñeiro extranxeiro especialista en todo tipo de grans e verduras.
- Hoooo! Que sorte tés- díxolle cos ollos fóra do sitio e relaméndose- quen puidera ir.
- Agora que o penso, a miña invitación é para dous, se queres vir...
-


E levaríasme contigo?
- Como non hei levarte co boas que estaban as papas do doutro día?, sería ser mal amigo. Pero hai dúas condicións para poder ir á voda, que non sei eu...
- Xa sabía eu que o dicías por dicir, que non queres que vaia contigo..., co que me custou facer as papas...
- Bueno, algo se poderá facer ao respeto... A primeira condición é ir limpo coma unha patena e traxeado, a outra é..., esto xa é máis complicado...
- Díme! Non ha ser para tanto!
- E que... a voda é no ceo!
- Como? No ceo? Ti estás tolo!
- Si, no ceo, prepararon un gran cumio dunha montana onde só se pode ir voando, para que os animais carnívoros non poidan chegar a ela, pero, claro..., coma ti es vexetariano pois non lles importará que vaias.
- E como vou chegar aló arriba se eu non teño ás?
- Ufff!, pois vai ser un problema si, …, se ainda pesases algo menos...
- Eiii! Estasme a chamar gordo?
- Non, ho! É que se estiveses máis fraco, igual podía contigo e podíate levar agarrado nas patas...
- Pois se é por iso, non te preocupes, cando é a voda?
- Para a semana que ven.
- Pois para a semana que ven podería pesar cinco quilos menos, será suficiente?
- Podería, pero mellor que sexan seis quilos menos.
- Feito! Quedamos logo para a semana. E moitas gracias!

Alá foi o raposo todo contento por ser convidado a unha voda de tan altos voos. Pasou toda a semana facendo exercicio e dieta para perder os quilos pactados, pensando que semellantes manxares ben valían a pena tal sacrificio. Chegado o día, sen embargo, só perdera catro quilos e medio, ainda así víase moito máis lixeiro, así que pensou que o galo ven podería con el.

- Vaia, vaia! Que elegante estás!- díxolle o galo.
- A que se me ve máis lixeiro e delgado?
- Pois sí, pero ainda así, non sei eu se poderei contigo.
- Si que podes, se es un galo forte e grande- retrucou o raposo, sen deixar de pensar nos grandes manxares que os agardaban.
- Buemo, pois imos aló. Agárrate ben ás miñas patas que alá imos! E non mires para baixo!

E o galo saíu voando co raposo colgado das patas. Xa levaba subido bastante, cando deixou cair disimuladamente, un pouco de manteiga polas patas abaixo e o raposo comezou a escorregar.

- Oe, ti! Deixa de suar tanto que estou esvarando!
- E que pesas moito, para mín que non adelgazaches todo o que acordamos.
- Ai! Ai! Que esvaro! Baixa, baixa!
- Xa vou, xa vou...
- Date presaaaaaaaaaaa....

E o raposo caíu. Ía polo aire pensando que, cun pouco de sorte, caía nunha meda de palla, pois alá abixo vía como uns campesiños colocaran todo o trigo en medas e dispoñíanse a mallalo. Pero así como se ía acercando, foise dando conta que xusto ía caír na eira onde estaban a mallalo trigo. Entón o raposo fíxose unha promesa a si mesmo.

- Se desta me salvo e non morro, xuro que, por moi bos manxares que teña, non quero saber máis de vodas no ceo, eu quedo en terra.

..........................................................................................
RELATO RECOLLIDO POR: Mary Camiña

martes, 3 de xuño de 2014

** "Frivolité"

O autobús que transportou á selección de Francia nos partidos do Mundial de Fútbol de Sudáfrica de 2010 foi destruído recentemente co pretexto de alonxar o mal fario e as pantasmas. Unha coñecida firma de prendas deportivas encargouse desta hiper importantísima tarefa de vida ou morte, así como de pregonalo ós catro ventos. Dame que o autobús aínda estaba en bo uso e obedece todo a unha campaña de lavado imaxe, publicidade e marketing de cara ó Mundial de Brasil que comenzará nuns días. Paréceme unha auténtica frivolidade pois se ese autobús non lle valía para a selección francesa, sí valería para moitísima xente cun mínimo de sentido común. En fin, que a vida non so é fútbol ou deporte, senón que hai vida máis alá...Que pouco sentidiño teñen algúns!! E é que as pantasmas non están no autobús precisamente, máis ben fóra del...

...........................................................
Julio Torres