sábado, 31 de maio de 2014

** O mestre, o carniceiro e o burro

Noutros tempos, os nenos estaban na escola todos mesturados, e tiñan un só mestre, según soubesen os libros íannos pasando de curso.
O carniceiro e o taberneiro dunha pequena aldea eran amigos e tiñan os fillos no mesmo nivel, ata que, por sorprendente que parecera, o fillo do taberneiro, ainda que non era moi estudioso que digamos, pasou de nivel e o do carniceiro non.
Unha tarde, na taberna, o carniceiro estaba a falar do tema co taberneiro:

-Oe ti, como é que o teu fillo pasa de curso e o meu non? Dende cando é máis listo ca o meu?
-Home! Parece mentira que non o saibas, é que o meu está indo a clases particulares co mestre- díxolle chiscando un ollo- claro que, sempre se lle deixa caer un pequeño agasallo polo traballo que fai co rapaz en horas extra..., tí xa sabes.
-Non, non sei.
-Tranquilo, que eu explícocho e xa verás como o fillo che pasa de curso.

Dito e feito, o carniceiro foi falar co mestre e esa mesma semana comezou coas clases, a ver se nese último trimestre conseguía pasar coa axuda delas.

Tódalas semanas ía o carniceiro co seu fillo montados no burro a xunto do mestre dar un par de clases extra; e tódalas semanas o carniceiro leváballe un pequeno agasallo en mostra de agradecemento: unha ristra de chourizos, un pequeño lacón, unha cacheira, uns quilos de costelas da agulla,..., e o último día antes das notas: un xamón.

Chegou o día das notas e o fillo do carniceiro sae do colexio todo contento, non só pasaba de curso senon que sacara sobresaínte en todo... O carniceiro achégase ao mestre e dille con certa retranca:

-Vaia! Pois sí que che son boas as súas clases, Sr. Mestre.
-Mira se son boas, que se chegan a durar tres semanas máis, apróvoche ata ao burro.

...........................................................
SANXENXO. Mary Camiña

venres, 30 de maio de 2014

** Dous verbos sinónimos chamados ESIXIR e PEDIR

Nas últimas semanas puiden aprender que esixir ou impoñer son sinónimnos de pedir. E eu que pensaba que eran cousas distintas...De tanto escoitarllo dicir a algunhas persoas de verbo "fluído" que saían na televisión decateime que debía ser verdade. Desconfiar sería ser de ignorantes...E se ademais se tanto se repite e tamén sae na televisión en horario de máxima audiencia pois ten que ser certo imperiosamente... Xa que logo, agora xa sei que significa o mesmo esixir sacrificios que pedir sacrificios. ¡¡Claro, cómo non me decatei antes se ambos verbos son da mesma conxugación: as dúas acaban en "ir"!!. Para que logo digan que non se aprenden nada bo cada día da xente que sae na televisión...Así que xa sabedes...

** Unha interesante revista para o consumidor

Existen moitas revistas adicadas ó consumidor. Hoxe recoméndovos Consumer (o enlace tamén o tedes na columna esquerda de A Lareira Máxica, en "A eira dos blogs") editada por unha coñecida marca de supermercados do norte de España. Nela podemos ler moitos e útiles artigos relacionados coa saúde, a alimentación, aforro, e outros relacionados coa economía doméstica e a vida cotián. Actualízase periodicamente e incluso se pode descargar a revista en formato papel.
A modo de exemplo: Los diez alimentos más eficaces contra el colesterol

...........................................................
Julio Torres

xoves, 29 de maio de 2014

** Brasil

Brasil prepárase para comer fútbol de primeiro, fútbol de segundo, e fútbol de postre. E con el a fame irase sen necesidade de comer alimento sólido algún. Así, por arte de maxia. O mundo enteiro olla deportivamente para Brasil, namentres se esquiva a mirada social para outro lado. Brasil: un país no que a pobreza disfrázase de fútbol para encaixar un gol a vida ou morte. O porteiro mira fixamente ós ollos da morte, a fame gaña por goleada e a paixón polo fútbol convértese nun todo indestructible:¿cartos incluídos?...

...........................................................
Julio Torres