sábado, 20 de xullo de 2013

** Tormenta no Edén

Nubes oscuras, frías, perturbadoras da tranquilidade desafían con entrar no Edén, fórmanse no horizonte e non concibo a posibilidade de que sexan reais. Igual é unha alucinación, froito deste deslumbrante sol que me aloumiña, e me fai sentir tan feliz; igual collín unha insolación de felicidade aquí, no Edén... Pero non, podo notar os fríos ventos que se aproxima, e alí están, espectantes, esperando, dubidando do rumbo que han de tomar, como un exército de malos sentimentos, de dor e desolación ás portas dun castelo que queren derrubar: O meu Edén... Vanse acercando e entón un chisco de esperanza alcanza a miña alma.. E posible, tal vez, que collan outro rumbo e nos deixen tranquilos no noso remanso de paz e felicidade? Sexa ou non posible, a tranquilidade cambiou para converterse en dor, unha dor de posible perda do sol... Non! Tranquila, ainda as nubes non están enriba de nós, ainda poden mudar de dirección, pero pouco a pouco se van acercando, amodo...

Que angustia! Que desesperación! A espera, a eterna espera do posible e do imposible, do tal vaez e do quizais... A esperanza é o último que se perde..., o vento ainda pode facer que as nubes viren e non cheguen nunca ao Edén...

E sei, que ainda que ao final a amenazadoras nubes nos alcancen e descarguen a súa dor e o desacougo sobre nós, o rexio sol do Edén se agocha tras delas e nalgún momento, máis tarde ou máis cedo, as nubes desaparecerán e deixarannos disfrutar de novo do astro rei en todo o seu esplendor, que nos curará as feridas, como tantas veces fixo, que nos aloumiñará cos seus raios as nosas doridas almas e volverá a enchernos o corazón de sorrisos e alegrías, de cariño e felicidade. Xa non seremos os mesmos de antes da gran tormenta pero aquí seguiremos, coa esencia que permanece fiel sempre aos seus principios e sentimentos, coa alma sempre disposta a loitar e a ser feliz....Reconstruiremos o Edén.

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña

venres, 19 de xullo de 2013

** Antes que ver el sol


Di o cantante arxentino Coti: "Antes que ver el sol, prefiero escuchar tu voz" . Persoalmente penso que hai conversas que son tan boas como o propio sol, que nos iluminan tanto ou máis, que nos permiten aprender, lembrar ou que nos permiten disfrutar dunha boa compaña (algo que por sí so ten moito valor). Hai dous ingredientes básicos nunha boa conversa: sobre todo os interlocutores que participan nela e, so logo, o tema. Pouco se pode facer nunha conversa se nos sentimos incómod@s co noso interlocutor/a. Como xa dixen noutra ocasión, os silencios poden ser molestos, indiferentes ou cómplices. As conversas agradables flúen por si soas e case da igual o tema.

.....................................................................................................................................SANXENXO. Julio Torres






ARTIGO RELACIONADO: ---> Silencio amigo

luns, 15 de xullo de 2013

** Viaxarei contigo


Contaxio de penas

poucos agarimos

quen dera apertarte

quen dera, meu amigo.


Coñecer o mundo

no que vives, vivo

en profunda ansia

de entrar e sentilo.


Collereiche as mans

sucias de aloumiños

e as pegadas mornas

seguindo o camino

deixarei ás portas:

pisa onde eu piso.


Se me ves lonxe

perdida do sitio

descifrando mapas

arredor do limbo,

non sintas o medo

porque te respiro

e malia a distancia

viaxarei contigo.


.....................................................................................................................................
© Estrela de Xullo (nova colaboradora de A Lareira Máxica)

domingo, 14 de xullo de 2013

** Noite de verán


Acendíase a noite mentras se mergullaba o sol nas profundidades do mar e nel afogaba paseniñamente. A escasa distancia unha canción melodiosa emerxía dunha radio transmitindo enerxía positiva e boas sensacións. Estrelas no ceo. Calma. Noite de xullo. Boa temperatura. Compaña moi agradable. Máis lonxe moita xente, bastante ruído, innumerables coches, grandes colas. Pouco espazo. Namentres no ceo as estrelas baixaban á terra para facerse humanas por uns intres, pasear á beira do mar e bañarse, mais logo bulían para refrescar á lúa chea con pingas de auga. Inocente trasnada. Noite de verán. Conversa moi animada. Xiados e algún café. Música de fondo. Comodidade interactiva nun contorno natural.

.....................................................................................................................................
Julio Torres© 2013