luns, 11 de xuño de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...11 a 17 de xuño


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao


xuño-11 1909 Nace en Abadín o poeta Aquilino Iglesia Alvariño, autor do primeiro libro literario en galego publicado en Galicia na posguerra: Cómaros verdes (1947).
xuño-11 1904 Nace en Leiro (Ourense) o músico e sacerdote Emilio Soto Fernández, con varias producións musicais en galego.
xuño-11 1973 O poeta en galego, amais de xurista e cofundador do Seminario de Estudos Galegos, Fermín Bouza Brey falece en Santiago.


xuño-13 1898 Nace na Coruña Xaime Quintanilla Martínez, médico e político socialista e galeguista, con obra escrita en galego. Foi unha das vítimas do levantamento militar de xullo de 1936.
xuño-13 2005 O Consello da Unión Europea publica unhas Conclusións do Consello relativas ó uso oficial doutras linguas..., o que abren as portas, aínda que con limitacións, ó uso do galego nas institucións da Unión.


xuño-14 1821 Nace na Estrada Marcial Valladares Núñez, autor da primeira novela escrita en galego, Maxina ou a filla espuria (1880), así coma do 3º dos dicionarios impresos do noso idioma, o Diccionario gallego-castellano (1884). xuño-15 1910 Celébrase no Centro Galego de Madrid un mitin que pon a andar o movemento agrarista tamén na capital do Estado. Este movemento empregou o idioma galego en diversas publicacións e actos públicos.


xuño-15 1944 Nace en Logrosa (Negreira) o poeta Xosé Manuel López Gómez, Ardeiro.
xuño-15 1983 Lei de Normalización Lingüística, na que se recollen unha serie de importantes disposicións para a protección, defensa e o fomento do uso do idioma galego.


xuño-16 1959 Créase a Casa de Galicia de París.


xuño-17 1915 Nace en Ribadavia o médico e especialista en estudos históricos sobre Galicia, Rubén García Álvarez.


É éste un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).



xoves, 7 de xuño de 2012

** 8 de xuño: somos así. Unidos para cambiar o mundo


VIGO. Sonia

Colaboradora de A.L.M.


"ASI SOMOS" é o nome da campaña na que se fala do mundo do voluntariado. Este venres propoñen que todos poñamos unha prenda ao revés como sensibilación co tema. Máis información nesta páxina.

luns, 4 de xuño de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe... 4 a 10 de xuño


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao

 
xuño-04 1903 Nace en Ourense un dos máis sobranceiros galeguistas da 2ª República, Alexandre Bóveda, figura destacada na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e executado polos franquistas en Pontevedra en agosto dese ano do comezo da guerra civil española.
xuño-04 1916 Número 1 do xornal La Voz de Ortigueira, con escrita en castelán e galego.
xuño-04 1931 O Instituto de Estudos Galegos da Coruña publica no xornal Adelante o «Proyecto de Bases para el Estatuto Gallego».

xuño-05 1869 Curros, estudante de Dereito en Madrid, escribe a súa famosa «Cántiga», que máis tarde, musicalizada, acabaría converténdose nun auténtico canto popular, practicamente un «himno» de rexeitamento da opresión que sufrían Galicia e o galego.
xuño-05 1898 Nace o escritor granadino Federico García Lorca, que non foi quen de escapar ó engado da nosa lingua e escribiu seis poemas en galego, que foron publicados pola editorial Nós en 1935. "Paseado" en agosto de 1936 polos sublevados franquistas.

xuño-06 1897 Primeiro número da revista semanal Follas Novas, editada na Habana con traballos en galego e castelán. Dirixiuna Antonio de P. Cea e tivo vida ata 1908.
xuño-06 1996 Iníciase en Barcelona a reunión de varias asociacións non gobernamentais para elaborar e asinar a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos.

xuño-07 1936 Nesta data é presentado o texto doutro Estatuto frustrado pola guerra civil, o de Aragón, onde tamén existe unha lingua minorizada.
xuño-07 1988 A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), entidade non gobernativa e popular que nace coa finalidade de promover e defender o uso do galego, fica inscrita legalmente no Rexistro de Asociacións.

xuño-08 1907 Nace en Noia María Mariño, poeta cualificada como «dinamiteira da fala» polo seu estilo lingüístico rupturista.

xuño-09 1930 O círculo galeguista de Ourense realízalle unha homenaxe a un dos seus membros máis destacados: Ramón Otero Pedrayo.
xuño-09 1996 Remata en Barcelona a reunión de varias asociacións na que se elaborou e asinou a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos.

xuño-10 Día de Camôes, no que se celebra a lingua portuguesa no país irmán.
xuño-10 2006 Ten lugar en Santiago de Compostela a Asemblea Constituínte de PuntoGal, promovida por varias institucións e entidades, unha iniciativa que pretende conseguir para a lingua e a cultura galegas un dominio propio en internet.


É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).

venres, 1 de xuño de 2012

** Un bo prato de humor galego da man de Luis Davila