sábado, 21 de abril de 2007

** Por aquí andamos eh!!!

Como xa vos dixera hai uns días estes días fáltame tempo e ando bastante cansado, polo que non teño tempo para actualizar este blog. Nestes momentos teño pendiente publicar algo que me enviou María. Moitas gracias por seguir visitando o blog e por deixar comentarios e artigos para publicar. No que toca a min a ver se este fin de semana podo seguir escribindo sobre a miña experiencia lisboeta e outras cousas que se me ocurran. En fin, que aínda que tarde en actualizarse este blog, que sepades que NON PENSO CERRALO NIN ABANDONALO. Estade tranquilos.
Un saúdo e Carpe Diem.

P.D.: Éme moi grato saber que teño lectores fieles e que cada día recibo novos visitantes, algúns dos cales repiten. Así da gusto e anima a seguir!!!. Gracias en especial a Maria, Mariam, Alvariño e Juanjo, aínda que hai moitos outros, algún de lugares tan lonxanos como Grass Valley, nos EE.UU. ou Suiza, por exemplo. Moitas gracias a TODOS"""

mércores, 18 de abril de 2007

** Son surrealista


A quí estou, un día máis, con este ordenador. De verdade, non sei que lle pasa: ten instalados dous antivirus, un programa antiespías, e un cortafuegos, todo convenientemente actualizado. Pois, non debe ser suficiente porque cada día é máis lento. O teclado está duro, mais que escribir parece que estivera entrenando. O outro día xa me fixei nas mans, é raro que non me aumente a musculatura dos dedos. Teño que premer ben forte as teclas. Intentei arranxar o problema pero non o conseguín, o teclado vai duro e o rato pesa medio kilo. Xa estou farto destes problemiñas técnicos, desconcéntranme e eu son un creativo, a miña maneira, claro.
...--->Ve-lo Artigo completo....
Eu non podo estar pensando no teclado, eu teño cousas máis importantes na cabeza. Quero pintar, si, pintar ó óleo. Sempre me gustou pintar. Xa sei o que pensades, dubidades da miña capacidade artística, a Van Gogh pasoulle o mesmo. É o que ten ser xenio, os xenios teñen que loitar constantemente coa incomprensión dos demais, sempre foi así e senón lembrade a Galileo cando dixo que a terra se movía arredor do sol ou a Miguel Servet que foi o descubridor da circulación sanguínea. Antonio López non, que é pintor realista, claro, é un xenio máis comprendido. Eu non, eu non son pintor realista nin son comprendido. A min gústame a pintura abstracta. Kandinsky é o meu preferido, tamén me gustan Miró e Paul Klee. Meus país acaban de comprar un piso en Vilagarcía. O outro día, mamá e máis eu estivemos mirando uns cadros para o salón. Eran feos que arrepiaban, e caros. Eu xa me ofrecín a pintarlle algún, pero mamá miroume con escepticismo. Cando lle contei a miña nova inquedanza artística a meu primo Juanjito botouse a rir, non sei que me dixo de se iba crear un novo estilo artístico, si, xa me lembro, a “arte silvestre”. Juanjito é afillado de mamá e tenme cheo, pero que moi cheo. Non é verdade, tenme moi cheo pero quérolle un montón, máis que un primo é un irmán para min.

Pasámolo moi ben no almacén do tío Manolo, traballamos alí. A min, o tío Manolo púxome na sección dos pavimentos, cas plaquetas, os azulexos, os sanitarios,... E un traballo distraído, pero o que máis me gusta é ir repartir o material. As veces imos Juanjito e máis eu, co camión pequeno,canto máis lonxe sexan as obras mellor. No almacén do tío Manolo tamén atendo algunha consulta. Vos non o sabedes, pero o meu era o Dereito ata que tiven o accidente. Eu ía para notario pero despois do accidente perdín as miñas grandes facultades memorísticas e xa non puiden terminar a carreira. Juanjito tamén a deixou, claro, sen min non había quen lle deixara copiar nos exames. Xa se sabe, as desgracias nunca veñen soas. Foi unha mágoa, a nosa familia perdeu un notario e un bo avogado. Juanjito estudiar non estudiaba nada, pero trapalleiro é canto quere, e con ese pico de ouro que ten puido ser un avogado moi bo, do mellor do noso país. Eu tampouco estudiaba moito, a min con ir á clase chegábame, eu recordaba todo o que dicían os profesores, case non collía apuntes, son demasiado lento, eu atendía. O dereito parecíame un conto, unha historia moi longa, un pouco eran lerias de romanos, non bis in idem, in dubio pro reo, affirmanti incumbit probatio e tal, outro pouco veña dereito civil, o meu favorito como eu quería ser notario, e como tamén hai moitos delitos tamén se estudiaba dereito penal. O importante para min era ir a clase e non perder xamais o fío. Alí estaba a clave do meu segredo. Juanjito conseguía apuntes de todas as asignaturas. Había unha rapaza, Luísa, que estaba tola por Juanjito. A Luísa ó dereito non lle entraba pero tiña a virtude de ter os mellores apuntes da facultade.

- Non che valen os de Tareixa ou os de Sandra -dicíame Juanjito.
- Non, gústanme os de Luísa, mecanografados a dobre espacio, sen unha falta de ortografía, unha ledicia.
- Alvariño eres un entoxado, non sabes o traballo que me da conseguilos, ¡ non hai quen a ature!

E así, refungando, Juanjito foina aturando catro cursos, cada vez levábao peor pero non lle quedaba outra. Éramos un equipo perfecto, un dream team.. Eu, pola maña, ía a clase e pola tarde a biblioteca pero sempre, e case sen querer, aparcaba no pasillo. O banco que había enfronte da máquina do café era o meu preferido. Tiven moitos amigos na facultade, ía ás catro da tarde e sentábame alí, naquel banco, a tomar o café, e alí dábanme as sete. Eu que lle ía facer, coñecía a moita xente e, non o nego, tamén me gustaba facer vida social. Aquelas paredes inda deben gardar o eco da miña risa, paseino moi ben alí, toda a tarde charlando: de libros, de cine, de filosofía, de música,..., do que fora, eu non era escrupuloso e os meus amigos tampouco. A última hora, ía un pouco a biblioteca, a ler os apuntes de Luísa e case sen darme conta chegaban as nove, hora de ir cear. Foron os mellores anos da miña vida.
Pola culpa do accidente quedoume a memoria bastante debilitada, pero curiosamente lembro perfectamente todo o que estudiei nos catro anos que estiven na facultade, e aquí me tendes, no almacén do tío Manolo, sección pavimentos, facendo asesoramentos xurídicos. Pásoo ben, axúdolle a xente no que podo e ó tío Manolo non lle molesta. Ó tío Manolo dálle igual que fale coa xente da validez xurídica do testamento ológrafo ou do tempo, que si hoxe está bo día, que si hoxe vai moito frío, que non se para na rúa, o importante é vender. Pois, a xente valora a miña conversación, si señor, e raro é o día no que non teña algunha consulta, que gracias a Díos o Código Civil non me esqueceu, e algunha xente inda me quere pagar. Agora que me fixo, o teclado vai mellor.
ALVARIÑO




ARTIGO ELABORADO POR: Alvariño
Colaborador habitual de A Lareira Máxica

** A Frase Máxica........sobre o amor e a amizade

"Moi ben pode acontecer que unha muller senta amistade por un home; máis para mantela é preciso o concurso dunha pequena antipatía física"


Johann Wofgang von Goethe(escritor e historiador alemán)

luns, 16 de abril de 2007

** A Frase Máxica.....sobre o amor e a vida mesma


"Odiar a alguén é outorgarlle demasiada importancia"



(Anónimo)