xoves, 7 de decembro de 2017

** Falsos directos

Nos anos 90 destapouse o engano que cometeu o grupo Milli Vanilli. Os dous cantantes que aparecían e eran a súa imaxe comercial, en realidade non eran os que cantaban. Os que o facían eran outros dous tamén cantantes pero descoñecidos. Foi un escándalo no seu día porque nunca se dixera que cantaban en playback (ou sexa movían os beizos para facer crer que estaban cantando) pero nin o estaban facendo, nin tan sequera eran eles os que aparecían nesa música gravada.

Non obstante, este engano non é o único. Para nada. Na maioría dos programas de televisión nos que canta alguén (solista ou cantante) tampouco o fan nese momento. Ou sexa que non cantan en directo. Tamén cantan en playback. Iso si, a diferencia dos Milli Vanilli, si son eles. Moita xente sábeo, pero outra non. A min paréceme unha burla. Se eres cantante tés que cantar, non mover os beizos. Se non queres cantar, non vaias ao programa. Pero, claro, por ir páganlle e fan promoción dos seus discos…

¿Como se pode saber se están cantando en directo? Polo xeral, se o fan póñeno: voz en directo, ou algo similar. Se non pon nada é que é riguroso plabyack ou, como diría Emilio Aragón fillo: “ni en vivo nin en directo”.


¿É ético ou non esta práctica que se levan facendo desde hai décadas? Para min non. É un engano consentido, pero un engano a todas luces. Deberían cantar en directo. Entón, ¿por qué non o fan?. Pode haber moitos motivos: porque perden moita calidade en directo, porque non queren cansar a súa voz, etc..

De aí que onde se ve realmente a súa valía é nos concertos. Non nos discos nin nos programas de televisión con “son playback”. Os concertos son a proba de fogo. Aí é máis difícil enganar ao algodón...


...........................................................

sábado, 4 de novembro de 2017

** Respirando baloncesto: imaxes inolvidables

Aos amantes do baloncesto de tódolos tempos recoméndovos que visitedes a páxina Respirando Basket. Nela atoparedes información actual do básket español, pero sobre todo información, imaxes e vídeos antigos. Voltaredes a oír nomes tan ilustres como do de Drazen Petrovic, Arvidas Sabonis, Chicho Sibilio ou Epi. Gústame a súa disposción e o seu contido. Todo un descubrimento.

...........................................................

domingo, 29 de outubro de 2017

** A nosa música galega


Galicia ten moi boa música en galego, no noso idioma. Non obstante, penso que non se aprecia na súa xusta medida. Cantantes e grupos como A Roda, Fuxan os Ventos, Ana Kiro, Xil Ríos, Milladoiro, Berrogüeto, Leilía, Luar na Lubre e moitos outros que estiveron e/ou están contribúen a difundir tanto a nosa cultura como o noso idioma. Porque aínda que non estean, seguirán estando. Porén, en A Lareira Máxica seguimos apostando pola nosa música, pola música galega.

Sobre todo, quere darlle as grazas a Leilía e a outras grupos de música tradiconal galego que se encargan de investigar e difundir música tradicional para evitar que se perda. Un gran e duro labor que non se recoñece na súa xusta medida. Moitas grazas e seguide así.

Hoxe traio a música de Leilía e a canción do Verdegaio. Déixovos co bo facer de Ana, Patri, Merchi, Montse, Felisa e Rosario.



sábado, 23 de setembro de 2017

** O humor galego de Luís Davila. Xenio e figura

sábado, 20 de maio de 2017

** Películas sen liñas de crédito finais

Xa está demasiado estendida a práctica televisiva de cortar as liñas de crédito finais das películas. Sei que poden duran varios minutos, pero é unha parte máis da cinta.

Esta moda principiou nas televisións privadas (sobre todo Tele 5) na década dos 90 e TVE adoptouna desde hai uns anos. Non comparto que tan pronto remata a imaxe da película apenas se deixen uns segundos para estas liñas, onde sae información dos actores e demais persoas que interviron na película dunha ou doutra forma, ademais doutra información (como pode ser, por exemplo, a música que se utilizou). Considero que debían deixarse enteiras, tal e como se fai no cine.

Doutro lado, paréceme lamentable que TVE recolla unha mala praxe das teles privadas. Suponse que unha televisión pública non debería entrar nisto e respetar as liñas de crédito finais. Digo eu que para iso e unha televisión pública. Pero claro, tampouco é a única práctica nada ética de TVE, pois tamén burla a normativa de non poñer publicidade cunha inxente cantidade de patrocinadores, que medran cada vez máis, e que non son senón publicidade demasiado descuberta. É penoso todo isto...


...........................................................

domingo, 29 de xaneiro de 2017

** Os muros e os valados da vergoña

Parece mentira que en pleno século XXI aínda haxa xente que pense que é necesario levantar muros para separar países ou comunidades. Se isto, por riba, pasa nun país como Estados Unidos que pretende ser o referente do mundo enteiro (e non o é, por suposto), pois aínda pior. É triste, moi triste, que haxa dirixentes como Donald Trump que estean convencidos dos beneficios dun muro que separa Estados Unidos con México. Xa sei que non é o único muro. Calquera deles supón un derrota da democracia e do respeto á convivencia.


Aínda me lembro daquel 9 de novembro no que, por fin, se derrubou o muro de Berlín e se puxo así fin a unha separación das dúas Alemanias que durou 28 anos. Case nada. Foi un día alegre. Parecía que as cousas empezaban a cambiar no mundo, pero os fantasmas do pasado voltan na era das tecnoloxías. Parece mentira, canto máis avanzamos nunhas cousas, retrocedemos noutras. Ou, noutros casos, non avanzamos.


Iso si, insisto, non é o único muro. Fagamos un pouco de memoria. Outros non son muros propiamente, pero veñen a ser algo moi parecido: o valado de Ceuta e Melilla, sen ir moi lonxe. O malo é que non é a única...


Os muros e as guerras non conducen a nada. O diálogo, o respeto, a democracia e a liberdade, si. O dito, triste, moi triste, que haxa xente que pense que facendo muros se avanza ou se protexe a un país.

...........................................................

sábado, 17 de decembro de 2016

** Os cinco alimentos con máis azucre

Interesante este artigo da revista Consumer. Trata os cinco alimentos cotiáns con máis azucre. Algo a ter moi en conta se nos queremos coidar e non levar sustos inesperados despois. Recomendo a súa lectura, pois tamén nos ofrece alternativas.

domingo, 6 de novembro de 2016

** Nalgún lugar....

Duncan Dhu é, sen dúbida, todo un referente no paranorama musical español. Falar dos 80 non se pode sen mencionar a este grupo vasco. Diego Vasallo e Mikel Erentxun triunfaron xuntos. Por separado, quizáis tivo máis éxito Mikel, pero iso xa é outra historia. Son moitas as cancións que nos deixaron como grupo. Pola súa letra e porque é unha das máis antigas, subo a A Lareira Máxica: "En algún lugar", que é de 1987. Pasaron case 30 anos, pero podería extrapolarse ao presente. Seguramente, nunca vos fixástedes e léstedes toda a letra da canción. Merece a pena escoitala e deixar nun segundo plano, por esta vez, os acordes musicais. Unha letra profunda que agocha máis dunha triste verdade disfrazada de aparente música alegre.

....................................................


sábado, 29 de outubro de 2016

** Un outono amarelo brilante


O outono sobrevoa un ano máis as nosas vidas. Un outono, este, algo diferente. Traveso, moi traveso, pero feitiño. Ata o de agora foi de voda co sol e coas altas temperaturas. Unha combinación explosiva que remata agora. As árbores un ano máis tinguen primeiro as súas follas de amarelo ou vermello e logo quédanse sen cabelo. Para a primavera voltaralles medrar. A estampa podería ilustrarse con centos de fotos. En A Lareira acércovos tan só unha mostra. O frío entra con novembro, unha época idónea para comer as castañas e entrar en calor. Pero sempre con precaución. Non vaia ser… Lembrade que os excesos sempre se pagan...
...........................................................

sábado, 24 de setembro de 2016

** Humor do bo, 100% de Bueu

venres, 5 de agosto de 2016

** A explotación asiática

De recomendada lectura o seguinte artigo do xornal Praza Pública que fala de quen fai a nosa roupa . O perfil é o dunha muller nova asiática cun salario de 40 euros por 12 horas de xornada. Non me estrana que despois moitos empresarios se enriquezan...¿E onde están os dereitos humanos e a vergoña?

sábado, 23 de xullo de 2016

** A frase máxica.....permitir, merecer e atraer

Envíame a nosa colaboradora Sonia unha frase que fai pensar e que encerra sabiduría. Deses que me gustan, que fan reflexionar, que enreda de xeito alevoso coas palabras e cos verbos para cociñar unha gran frase e facer traballar a cabeza. Grazas Sonia.

domingo, 1 de maio de 2016

** A Lareira Máxica cumpre hoxe 10 anos

O luns 1 de maio de 2006 naceu A Lareira Máxica. Aquel día non me imaxinei que a vida desta páxina ía chegar aos 10 anos. É un aniversario moi feliz para min. Grazas a tódalas persoas que o ledes e que colaborades ou colaborástedes con A Lareira Máxica.


....................................
Julio Torres
Creador e editor de A Lareira Máxica

domingo, 24 de abril de 2016

** Lembranza nos Premios Mestre Mateo

Da cerimonia de entrega dos Premios Mestre Mateo voume lembrar sempre non dos premios que se entregaron nin da película que tivo máis estatuíllas, senón da lembranza que tiveron do amigo Nacho Mirás, que finou vítima dun cancro en octubro de 2015. O seu recordo emocionoume.


Dúas imaxes de Nacho ilustraron a súa memoria: el de neno tocando a gaita e outra da súa época de blogger apoido sobre unha sinal de madeira (que é a mesma que acompaña este artigo como xa o fixera tamén en ALM 0 15-04-2008). Esta última imaxe durou bastantes segundos e foi unha merecida homenaxe a este xenio de xornalismo.

Pasaron algo máis de 6 meses da súa morte, pero a súa figura endexamais se olvidará. Gran persoa e gran xornalista. Puñetero Casiano que o levou... Alá onde esteas, amigo Nacho, o teu recordo sempre estará connosco. E na ALM tamén, amigo.

...........................................................
Julio Torres

sábado, 2 de abril de 2016

** Menos dun mes

Resta menos dun mes para que A Lareira Máxica (ALM) cumpra unha década de vida. Que veloz pasa o tempo non sí?. Xa sei que non é nada orixinal dicir que parece que foi onte, pero non, o vindeiro 1 de maio ALM chegará esta ilusionante efeméride. 10 anos!!!. Cantas cousas aconteceron desde aquela e cantas innovacións sufriu blogger neste periodo. Unhas mellores e outras piores.

Vaian, por anticipado, as grazas a tódalas persoas que colaboraron durante estes 10 anos en ALM e tamén a tódalas persoas que visitan o blog a diario. Aínda que agora non dispoño do tempo que quixera para adicarlle, esta páxina seguirá adiante. As actualizacións desde hai meses xa vedes que son de cando en cando. Síntoo. Non é por falta de ideas -que hai moitísimas-, senón porque teño outras prioridades máis importantes.

Resulta unha grata alegría o feito de comprobar que, a pesar das poucas actualizacións, continúen sendo moitos os visitantes. Un pracer. Moitas grazas!!!



...........................................................

Julio Torres

Creador e editor de A Lareira Máxica

domingo, 6 de marzo de 2016

** Javier Gómez, aquel home do tempo da Sexta...

Mira que boto en falta esa forma tan humorística de dar as novas do tempo de Javier Gómez, ese xornalista metido a home do tempo ocurrente e gracioso que deu o tempo en La Sexta ata o ano 2011. Despois fichou por "Al Rojo Vivo" e agora por "La Sexta Columna", na mesma cadea. El mesmo recoñecía que tentaba facelo o máis entretido posible, aínda que ás veces non puidera ser entendido. A min gustábame. Polo menos, que as malas novas do tempo tiveran nos fixera rir...


sábado, 5 de marzo de 2016

** A casa de Bertín múdase

Bertín Obsborne non seguirá co seu programa "En la tuya o en la mía", tal como informa o xornal la Vanguardia. A pesar diso, emitiranse catro progrmas que xa ten gravados con Juan Y Medio, Bibiana Fernández, Pedro J. Ramírez e a súa muller, e outro con Lola Herrera. Cabe lembrar que algúns dos seus programas foron moi criticados. Dous deles foron o de Iler Casillas e Sara Carbonero, e o de Carmen Martínez Bordiu.

luns, 29 de febreiro de 2016

** Un 29 de febreiro cheo de humor do bo

Xa había moito tempo que non traía a A Lareira Máxica o humor dun gran humorista gráfico, e do que son moi fan: Luís Davila. Pois a golpe de 29 de febreiro alá vos subo algunha das súas últimas creacións. Por certo, creo que é a primeira vez en case 10 anos, que publico un 29 de febreiro. Agardemos que non sexa o último. Podedes votar pola viñeta que vos gusta máis de todas estas...


sábado, 9 de xaneiro de 2016

** Os anxos da vida

Os anxos existen. Están aí fóra, máis preto do que cremos. Nos peores momentos voan cara nós para axudarnos. Non soamente nos acompañan nos bos momentos (que iso é fácil) senón tamén nos malos. Cando máis falta fai. Dannos alento, comprensión e saben escoitar, sen cobrarnos os intereses pola axuda prestada. Estes anxos adoptan forma de familia, de amigos/amigas de verdade ou das parellas de cada un ou unha de nós. O resto de persoas non son anxos senón xente meramente egoísta e aproveitada que buscan que lles axudes cando lles convén pero que non te devolven esa axuda cando máis a podes precisar. Son persoas que non merecen a nosa atención pois buscan o seu propio beneficio e non teñen reparos en tirarte como un pañuelo de papel cando xa non te precisan. Xente trepa, sen escrúpulos ou meramente egoístas e desagradecidas. Moito. Triste pero certo. Tede coidado, que tamén andan por aí...

Aos meus anxos, a eses seres que si valen moi moito apena, vai adicada esta canción de Blue Octoter, tan chea de amor, optimismo e agradecemento. Agardo que vos guste.

sábado, 12 de decembro de 2015

** Chapuzas e feísmos made in Galicia

Verdadeiro feísmo e trangalladas son as que nos atopamos na nosa sociedade. Hoxe, acércovos unha selección de fotos de "chapuzas galegas"que publica o xornal "La Voz de Galicia" na súa edición dixital e que foron quitadas por diferentes fotógrafos (o seu nome aparece ao pé das fotos do álbum deste xornal). Algunhas son especialmente chamativas. A ver cal cal vos gusta máis...