** Mabel Montes. Unha xornalista de raza
O 20 de xaneiro, coñecedor da triste novo do seu pasamento amencía chuvioso e ventoso. Un día negro, moi negro, moitísimo. Un martes que, a media mañá, deixoume xiado cando unha amiga me comunica que morreu Mabel Montes. A querida e gran xornalista da Radio Galega e da TVG (ou como se chame agora que diría ela) que desde o 2012 era unha das persoas que daba o tempo no medio autonómico. Non me estrana que o tempo estivese tan alterado. Choraba a súa morte.
Mabel era moi boa profesional, traballadora incansable, rigorosa, modesta, implicada na defensa da profesión, do público, do galego, da cultura, excelente persoa, humana, positiva, con exquisito sentido do humor galego, portadora dun amplo sorriso, todo iso e máis recollido nunha MAGNÍFICA PERSOA. Características nas que coinciden todas e todos. Así era Mabel.
Coñecina en 1996 na antiga facultade de xornalismo de Mazarelos da USC, un ano que compartín traballo de grupo dunha matería optativa con ela, con Araceli Gonda, Xandra Tedín, Maite Silva, Susana González e César Carracedo. Un servidor non era do seu curso, pero a acollida foi moi boa. Grazas!!, Debo recoñecer que non falei moitas veces con Mabel, pero caíame xenial. Ás grandes persoas recoñécense polas cousas pequenas. Mabel destilaba humanidade e empatía nas súa verbas, valores en vías de extinción na sociedade actual.
Cando ela traballaba no tempo da Tvg -antes de que a cambiaran forzosamente para a Radio Galega- enviáballe fotos para publicar polo Whatsapp do programa, tanto a ela como aos seus compañeiros Diego, Noelia e Ana Celia. A ela gustáballe saber do contexto da foto. Rigorosa e metódica. Moi ben feito!!
A nota simpática foi no 2023 cando se estreou a peli "Voy a hacerme viral" da que era guionista Araceli Gonda (grande amiga de Mabel e outro encanto de persoa, por certo). Púxolle o nome de Mabel Montes á protagonista: a Blanca Suárez. Un detalle moi bonito de Araceli.
Como xornalista son firme defensor do bo facer. Polo tanto, síntome moi orgulloso dos e das compañeiros e compañeiras que defenden a liberdade, a pluralidade informativa e o servizo público na RTVG. Mabel era unha desas defensoras. Participaba nos venres negros, esa xusta manifestación de protesta que os/as traballadores/as da RTVG levan adiante tódolos venres desde hai case 8 anos. 400 venres para ser exactos (cumpridos precisamente o día do 50 cumpreanos de Mabel, o pasado venres 16 de xaneiro). Inxustamente, esa honesta implicación acaboulle custando o seu traslado da Tvg a Radio Galega primeiro e logo a cancelación do seu programa Atmosféricos na Radio Galega. Tamén foron bastantes compañeiros/as castigados que pasaron tamén da tele á radio ou viceversa. Agora máis que nunca: moitísimas forzas e que a vosa loita non morra.
Tanto onte como hoxe revisei moitas novas da súa morte en moitos medios de comunicación galegos e nacionais (incluso na revista Hola edición on line!!). Aledoume moito comprobar que a súa morte deixou unha profunda pegada e que era moi aprezada e querida polo seu bo facer. Numerosos medios fanse eco da nova. Non me estrana e síntome orgulloso do seu recoñecemento. Meréceo. Ougallá se implemente un premio que leve o seu nome. Aí queda a petición para quen a poida recoller. Os logros non son froito da casualidade senón do traballo constante.
Maldito cancro que nos últimos anos se levou por diante a varias amizades: María, Mary, Araceli, Nacho ou Mónica, entroutras.
Remato: o meu sentido pésame a súa familia, amizades e compañeiros/as de traballo. Descansa en Paz estimada Mabel. Foi un pracer terte coñecido. Botarémoste de menos. A túa lembranza permanecerá para sempre. Se no mundo houbese máis mabeles sería moito mellor sociedade.
...........................................................
Un artigo de Julio Torres
------------------------------------------
ENLACE: Páxina de Mabel na rede social X (encántame)




