venres, 12 de setembro de 2025

** As fotografías futuras

Todo cambia.Os lugares que hoxe vemos dunha forma, dentro duns anos cambiarán. Moito ou pouco, pero van ser diferentes. Iso é así. Leiras ou montes nos que nun futuro haberá casas ou edificios, ou rúas de cidades que cos anos terán outros establecementos ou que cambiarán a súa faciana, incluso os sentidos de circulación. Son só dous exemplos.

Quizais deberiamos fotografalos máis os sitios e lugares polos que adoitamos pasar. Así que cando muden lembraremos cómo eran antes. E que esa lembranza non esmoreza no tempo. Hoxe con tódolos medios que temos ao noso alcance case é un pecado non facelo. Se chegaron a nós fotos do século pasado cando cando non existían cámaras dixitais nin móbiles, con máis razón deberiamos retratar e gardar como ouro o que temos agora para transmitilos a futuras xeracións. Temos máis medios que nunca. E quen di quitar fotos, tamén di gravar vídeos do que temos agora.

Pero isto só é unha reflexión, un apuntamento...

martes, 12 de agosto de 2025

** Non te olvides

Adécada dos 80 foi, como sabedes, moi produtiva a nivel da música. Emerxeron e triunfaron moitos grupos. Unha canción que sempre me encantou foi este temazo de Simple Minds: Don´t you forget about me. A canción é de 1985 é foi un dos temas máis recoñecibles, que non o único, deste grupo escocés liderado por Jim Kerr, o seu vocalista. A canción fíxose famosa tamén por aparecer na escena final da película "The Breakfast Club". O son de Simple Minds é inconfundible.



mércores, 6 de agosto de 2025

** A verdadeira amizade

De súpeto soa o teléfono e del emerxe unha voz familiar, amiga e que irradia, alegria, nostalxia e lembranzas, moi boas lembranzas. No mellor intre do pior momento. Un raio de luz, un motivo para seguir. De fondo soa "Dónde estabais", do grupo La Unión. Que contradición. A ilusión emerxe dos seus ollos, a faciana muda de aspecto e o traxe da felicidade inunda o ambiente para non desaparecer. Un xiro, unha esperanza, unha ilusión. Ser importante para algúen, respeto, empatía. Unha conversa entre dúas persoas amigas. Algo habitual entre nós. Horas de conversa. Detalles nimios pero vitais para o ser humano. Unha amizade fértil e recíproca sen intereses, nada que ver coas devastadas polas lapas voraces e indiferentes do tempo, nas que a memoria se esvaece e a preguiza impide o seu cultivo. Amizade. Vida. Respeto. Compartir as pequenas grandes cousas da vida, que diría o gran Nacho Mirás.

________________________________________________________________________________________

Este artigo vai adicado a unha BOA AMIGA con maiúsculas que nos estará lendo desde o ceo. Unha gran persoa e amiga. O texto só representa a felicidade que representaba falar con ela e estármonos periodicamente en contacto. Como grandes amigos que eramos. O tempo esvaecíase e as horas transformábanse en segundos. María: foi un inmenso pracer terte coñecido e ter sido tan grandes amigos. DEP.



domingo, 20 de xullo de 2025

** Pontevedra na historia

Internet está chea de información, de páxinas interesantes, de nostalxia, de fotos e moito moito máis. Para as persoas que non o coñezades, quero presentarvos o blog Pontevedra con Follas Verdes, que garda relación coa coñecida libraría pontevedresa Follas Verdes.

Aínda que xa non se publica desde 2013, nel atoparedes un bo feixe de fotos antigas de Pontevedra e dos seus arredores. Poderedes, por exemplo, lembrar o trolebús de Pontevedra a Marín (desaparecido nos anos 80), o cine Malvar, comprobar cómo eran rúas e lugares de Pontevedra nos anos 40, 50, 60, 70, 80.... E con sorte, recoñecer a persoas anónimas. O denominador común son as fotos antigas e cheas de valor histórico que acolle no seu interior.

A presentación que se fai no blog xa o di todo: "Compartir, también puede ser, dar algo a cambio de nada". Porque hoxendía, non todo debe ser dar por interese, senón tamén saber compartir gratuitamente algo que dunha forma ou doutra é de todas e de todos. Agardo que vos guste. Se sodes de Pontevedra, abofé que si. A min fascinoume moito. Un gran labor de recompilación de imaxes. Que importante é inmortalizar os lugares para que pervivan por sempre. O que hoxe é dunha forma, cos anos será doutra. Se non se gardan as fotos antigas, perderase o seu valor histórico.

...........................................................

sábado, 19 de xullo de 2025

** Cando os soños se van

Gran canción do grupo ourensán Los Suaves. Unha gran verdade. Os sonos tiran do carro da nosa vida. Sen os nosos soños, a vida vaise. Que sería de nós se non podemos soños? Dino ben claro e levan moita razón. Debemos perseguir os nosos anhelos, loitar por eles e que non deixar que se esvaezan e que nos abandoen. Nin nada nin ninguén debe impedirnos loitar por eles.