luns, 27 de xuño de 2011

** Galicia Hoxe (O Correo Galego) di mañán ADEUS


SANXENXO. Julio Torres


A actualidade manda. E por iso, fago unha miniparéntese no meu descanso obrigado de A Lareira Máxica e do mundo de internet do que levo desconectado desde o pasado día 10 de xuño para publicar un artigo que nunca me gustaría ter publicado, ou polo menos coa urxencia e motivo que o vou facer.

Hoxe, case sen querer, entereime dunha noticia da que, de poder escoller, non querería que nunca se tivese producido: a desaparición do xornal Galicia Hoxe que mañán sacará á rúa o seu último número, o derradeiro, o último. Galicia Hoxe (17 maio 2003- 28 de xuño 2011) é o único xornal diario (tódolos días da semana) escrito enteiramente en galego. En realidade, non é senón a continuación do primeiro xornal diario escrito 100% en galego: O Correo Galego (5 de xaneiro 1994 - 16 de maio 2003) e ambos pertencentes a Editorial Compostela, empresa editora do seu irmán maior: El Correo Gallego. Pódese dicir que Galicia Hoxe foi unha refundación de O Correo Galego. Tanto nun coma noutro o factor subvención era a base primordial dos seus ingresos. O recadado nos quioskos non pasaban de ser ingresos casi simbólico ó lado das subvención públicas da Xunta de Galicia -sobre todo- e dos ingresos por publicidade (unha esquela tiña prioridade e se había que maquetar e refacer a páxina de deportes, pois alá, o primeiro é o primeiro...Brrr que rabia daba logo de que che cadrarán, por fin, titulares e líneas)

A noticia de por sí mala, para min é todavía máis por diversos motivos persoais: gústame o galego, son xornalista e traballei en O Correo Galego durante un ano. Foi o primeiro xornal no que traballei e no que entrei so uns días despois de ter rematado as miñas prácticas en Radio Voz Vigo. Supoñía pasar de radio á prensa, medios completamente distintos.

A nova do nacemento de O Correo Galego sóubena a través do meu amigo e outrora profesor Xosé Amancio Liñares Giraut, en xaneiro de 1994. Que me diría a min que anos máis tarde, sería un dos membros da súa redacción...

En O Correo Galego lembro que entrei a traballar logo da renuncia dunha excelente amiga. Alí traballei en diferentes seccións: Galicia, AFA (cultura), deportes,... Os compañeiros eran xente xente moi preparada e agradables. Lembro entre outros moitos a (que non se me enfade ninguén porque fóstedes moitos): Mónica García, Antón Rodríguez, Rosa Rodríguez, Soedade Noia, Carina Regueiro, Enrique Neira, Darío Janeiro, Miguel Seoane, Raquel Martínez, Pilar, Belén, Mary (lingüista), Andrés Tarrío e Rosa Navia. Pero a lista é máis ampla, xunto tamén cos compañeiros de prácticas e os membros de El Correo Gallego (entre outros: Xaime Leiro, Luis Vázquez-Pena, Santi Riveiro, Emilio Navaza, Mayka Esturao, Irene Bascoy, Xurxo, Natalia, Fran (cultura), Chefa, Sela, Peque, Chico, e tantos outr@s que sería longo nomear -ou que, agora mesmo, non me acordo ben do nome ou dos apelidos- pero dos que garda un moi grato recordo.

Quixera ter un recordo moi moi especial de dous compañeiros que xa non están, que morreron por circunstancias ben distintas. Falo de Rosa Navia e de Andrés Tarrío, dúas MAGNÍFICAS PERSOAS das que me enterei do seu pasamento tempo despois de que sucederon. Aínda que non estean o seu recordo para min será imborrable. Desprendían bondade e eran dous grandes traballadores e moi bo compañeiros. DESCANSEN EN PAZ. Sabede que a ambos vos boto en falta pois erades moi entrañables como persoas. E iso é o que conta.

Lémbrome daqueles horarios nos que traballabamos 12 días seguidos e librabamos un fin de semana sí e outro non. No verán, as pedras de Santiago de Compostela caíanseme enriba ante o atronador sol de campionato que brilaba na Cidade Santa en pleno mes de julio ou agosto. Aqueles domingos onde cando rematabamos a nosa sección había que botarlle unha man a Miramontes, o de Deportes. Teño saído a 1 da mañán do xornal. Non esaxero nada. E no verán a redacción nutríase en dúas terceiras partes de xente de prácticas. E cando faltaba o titular da sección podía tocarche a ti. Lembro con especial agarimo cando as fins de semana me poñían ó fronte de Deportes ou de Cultura. A que menos me gustaba era a de Internacional e a de Economía. Recoñézoo.

Con O Correo Galego-Galicia Hoxe (a cousa ven sendo o mesmo), ponse un triste final a 17 anos e medio de novas enteiramente en galego. O únixo xornal escrito enteiramente en galego tódolos días da semana. Agora so queda o de Luns A Venres do Grupo Progreso de Lugo, pero so se edita cinco días á semana e son pouquiñas páxinas e noticias máis propias dun xornal gratuíto que un de pago. Aínda que algo é algo en canto á promocionar ó noso idioma galega, tórnase insuficiente para impulsar de verdade o galego. ¿De quen será en realidade a culpa de que existe tan pouca aposta por xornais escritos enteiramente en galego?. Ougallá nun futuro non moi lonxano se retome este proxecto por algún medio de comunicación e se aposte en serio por el tantos por organismos como por empresas de comunicación.

Podería falar longo e tendido sobre o que significou para min a experiencia do Grupo Correo, pero tampouco é cuestión. Quixera ter escrito este artigo de despedida con tempo pero a urxencia levoume a escribir isto coas primeiras cousas que se me viñeron á cabeza.

Por suposto, que non o dixen, todo o meu apoio @s compañeir@s de Galicia Hoxe (antigo O Correo Galego, insisto) que, por desgracia, se quedan mañán sen traballo. Ánimo!!!!!

venres, 10 de xuño de 2011

** PUNTO E APARTE: A.L.M. despídese temporalmente


Unha canción bonita e triste a un tempo


Por problemas alleos á miña vontade, o blog de A Lareira Máxica despídese por unha tempada indeterminada. Ata o seu regreso, so queda agradecervos a confianza depositada e agardo que a sigades visitando de cando en vez. NON É UNHA DESPEDIDA NIN UN PUNTO E FINAL. Ou iso espero. Para min hoxe é un día triste. Foi unha decisión dura de tomar, pero coido que é a máis acertada nestes momentos. A pesar diso, quedan algúns artigos programados para autopublicarse e os comentarios serán moderados, na medida das súas posibilidades, pola miña benquerida amiga Patricia Loureiro. Gracias Patri!!!

Bicos e abrazos de Julio Torres. Se alguén desexa que @ avise o día que volte a actualizarse o blog, que o manifeste mediante un comentario no grupo de A Lareira Máxica no facebook ou no e-mail do blog.

P.D.: Os comentarios serán moderados por Patricia Loureiro na miña ausencia.