martes, 20 de xaneiro de 2026

** Mabel Montes: unha xornalista de raza

O 20 de xaneiro, coñecedor el da triste novo do seu pasamento, amencía chuvioso e ventoso. Un día negro, moi negro, moitísimo. Un martes que, a media mañá, deixoume totalmente xiado cando unha amiga me comunica que morreu Mabel Montes. A querida e gran xornalista da Radio Galega e da TVG (ou como se chame agora, que diría ela). Desde o 2012 era unha das persoas que daba o tempo no medio autonómico. Non me estrana que o tempo estivese tan alterado. Choraba a súa morte.

Mabel era unha excelente profesional, traballadora incansable, rigorosa, modesta, implicada na defensa da profesión, do público, do galego, da cultura, un 10 como persoa, humana, positiva, con exquisito sentido do humor galego, portadora dun amplo sorriso, todo iso e máis recollido nunha MAGNÍFICA MULLER. Características nas que coinciden todas e todos. Así era Mabel.

Coñecina en 1996 na antiga facultade de xornalismo de Mazarelos da USC, un ano que compartín traballo de grupo dunha matería optativa con ela, con Araceli Gonda, Xandra Tedín, Maite Silva, Susana González e César Carracedo. Un servidor non era do seu curso, pero a acollida foi moi boa. Grazas!!, Debo recoñecer que non falei moitas veces con Mabel, pero caíame xenial. Ás grandes persoas recoñécense polas cousas pequenas. Mabel destilaba humanidade e empatía nas súa verbas, valores en vías de extinción na sociedade actual.

Cando ela traballaba no tempo da Tvg -antes de que a cambiaran forzosamente para a Radio Galega- enviáballe fotos para publicar polo Whatsapp do programa, tanto a ela como aos seus compañeiros Diego, Noelia e Ana Celia. Conversaba con ela de vez en cando. Sempre moi agradable, atenta e familiar. A ela gustáballe saber do contexto da foto. Rigorosa e metódica. Moi ben feito!! Na despedida o seu alegre CHAU!!

A nota simpática foi no 2023 cando se estreou a peli "Voy a hacerme viral" da que era guionista Araceli Gonda (grande amiga de Mabel e outro encanto de persoa, por certo). Púxolle o nome de Mabel Montes á protagonista: Blanca Suárez. Un detalle moi bonito de Araceli.

Como xornalista son firme defensor do bo facer. Polo tanto, síntome moi orgulloso dos e das compañeiros e compañeiras que defenden a liberdade, a pluralidade informativa e o servizo público na RTVG. Mabel era unha desas defensoras. Participaba nos venres negros, esa xusta manifestación de protesta que os/as traballadores/as da RTVG levan adiante tódolos venres desde hai case 8 anos. 400 venres para ser exactos (cumpridos precisamente o día do 50 cumpreanos de Mabel, o pasado venres 16 de xaneiro). Inxustamente, esa honesta implicación acaboulle custando o seu traslado da Tvg a Radio Galega primeiro e logo a cancelación do seu programa Atmosféricos na Radio Galega. Tamén foron bastantes compañeiros/as castigados que pasaron tamén da tele á radio ou viceversa. Agora máis que nunca: moitísimas forzas e que a vosa loita non morra.

Tanto onte como hoxe revisei moitas novas da súa morte en numerosos medios de comunicación galegos e nacionais (incluso na revista Hola edición on line!!). Aledoume moito comprobar que a súa morte deixou unha profunda pegada e que era moi aprezada e querida polo seu bo facer. Non me estrana e síntome orgulloso do seu recoñecemento. Meréceo. Ougallá se implemente un premio que leve o seu nome. Aí queda a petición para quen a poida recoller.

Remato: o meu sentido pésame a súa familia, amizades e compañeiros/as de traballo. Descansa en Paz estimada Mabel. Foi un pracer terte coñecido. GRAZAS por todo amiga. Botarémoste de menos. A túa lembranza permanecerá para sempre. O mundo sería moitísimo mellor se na sociedade houbese máis mabeles.

Maldito cancro que xa nos últimos anos se levou por diante a varias amizades miñas: María, Mary, Araceli, Nacho ou Mónica, entroutras. D.E.P.


..............................................................................................................................................

Un artigo-homenaxe de Julio Torres adicado á memoria de Mabel Montes

..............................................................................................................................................


ENLACE: Páxina de Mabel na rede social X (encántame)

xoves, 25 de decembro de 2025

** O valor das pequenas accións



"Non infravalores o valor das pequenas accións porque elas permitiranche deixar pegada"
............................................
Unha frase anónima

mércores, 24 de decembro de 2025

** Feliz Nadal 2025 desde A Lareira Máxica

venres, 12 de setembro de 2025

** As fotografías futuras

Todo cambia.Os lugares que hoxe vemos dunha forma, dentro duns anos cambiarán. Moito ou pouco, pero van ser diferentes. Iso é así. Leiras ou montes nos que nun futuro haberá casas ou edificios, ou rúas de cidades que cos anos terán outros establecementos ou que cambiarán a súa faciana, incluso os sentidos de circulación. Son só dous exemplos.

Quizais deberiamos fotografar máis os sitios e lugares polos que adoitamos pasar. Así que cando muden lembraremos cómo eran antes. E que esa lembranza non esmoreza no tempo. Hoxe con tódolos medios que temos ao noso alcance case é un pecado non facelo. Se chegaron a nós fotos do século pasado cando cando non existían cámaras dixitais nin móbiles, con máis razón deberiamos retratar e gardar como ouro o que temos agora para transmitilos a futuras xeracións. Temos máis medios que nunca. E quen di quitar fotos, tamén di gravar vídeos do que temos agora.

Pero isto só é unha reflexión, un apuntamento...