xoves, 14 de maio de 2020

** Entre soños e realidade

Soñei que isto non era certo. Soñei que me quedara durmido e que tivera un pesadelo. Soñei que ninguén morrera. Soñei que ao espertar todo sería diferente. Soñei que a clase política por fin remaba xunta nunha soa dirección, sen cores e sen atrancos. Mais daquela, daquela xa abrira os ollos...

...........................................................
Julio Torres

venres, 1 de maio de 2020

** 14 anos de A Lareira Máxica

O tempo avanza. Cúmprense nada máis e nada menos que 14 anos daquel 1 de maio no que a Lareira Máxica veu á luz. O ritmo de publicacións xa non pode ser o dos primeiros anos, pois existen outras prioridades. Pero, de cando en cando, irei publicando artigos. Un ano máis, quero agradecer a todas as persoas que, a pesar de todo, seguides visitando a Lareira Máxica, bucendo en artigos do pasado e utilizando os enlaces das columnas (todos eles actualizados). Este ano tamén quero acordarme de persoas que colaboraron nesta páxina con ideas, artigos e/comentarios e que xa non están entre nós. Grandes, boas e auténticas persoas, perdas irreparables. Non é un cumprido. É certo. Botásevos moito de menos. Moitas grazas por todo. Agradezo á vida, tervos coñecido. Descansade en paz.

sábado, 14 de decembro de 2019

** Unha canción de 1989 na lembranza

Esta canción foi escrita e cantada por Javier Portugués, Portu, excompoñente de Modestia Aparte e ao que no 2020 veremos como integrante do xurado na vindeira edición de Operación Triunfo, xunto a Nina, Natalia Jiménez (de La Quinta Estación) e Javier Llano (xornalista). Neste directo do ano 2015 canta esta balada xunto con Fernando López, o vocalista de Modestia Aparte. Nos 80 e nos 90, cantaba todas as cancións Fernando, agás unhas poucas -entre elas ésta- que interpretou Portu,o batería do grupo madrileño. "Ojos de hielo" será sempre unha das cancións míticas. El foi un dos integrantes de Modestia Aparte na súa primeira época (1987-1992) e moitas das cancións eran composicións súas. Modestia empezou a ser coñecida con este tema en 1989. Grandes Modestia Aparte! Por certo, agora Portu é produtor musical e por el pasaron/pasan artistas como Rozalén, Andrés Suárez ou Efecto Mariposa, entre outros moitos e colaborou con artistas como Joaquín Sabina ou Rosana.


.....................................................

domingo, 8 de decembro de 2019

** Con humor a choiva lévase algo mellor

Máis choiva e máis choiva no país de nunca escampar. Afortunadamente, o debuxante gráfico Luís Davila (que non Dávila ollo!) sempre nos arranca un sorriso coas súas viñetas cheas de humor que, case sempre, están á última no tocante á actualidade. Subo unhas cantas que son boísimas.