lunes, 10 de junio de 2013

** Secretos dunha meiga. Capítulo 0: O diario de Anxos


SANXENXO. Mary Camiña

Chámome Anxos, nacín hai máis de coarenta anos nunha pequena aldea de Galicia, cando ainda na casa había lareira e se contaban historias de defuntos, espíritos e ánimas ao pé dela despois da cea; cando o mal de ollo e as envexas eran as explicacións de moitas cousas que na ignorancia do pobo se trocaban realidade.

Era unha noite de treboada, unha chuvia refrescante caía sobre as resecas praderías, sobre a pobre herba que xa os animais non querían nin comer, que xa só servía para estro. Foi unha choiva de renovación e chea de vida, dixera meu avó, meu avó tiña unha forma de ver a vida moi especial mesturando fantasía e realidade, pero sempre aplicando a lóxica, unha lóxica moi especial... Non sei ben se sería realmente así ou se o inventou, pero según él, foi un milagre de Deus, tan grande, cáseque como o nacemento da súa netiña, tan guapiña que parecía un anxo, e por iso me puxeron Anxos...

Fun bautizada aos oito días de nacer, como era costume, a non ser que un neno nacera enfermo ou moi pequeno e se presumira que puidese morrer prematuramente, polo que, nese caso, e para evitar que o pobre neniño fose un anxiño sen bautizar e non poidese ser soterrado como unha alma cristiá en solo sagrado, xa que non era libre do pecado orixinal, se ía chamalo cura e se bautizaba á noitiña e de urxencia, en algún dos casos incluso se lles otorgaba a Extrema Unción... De feito, ao fillo da María, a de Manolo de Marugha do Xivas, non dou tempo de bautizalo e morreu sen bautizar aos tres días de nacer por mor dun problema no corazón, según dixeron os médicos, e foi soterrado debaixo do cruceiro do Petouto de forma cáseque anónima se non fose por unhas pequenas marcas sobre o cruceiro onde rezaban as súas iniciais xunto coas doutros moitos nenos sen sorte que, baixo unhas tristes louxas, descansaban para sempre. Anos máis tarde, os nenos, así como os suicidas puideron ser soterrados xa no CampoSanto e as louxas foron retiradas e o piso de arredor do cruceiro do Petouto foi cuberto cunhas fermosísimas e ben coidadas pedras de cantería, promesa polo visto dunha muller á que o cruceiro protexera da Santa Compaña unha noite que volvía co seu fillo do médico.

Eso sí, saín un pouco rara. Pero eu, na miña rareza sempre me sentín cómoda.


Na miña familia había unha costume que me había marcar de certa forma..., se a meniña non comía, ..., malo, seguro que alguén lle botou mal de ollo, e veña, arranca a xunto dunha meiga; se a meniña estaba descomposta,... uhi!, malo, e que á meniña tíñanlle envexa e arranca de novo a xunto a meiga..., que si tiña aire dun defunto, que si a veciña, ainda que non o fixera por mal, botárame mal de ollo, que se unha ánima mala da familia se agarrara a mín e non quería soltarme...e así unha lista interminable. Debeu ser por iso polo que sempre tiña soños moi raros e inquedantes, con persoas que xa morreran, unha mulleriña, sempre a mesma, me contaba cousas dos vivos e dos mortos que despois eu non conseguía recordar, dentro do “meu mundo paralelo”, como eu lle chamaba ao mundo dos soños, as cousas eran diferentes..., o tempo non pasaba, podía subir a unha dimensión diferente que só eu podía ver e oir e falaba con persoas que xa non estaban connosco, era todo tan natural, tan normal...

A pesares de tantas incursións ao mundo do esoterismo, a miña vida era como a de calquera nena: xogaba no campo cando o tempo o permitía, encántabame saltar nas pozas do camiño de volta do colexio, a pesar das reprimendas da avoa e da mamá..., xogar nas rúas ao futbol (que ainda que era nena, deixábanme porque chutaba ben), ao pilla pilla,... pero o que máis me gustaba era ir xunto da Marela a ver como lle crecía a barriga, xa que pronto tería un puchiño...

Cantas lembranzas! E mira tí por onde, con máis de corenta anos comezo a escribir o meu diario..., teño tantas cousas e ideas que ordear..., ás veces dame a impresión que me estou a volver tola... Creo que a morte de Eméritas me afectou demasiado. Foi a única amiga que me entendía de verdade...


[© Mary Camiña]

8 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Julio Torres dijo...

Como xa vos adiantara hai un par de semanas vanse crear novas seccións en A Lareira Máxica, paseniñamente. A primeira delas é "Secretos dunha meiga", ligada ós relatos. Gracias a Mary Camiña por esta iniciativa.
Terá máis capítulos. A min estanme gustando moito os que xa puiden ler.

Pero haberá máis novas seccións, ligadas á cultura galega...E ata aí podemos ler...


Nota: ultimamente tanto Patricia coma min non temos tempo para actualizar o blog, agás os comentarios, aínda que hoxe vexo que fixemos os dous unha excepción

sonia dijo...

Bo día a todos!

Mary Camiña cando contas o relato contas aspectos que aínda na Galicia actual hai ditas crenzas: o mal de ollo, o aire do animais......Supoño que cada vez menos, pero aínda se continua con ditas crenzas nos pobos...Supoño que a medida que van cambiando ese sentir será cada vez menor.
Será certo, non, que hai de dita realidade....É o encanto de Galicia e destes temas.

Grazas por brindarnos dito relato, gustoume. Estarei atenta para saber a continuación da vida de Anxos

Alvariño dijo...

Eu nacín con mal de ollo, miope. Inda che había de ser cousa de meigas...

Patricia Loureiro dijo...

Góstame muito a cultura da Galiza i a lectura. Ler relatos en galego como iste ou os de Alvariño évos algo mui grande i no que val a pena mergullarse. Adorabéis relatos os que escribides na Lareira Máxica

Alvariño dijo...

A min en galego normativo cóstame moito,teño que prestar o dobre de atención e sempre acabo metendo faltas de ortografía a esgalla.
Falando de relatos bonitos, tamén o Sr. Torres, don Julio, escribe fermosos relatos cheos dunha profunda sensibilidade literaria. Eso si,cando ten tempo. É unha verdadeira mágoa que sexa un home tan ocupado.

Mary Camiña dijo...

Gracias a tod@s. Nos pobos pequenos, e nas capitais tamén, seguen certas crenzas moi propias de Galicia. Ao meu pensar, é propio de non ser capaz de explicar certos "fenómemos". É un tema que me pareceu moi acorde coa Lareira Máxica, xa que a maxia sempre se explicou ao lado dun lume. Un lume que nos fai disfrutar do caloriño, os relatos, sucesos e opinións da nosa xente. Saúdos.

Julio Torres dijo...

Gracias Alvariño. Alégrome que che gusten os meus relatos. E sí, desafortunadamente non lle podo adicar a A Lareira Máxica o tempo que quixera porque hai outras prioridades.

Canto ó do galego normativo a min pásame igual. Xa teño escrito sobre o tema en máis dunha ocasión en A Lareira Máxica. Eu falo e escribo o idioma que fala a xente galega de a pé: o castrapo. Tanto normativismo non sei eu. Logo chégase a tantas palabras raras que ninguén utiliza. Parece un galego de laboratorio...
Patri, que non che pareza mal, que xa sei que eres unha aférrima defensora do normativo.

Mary: Levas moita razón no que dis, sobre Galicia e os pobos pequenos.

Un saúdo máxico (moi apropiado tendo en conta a temática da que versa o relato de Mary Camiña). Carpe Diem a tod@s

Patricia Loureiro dijo...

A cultura i mai-las crenzas populares están mui arraigadas na Galiza. Gosto do relato i destas novas seccións que apostan pola cultura do país.
Levas muita razón Alva, mais non
nomeei ao Xulio pois é o xefe i no queda ben.
Sobor do galego normativo eu gosto do galego dil a pesares de non o emprega-lo muito i menos eiquí en Madrid