O ano pasado foi un ano de perdas materiais: primeiro a do o meu correo electrónico e, pouco despois, a do número de teléfono "de toda a vida". Nada grave, pero si moi molesto, pero son cousas que pasan... Coido que se botara a lotería primitiva ata me tocaba o bote...
Con todo, o pior foi que, por un lado, estas perdas involuntarias propiciaron a de bastantes contactos telefónicos e electrónicos vinculados e, por outro,ter que cambiar o meu novo número de móbil en moitas entidades públicas. Nin vos imaxinades. Por sorte, o mal trago xa está superado. Iso si, ao principio ata tivo algún beneficio: despois de anos e anos non recibía chamadas de spam comercial no meu novo número de teléfono! Esa alegría antispam durou soamente uns meses, pero foi algo. Non todo ían ser malas novas.
Así que tede coidado e non perdades nin teléfonos nin contas de correo electrónicos.
A liberdade de expresión é un dos dereitos que recolle a Constitución de 1978. Para a xente nova pode parecer un dereito máis, que apenas custou conseguilo, e non darlle a gran importancia que posúe. Os xornalistas sabemos ben o pilar importante que supón para a nosa profesión
Porén, tamén é indispensable para calquera persoa. Hai varias décadas, cando non había democracia, a liberdade de expresión non existía como tal. Como todo nesta vida, soamente se pode apreciar o que se ten cando antes non se tivo, ou cando antes se tivo e agora non.
Ollo. Nos medios de comunicación a liberdade de expresión non debería confundirse coa obxectividade. Para que haxa obxectividade ten que haber liberdade de expresión, pero que haxa liberdade de expresión non implica obxectividade. De feito, case ningún medio de comunicación é obxectivo, cando debería selo, ou polo menos tender a selo. Case sempre ten intereses, nomeadamente políticos. Por algo se di que os medios de comunicación son o cuarto poder. E abofé que así é. ¿Ou alguén se atreve a dicir o contrario?.
A ética require contrastar información e non ser parciais ou disfrazar novas. Debera imperar este noble valor e non o amarillismo nin o partidismo (sexa da parte que sexa). Sexamos realistas: non é así. Os medios de comunicación deben informar pero informar con rigor, seriedade e tentar se imparciales. Son moitos os profesionais que traballan en medios onde lles din o que deben ou o que non deben de publicar, ou de que deben ou non deben falar, ou o tempo ou o espazo que lle deben dar a cada noticia. A manipulación existe. Está aí. Hai xente sen valores que se aproveita da súa posición e das necesidades alleas para manipular. Xogan co medo e coas represalias aos profesionais. Iso é indigno. Seguramente os colexios de xornalistas poderían escribir un libro sobre iso.
O tema é serio, non é baladí. ¿Qué nos toca a nós como lectores, televidentes, oíntes?. Pois non crernos todo o que nos din. Procurar contrastar o que nos contan. O que deberían facer os xornalistas pero que non realizan porque non queren, non lles interesa, ou, simplemente, porque non lle deixan… Iso si, tampouco pensemos que é só culpa dos xornalistas… E chapeau para aqueles xornalistas que, podendo facelo, dimiten porque teñen principios e valores alleos ao titiritismo. Por desgracia, as circunstancias persoais e familiares de cada un, non sempre permiten abandoar un traballo.
Acostumémonos a non fiarnos do primeiro que lemos, vemos ou escoitemos. Non sexamos persoas hipnotizadas e idiotizadas. Procuremos recabar outras versión, informarnos en varios medios e despois quitar as nosas propias conclusións. E aínda así, podemos non obter tódalas versión que existen. Hai que atopar puntos de vistas contrarios, empaparnos do que din e logo reflexionar. Non nos creamos o primeiro que nos din. Non deixemos que pensen por nós. Porque iso é o que se pretende. Non sexamos loros, pensemos. Por algo temos cerebro. Porque temos cerebro, ¿ou non?...
Odolmen que vedes na imaxe é o de Dombate. Está no concello de Cabana de Bergantiños, en plena Costa da Morte, na ruta dos faros. Por sorte, está recuberto para protexelo das inclemencias metereolóxicas e da humidade. Coido que outros monumentos que hai espallados por Galicia adiante tamén deberían estar protexidos do mesmo xeito. Por desgracia, isto non acontece.
Para as persoas que desexen ter máis información aquí vos deixo este enlace. Anímovos a coñecer a extensa e bonita xeografía galega e, de paso, toda a nosa cultura. Vale a pena. Non fai falta viaxar fóra de Galicia para ver cousas marabillosas como todas as que hai aquí. Ou polo menos, coido que habería que primeiro viaxar pola nosa terra. Carpe diem.
O gran Luís Davila sempre dá no clavo. Outra cousa non, pero festas en Galicia hai á esgalla. Enumeralas sería laborioso, aínda que moitos lugares repitan bastantes. Mariscos, peixes, cocido, callos (en verán tamén), pan, viños, etc. Sobre todo no verán, pero tamén durante o ano. En Galicia é case máis difícil atopar unha agulla nun pallar que un concello sen unha destas festas típicas...
Así pois, toca divertirse e comer e beber ben. Iso si, con sentidiño, que logo...
Logo de moitos anos en obras, por fin, a Catedral de Santiago se independizou das estadas (andamios para os que non entenden o idioma galego). Hoxe subo a A Lareira Máxica esta foto que quitei desde a alameda. Está un pouco ampliada. Nela pódese ver o lavado de cara e corpo que experimentou o templo. Nin a xente máis vella lembra que estivera tan branca. Xa estabamos moi acostumados a esa cor verdosa e oscura... Iso si, dáme que a obra barata, barata non debeu ser...
Nos anos 90 destapouse o engano que cometeu o grupo Milli Vanilli. Os dous cantantes que aparecían e eran a súa imaxe comercial, en realidade non eran os que cantaban. Os que o facían eran outros dous tamén cantantes pero descoñecidos. Foi un escándalo no seu día porque nunca se dixera que cantaban en playback (ou sexa movían os beizos para facer crer que estaban cantando) pero nin o estaban facendo, nin tan sequera eran eles os que aparecían nesa música gravada.
Non obstante, este engano non é o único. Para nada. Na maioría dos programas de televisión nos que canta alguén (solista ou cantante) tampouco o fan nese momento. Ou sexa que non cantan en directo. Tamén cantan en playback. Iso si, a diferencia dos Milli Vanilli, si son eles. Moita xente sábeo, pero outra non. A min paréceme unha burla. Se eres cantante tés que cantar, non mover os beizos. Se non queres cantar, non vaias ao programa. Pero, claro, por ir páganlle e fan promoción dos seus discos…
¿Como se pode saber se están cantando en directo? Polo xeral, se o fan póñeno: voz en directo, ou algo similar. Se non pon nada é que é riguroso plabyack ou, como diría Emilio Aragón fillo: “ni en vivo nin en directo”.
¿É ético ou non esta práctica que se levan facendo desde hai décadas? Para min non. É un engano consentido, pero un engano a todas luces. Deberían cantar en directo. Entón, ¿por qué non o fan?. Pode haber moitos motivos: porque perden moita calidade en directo, porque non queren cansar a súa voz, etc..
De aí que onde se ve realmente a súa valía é nos concertos. Non nos discos nin nos programas de televisión con “son playback”. Os concertos son a proba de fogo. Aí é máis difícil enganar ao algodón...
Aos amantes do baloncesto de tódolos tempos recoméndovos que visitedes a páxina Respirando Basket. Nela atoparedes información actual do básket español, pero sobre todo información, imaxes e vídeos antigos. Voltaredes a oír nomes tan ilustres como do de Drazen Petrovic, Arvidas Sabonis, Chicho Sibilio ou Epi. Gústame a súa disposción e o seu contido. Todo un descubrimento.
Galicia ten moi boa música en galego, no noso idioma. Non obstante, penso que non se aprecia na súa xusta medida. Cantantes e grupos como A Roda, Fuxan os Ventos, Ana Kiro, Xil Ríos, Milladoiro, Berrogüeto, Leilía, Luar na Lubre e moitos outros que estiveron e/ou están contribúen a difundir tanto a nosa cultura como o noso idioma. Porque aínda que non estean, seguirán estando. Porén, en A Lareira Máxica seguimos apostando pola nosa música, pola música galega.
Sobre todo, quere darlle as grazas a Leilía e a outras grupos de música tradiconal galego que se encargan de investigar e difundir música tradicional para evitar que se perda. Un gran e duro labor que non se recoñece na súa xusta medida. Moitas grazas e seguide así.
Hoxe traio a música de Leilía e a canción do Verdegaio. Déixovos co bo facer de Ana, Patri, Merchi, Montse, Felisa e Rosario.
Xa está demasiado estendida a práctica televisiva de cortar as liñas de crédito finais das películas. Sei que poden duran varios minutos, pero é unha parte máis da cinta.
Esta moda principiou nas televisións privadas (sobre todo Tele 5) na década dos 90 e TVE adoptouna desde hai uns anos. Non comparto que tan pronto remata a imaxe da película apenas se deixen uns segundos para estas liñas, onde sae información dos actores e demais persoas que interviron na película dunha ou doutra forma, ademais doutra información (como pode ser, por exemplo, a música que se utilizou). Considero que debían deixarse enteiras, tal e como se fai no cine.
Doutro lado, paréceme lamentable que TVE recolla unha mala praxe das teles privadas. Suponse que unha televisión pública non debería entrar nisto e respetar as liñas de crédito finais. Digo eu que para iso e unha televisión pública. Pero claro, tampouco é a única práctica nada ética de TVE, pois tamén burla a normativa de non poñer publicidade cunha inxente cantidade de patrocinadores, que medran cada vez máis, e que non son senón publicidade demasiado descuberta. É penoso todo isto...
Parece mentira que en pleno século XXI aínda haxa xente que pense que é necesario levantar muros para separar países ou comunidades. Se isto, por riba, pasa nun país como Estados Unidos que pretende ser o referente do mundo enteiro (e non o é, por suposto), pois aínda pior. É triste, moi triste, que haxa dirixentes como Donald Trump que estean convencidos dos beneficios dun muro que separa Estados Unidos con México. Xa sei que non é o único muro. Calquera deles supón un derrota da democracia e do respeto á convivencia.
Aínda me lembro daquel 9 de novembro no que, por fin, se derrubou o muro de Berlín e se puxo así fin a unha separación das dúas Alemanias que durou 28 anos. Case nada. Foi un día alegre. Parecía que as cousas empezaban a cambiar no mundo, pero os fantasmas do pasado voltan na era das tecnoloxías. Parece mentira, canto máis avanzamos nunhas cousas, retrocedemos noutras. Ou, noutros casos, non avanzamos.
Iso si, insisto, non é o único muro. Fagamos un pouco de memoria. Outros non son muros propiamente, pero veñen a ser algo moi parecido: o valado de Ceuta e Melilla, sen ir moi lonxe. O malo é que non é a única...
Os muros e as guerras non conducen a nada. O diálogo, o respeto, a democracia e a liberdade, si. O dito, triste, moi triste, que haxa xente que pense que facendo muros se avanza ou se protexe a un país.
Interesante este artigo da revista Consumer. Trata os cinco alimentos cotiáns con máis azucre. Algo a ter moi en conta se nos queremos coidar e non levar sustos inesperados despois. Recomendo a súa lectura, pois tamén nos ofrece alternativas.
Duncan Dhu é, sen dúbida, todo un referente no paranorama musical español. Falar dos 80 non se pode sen mencionar a este grupo vasco. Diego Vasallo e Mikel Erentxun triunfaron xuntos. Por separado, quizáis tivo máis éxito Mikel, pero iso xa é outra historia. Son moitas as cancións que nos deixaron como grupo. Pola súa letra e porque é unha das máis antigas, subo a A Lareira Máxica: "En algún lugar", que é de 1987. Pasaron case 30 anos, pero podería extrapolarse ao presente. Seguramente, nunca vos fixástedes e léstedes toda a letra da canción. Merece a pena escoitala e deixar nun segundo plano, por esta vez, os acordes musicais. Unha letra profunda que agocha máis dunha triste verdade disfrazada de aparente música alegre.
O outono sobrevoa un ano máis as nosas vidas. Un outono, este, algo diferente. Traveso, moi traveso, pero feitiño. Ata o de agora foi de voda co sol e coas altas temperaturas. Unha combinación explosiva que remata agora. As árbores un ano máis tinguen primeiro as súas follas de amarelo ou vermello e logo quédanse sen cabelo. Para a primavera voltaralles medrar. A estampa podería ilustrarse con centos de fotos. En A Lareira acércovos tan só unha mostra. O frío entra con novembro, unha época idónea para comer as castañas e entrar en calor. Pero sempre con precaución. Non vaia ser… Lembrade que os excesos sempre se pagan...
...........................................................
De recomendada lectura o seguinte artigo do xornal Praza Pública que fala de quen fai a nosa roupa . O perfil é o dunha muller nova asiática cun salario de 40 euros por 12 horas de xornada. Non me estrana que despois moitos empresarios se enriquezan...¿E onde están os dereitos humanos e a vergoña?
Envíame a nosa colaboradora Sonia unha frase que fai pensar e que encerra sabiduría. Deses que me gustan, que fan reflexionar, que enreda de xeito alevoso coas palabras e cos verbos para cociñar unha gran frase e facer traballar a cabeza. Grazas Sonia.
O luns 1 de maio de 2006 naceu A Lareira Máxica. Aquel día non me imaxinei que a vida desta páxina ía chegar aos 10 anos. É un aniversario moi feliz para min. Grazas a tódalas persoas que o ledes e que colaborades ou colaborástedes con A Lareira Máxica.
.................................... Julio Torres Creador e editor de A Lareira Máxica
Da cerimonia de entrega dos Premios Mestre Mateo voume lembrar sempre non dos premios que se entregaron nin da película que tivo máis estatuíllas, senón da lembranza que tiveron do amigo Nacho Mirás, que finou vítima dun cancro en octubro de 2015. O seu recordo emocionoume.
Dúas imaxes de Nacho ilustraron a súa memoria: el de neno tocando a gaita e outra da súa época de blogger apoido sobre unha sinal de madeira (que é a mesma que acompaña este artigo como xa o fixera tamén en ALM 0 15-04-2008). Esta última imaxe durou bastantes segundos e foi unha merecida homenaxe a este xenio de xornalismo.
Pasaron algo máis de 6 meses da súa morte, pero a súa figura endexamais se olvidará. Gran persoa e gran xornalista. Puñetero Casiano que o levou... Alá onde esteas, amigo Nacho, o teu recordo sempre estará connosco. E na ALM tamén, amigo.
........................................................... Julio Torres
Resta menos dun mes para que A Lareira Máxica (ALM) cumpra unha década de vida. Que veloz pasa o tempo non sí?. Xa sei que non é nada orixinal dicir que parece que foi onte, pero non, o vindeiro 1 de maio ALM chegará esta ilusionante efeméride. 10 anos!!!. Cantas cousas aconteceron desde aquela e cantas innovacións sufriu blogger neste periodo. Unhas mellores e outras piores.
Vaian, por anticipado, as grazas a tódalas persoas que colaboraron durante estes 10 anos en ALM e tamén a tódalas persoas que visitan o blog a diario. Aínda que agora non dispoño do tempo que quixera para adicarlle, esta páxina seguirá adiante. As actualizacións desde hai meses xa vedes que son de cando en cando. Síntoo. Non é por falta de ideas -que hai moitísimas-, senón porque teño outras prioridades máis importantes.
Resulta unha grata alegría o feito de comprobar que, a pesar das poucas actualizacións, continúen sendo moitos os visitantes. Un pracer. Moitas grazas!!!
...........................................................
Julio Torres Creador e editor de A Lareira Máxica
Mira que boto en falta esa forma tan humorística de dar as novas do tempo de Javier Gómez, ese xornalista metido a home do tempo ocurrente e gracioso que deu o tempo en La Sexta ata o ano 2011. Despois fichou por "Al Rojo Vivo" e agora por "La Sexta Columna", na mesma cadea. El mesmo recoñecía que tentaba facelo o máis entretido posible, aínda que ás veces non puidera ser entendido. A min gustábame. Polo menos, que as malas novas do tempo tiveran nos fixera rir...
Bertín Obsborne non seguirá co seu programa "En la tuya o en la mía", tal como informa o xornal la Vanguardia. A pesar diso, emitiranse catro progrmas que xa ten gravados con Juan Y Medio, Bibiana Fernández, Pedro J. Ramírez e a súa muller, e outro con Lola Herrera. Cabe lembrar que algúns dos seus programas foron moi criticados. Dous deles foron o de Iler Casillas e Sara Carbonero, e o de Carmen Martínez Bordiu.
Xa había moito tempo que non traía a A Lareira Máxica o humor dun gran humorista gráfico, e do que son moi fan: Luís Davila. Pois a golpe de 29 de febreiro alá vos subo algunha das súas últimas creacións. Por certo, creo que é a primeira vez en case 10 anos, que publico un 29 de febreiro. Agardemos que non sexa o último. Podedes votar pola viñeta que vos gusta máis de todas estas...
Os anxos existen. Están aí fóra, máis preto do que cremos. Nos peores momentos voan cara nós para axudarnos. Non soamente nos acompañan nos bos momentos (que iso é fácil) senón tamén nos malos. Cando máis falta fai. Dannos alento, comprensión e saben escoitar, sen cobrarnos os intereses pola axuda prestada. Estes anxos adoptan forma de familia, de amigos/amigas de verdade ou das parellas de cada un ou unha de nós. O resto de persoas non son anxos senón xente meramente egoísta e aproveitada que buscan que lles axudes cando lles convén pero que non te devolven esa axuda cando máis a podes precisar. Son persoas que non merecen a nosa atención pois buscan o seu propio beneficio e non teñen reparos en tirarte como un pañuelo de papel cando xa non te precisan. Xente trepa, sen escrúpulos ou meramente egoístas e desagradecidas. Moito. Triste pero certo. Tede coidado, que tamén andan por aí...
Aos meus anxos, a eses seres que si valen moi moito apena, vai adicada esta canción de Blue Octoter, tan chea de amor, optimismo e agradecemento. Agardo que vos guste.
Verdadeiro feísmo e trangalladas son as que nos atopamos na nosa sociedade. Hoxe, acércovos unha selección de fotos de "chapuzas galegas"que publica o xornal "La Voz de Galicia" na súa edición dixital e que foron quitadas por diferentes fotógrafos (o seu nome aparece ao pé das fotos do álbum deste xornal). Algunhas son especialmente chamativas. A ver cal cal vos gusta máis...
Aconséllovos que leades este interesante artigo do xornalista Féliz Soria que, coma sempre, dá no allo. Titúlase:"Desconfíe de los portadores de la Verdad". Tomade nota, porque di algo que é moi certo.
O pasado venres espertaba cunha terrible e malísima nova que acontecera o xoves a última hora da tarde: a morte de Nacho Mirás. Nacho loitou contra Casiano, nome co que bautizou ao cáncer que lle diagnosticaron a finais de 2013. A partir de aí transformou o seu blog, rabudo.com, nun auténtico diario dunha persoa que loita contra esa grave enfermidade. Cun bo número deses artigos publicou un libro: "El mejor peor momento de mi vida", un título co que aproveita para dar as grazas a tódalas miles e miles de persoas que o animaron a superar a súa enfermidade. O seu blog e o seu libro convertiuse en todo unha fonte de apoio para xente que, coma el, padecía cancro. E el deu un gran exemplo coa súa excelsa loita.
A Nacho coñecino por casualidade cando empezaba nisto dos blogs, alá por maio de 2006. Foi un gran referente e eran moi habituais as miñas visitas ao rabudo.com. É unha gozada ler a un pedazo xornalista que, ademais, escribe divininamente. Nacho definíase como un contador de historias, de historias das cousas pequenas. Eu sempre lle dicía que eran as que importaban. E abofé que así é. Lembrarémolo sempre como un xornalista de raza, un auténtico xornalista. Os seus artigos e o seu libro permanecerán para sempre. Xa quixeran moitos chegarlle a sola do pé.
Sobre Nacho Mirás escribín tres veces en A Lareira Máxica e os comentarios del en A Lareira Máxica eran todo un honor. E máis aquel artigo que me adicou no seu blog como agradecemento. Sorprendemeume e fíxome moita ilusión. Non facía falta, pois todo o que escribín escribino porque el merecíao. Sempre me chamou a atención a súa cercanía e bondade. De igual xeito o seu gran amor polo traballo e o ben que dominaba a arte de escribir: as súas letras entrelazadas nos artigos pelexaban por esculpir verdadeiros textos literarios, coidadosamente mesturados de ironía galega. Todo para pintar un cadro de grandes cousas pequenas. Cando parecía que as historias de Nacho non se podían mellorar, sempre sacaba unha mellor no seu blog. E no xornal, as súas entrevistas aos luns no xornal La Voz de Galicia eran o mellor. Grandiosa esa "Cara B" na contraportada do xornal dos luns. Non me cansarei de dicilo: os seus artigos e entrevistas están moi ben escritos, son coma os anxos. De igual modo tamén o lembrarei por ser un gran redactor multimedia total.
Fixo hoxe xusto un ano asistín a un espectáculo doutros dous cracks, neste caso do mundo do humor, aos que admiro: Carlos Blanco e Luís Davila. Non imaxinei que Nacho estaría alí, pero así era. Cando rematou puiden coñecelo en persoa. Foi unha gran alegría pois nunca ata ese momento tiveramos a oportunidade de falar fisicamente (si a través dos nosos respectivos blogs e grazas ás novas tecnoloxías e redes sociais puidemos forxar unha boa amizade). Xamais esquecerei o 17 de octubre de 2014. Ese día fundímonos nun abrazo pois a alegría era dobre: eses días Nacho gañáralle unha batalla a Casiano. Foi todo un detallazo que fora buscar a Carlos Blanco para que logo quitase un selfie dos tres xuntos: Nacho, Carlos e un servidor. E porque Luís Davila estaba ocupado firmando libros que senón íamos saír os catro. Pouco faltou para que Nacho o fora buscar pois sabía que tamén o admiraba. A foto do selfie que nos quitou Nacho gárdoa como ouro en paño. A xente que me coñece ben sábeo. Esa noite foi inesquecible e é tan só unha pequena mostra do boa persoa, da modestia e da cercanía que desprendía este amigo.
Casualidades do destino, xusto un ano despois Nacho foi incinerado. Cruel morte que Nacho en absoluto merecía. Era moi novo, contaba tan só 44 anos. O meu pésame á súa muller, a xornalista Ainhoa Apestegui, aos seus fillos Ane e Mikel, aos seus pais Pepe e Toñita, e a toda a súa familia. Aínda lembro aquela noite de 2006 no que lle entregaron o Premio Galicia de Comunicación e que el llo adicou á súa familia. Era imposible non emocionarse ao facerlle a adicatoria. Un gran ser humano Nacho.
Foise un gran xornalista, un magnífico profesor, un mago das palabras entrelazadas, un contador de historias pequenas pero moi importantes, un fenomenal gaiteiro, un amante das vespas, unha gran persoa en definitiva: honesta, modesta, traballadora, humana, afectiva, e rabuda, un adxectivo co que a el lle gustaba definirse.
Podería seguir escribindo moito sobre el, e todo sempre moi bo, pois abofé que o gañou... Voute estranar moitísimo Nacho. A modo de despedida, quero poñer en A Lareira Máxica unha das cancións que lle gustaba moito: "Runaway" de Del Shannon. Descansa en Paz, amigo Nacho. Foi todo un pracer terte como amigo. Como ben di o xornalista Félix Soria: "Nacho Mirás se ha convertido en un bien que muchos jamás olvidaremos". Como sempre, Félix dá no cravo.
........................................................... Julio Torres
Luís Merlo era un dos personaxes de "Aquí no hay quien viva" (interpretou a "Mauri") que todavía non aparecera na súa serie sucesora: "La que se avecina". Pois ben, estes dias enterámonos que o actor madrileño vai estar na vindeira tempada. Outra incorporación será a de Miguel Rellán. Pola contra, vanse da serie Luís Miguel Seguí ("Leo") e María Adánez ("Rebeca"). Esta última foi outra das que estivo nas dúas series.
Coido que ao final senón todos os máis destacados estiveron nalgún capítulo. Dos máis destacados de "Aquí no hay quien viva" soamente Daniel Guzmán (agora metido a director de cine e que facía de escritor de cómics e que foi o primeiro noivo da "pija"), Diego Martín (que facía de fillo de pai rico e que foi o segundo mozo da "pija") ou Loles León non apareceron en "La que se avecina". Parece ser que existen conversas con Loles León, para que sexa outra das incorporacións.
¿Que novidades haberá máis nesta próxima tempada? Todo ao seu tempo...
O humor é un arte e un filosofía. Din o humor ten moitos beneficios e que existe o humor intelixente, o humor negro, o verde, o humor irónico e outros. Do que se trata é de, incluso nos malos momentos, sacar punta ao sorriso para que non se oxide.
Neste vídeo o humor adopta cor verde, pero verde de Garda Civil, non de outras cosuas... A Garda Civil é un colectivo ao que tanto o gran Luís Davila como Roberto Vilar sacan bo proveito. Por certo, é a enésima versión da canción Bailando de Enrique Iglesias da que en España se fixeron moitas e de variado tipo...
Cando nos informamos debemos ter sempre presente que a información nunca vai ser obxectiva, se ben hai nuns medios que se nota moito máis ca noutros. No artigo (alleo a A Lareira Máxica) "Quién manda en los medios de comunicación" podedes atopar un listado de medios de comunicacións e das súas posibles ideoloxías. Resulta moi interesante a súa lectura.
Lembrade que sexa cal sexa o medio nunca se debe tomar como verdade absoluta o que nel se diga. Cómpre comparar o que se informa nos diferentes medios, ter en conta as ideoloxías que os sustentan e logo extraer as nosas conclusións. Sempre hai que contrastar ben a información e non deixarse levar polo primeiro que vemos, oímos ou lemos.
Os bancos non sempre nos informan de xeito correcto -ou non nos contan todo o que deberiamos saber-. Moitas veces non sabemos ben cómo actuar e os nosos dereitos. Este enlace achega información útil para ter en conta. Tomade boa nota do que di.
TVE deixará de emitir a partir de xullo o programa divulgativo "Para todos la 2" ao parecer pola súa baixa audiencia. Oi programa emítese polas mañás na segunda cadea e repítino polas tardes sobre as 19:00 horas. Para os que nunca vístesde o programa, convídovos a que o fagades na web de RTVE ou premendo no enlace do principio da noticia.
É unha moi mala nova logo de 5 anos de emisión. Coido que era do pouco que era interesante na tv. O programa está presentado por Juanjo Pardo e Marta Cáceeres e contén entrevistas con persoas do mundo da cociña, dietética, psicoloxía, filosófía, educación, música, literatura e moitos outros ámbitos. Información de interese.
Por desgraza, xa se sabe que o que non dá audiencia non é rendable para as cadeas. O que non se entende é que esta cadea chámase TVE, unha tv pública e non é unha tv privada. Viva Gran Hermano e os realities que forman e informan...
Os anos pasan e tamén para A Lareira Máxica (ALM). Naceu un 1 de maio de 2006 e paseniñamente foi medrando. Un ano máis aproveito para darvos as grazas a tódalas persoas colaboradoras e as que visitan esta páxina.
Ten un valor dobre tendo en conta que nos últimos meses os artigos que se publican son menos por cuestións de falta de tempo. E seguirán sendo poucos pero haberá innovacións e máis artigos que van lembrar aquela primeira época de ALM. Paciencia. De novo, moitas grazas.
........................................................... Julio Torres
Xosé Touriñán contábanos hai tres anos, nos contos da lareira (nada que ver coa Lareira Máxica), unha versión nova e humorística do tradicional conto con efectivas doses da gran ironía galega. Para exercitar o sorriso da vosa faciana.
Di Julieta Venegas que o presente é o unico que temos. E é así. O pasado xa pasou e o futuro aínda non chegou. Non se pode vivir no pasado. Tampouco no futuro. Polo tanto, e agás que teñamos unha máquina do tempo ó estilo Regreso al Futuro, Julieta convídanos a vivir o presente pois é o único que temos seguro. Sumerxida nun ton romántico lémbranos que a vida pasa axiña e non nos decatamos que o presente esmorece cada día. Como a vida mesma. Carpe diem.
O humorista Pedro Reyes deixounos. Hoxe moitos medios lembran a súa figura e traxectoria. Recordo cando saía en La Bola de Cristal (1984-1988) con Pablo Carbonell, a súa parella artística por aquel entón. Eles dous protagonizaban "La Cuarta Parte" neste mítico programa.
A súa fala, o seu bigote e o seu pelo, xunto coa súa forma de facer humor son incondubibles (aínda me lembro en "No te ríes que es peor, a comezos dos anos 90, onde era un fixo, xunto con outros compañeiros del como Marianico el Corto ou o Sr. Barragán). 53 anos. Abofé que morre moi novo Pedro Reyes. DEP.
Remato cunha vídeo lembranza e tamén o artigo que escribín no seu día sobre La Bola de Cristal. Por certo, que non sei porque pero un actor que me lembra a el, en parte, é Alex O´Dogherty. ¿Será pola súa forma de falar e porque ambos son andaluces? É posible.
Xa teño dito en máis dunha ocasión que me encanta o irónico e realista humor do gran debuxante gráfico Luis Davila (que como ben puntualiza el é Davila, non Dávila!!). Hoxe traio seis das súas viñetas dos últimos meses. No 2014 tiven o gran pracer de asistir a unha actuación del con outro grande do humor: Carlos Blanco. Un espectáculo recomendadísimo.
Non entendo o porqué en pleno século XXI se continúan celebrando concursos de beleza estilo as galas Miss Universo ou Míster Universo. Sí, xa sei. Hai un motivo netamente económico para do que saen gañando uns poucos (e non entro a falar dos amaños que se teñen producido). Pero non me parece propio dos nosos tempos xulgar a unha persoa so polo seu aspecto físico e pouco máis. Considero que estes concursos teñen un claro compoñente machista, retrógado e económico e que non aportan nada (sí, xa sei que hai máis cousas que tampouco o fan). As persoas parecen mercadorías en mans de mercaderes... As persoas, insisto, son máis que o seu aspecto físico, pero claro vivimos nunha sociedade no que o importante é o que se ve, non o que non se ve, mesmo aparentar aínda que non se sexa. Logo que non nos chame a atención que cada vez máis persoas xoves queira operarse para ser máis atractivas. ¿Que valores estamos inculcando?.
Por certo, xa postos: ¿Por que se comete o atrevemento ou ousadía de dalar de "Universo". Se acaso do planeta terra, pois non vin ningún marciano, mercuriano, saturniano nin ser doutra galaxía. ¿Que non nos di que non existe beleza máis ala da terra?...Claro, xa o sei!!! Nas bandas que porta o gañador/a ocupa menos "Universo" que "Planeta Tierra". Debe ser iso, do contrario.
Aínda que non son o Rei, por noveno ano consecutivo e coa chegada destas entrañables datas, quero desexarvos ós e ás colaboradores/as e seguidores/as de A Lareira Máxica un Nadal, así como un 2015 moi bo no que a felicidade vos asolague en tódolos aspectos e áreas da vida. Moitas grazas por estar sempre aí.
De igual xeito quixera ter unha lembranza moi especial para aquelas persoas que non o están pasando ben por motivos de saúde, traballo, etc. O mesmo para as que perderon a seres queridos. Este días días constitúen unha durísima proba polo que conlevan as ausencias dos que xa non están connosco.
Dúas últimas cousas:
1- O Nadal non debe ser consumismo e regalos, senón unha época para pasar en familia, na compaña dos seres queridos e dos bos amigos. O verdadeiro regalo son as persoas que nos aprecian e ás que nos apreciamos.
2- O espírito navideño está moi ben, pero de pouco vale instauralo agora se o resto do ano o abandoamos. Debemos adoptalo os 365 días do ano. Non só no Nadal.
Dosier — Filosofía y mística
-
Durante los últimos años está ocurriendo algo así como una «vuelta secular
a la religión». Una cierta espiritualidad «new age», difusa, que habla de
energí...
Indicios
-
Indicios. Viñeta del 29/06/2026 en CTXT Igual no se ha enterado usted, pero
el juez José Luis Calama imputó a José Luis Rodríguez Zapatero por presunto
trá...
Sucios Poemas De Amor, de Rafael Calero Palma
-
Sucios Poemas De Amor es el último libro del poeta Rafael Calero Palma. Un
libro donde ese misterio llamado “amor” va y viene, abre y cierra puertas,
sale ...
XV Premios La Buena Prensa
-
Se puede presentar cualquier texto en castellano publicado en 2025 en
soporte papel o digital. Los galardones están abiertos a medios de
comunicación de ...
El fracaso del Reino Privativo de Mallorca
-
*¿Qué significa privativo en derecho? *
*Privativo en derecho hace referencia a algo que *
*pertenece o es exclusivo de una sola persona o entidad, lo que si...