** Noviembre
TEO. Mariam
Colaboradora de A Lareira Máxica

Hoxe é o día 20 de novembro. Estou desexando que remate este mes. É que non hai por onde collelo. Estamos igual, o mes de novembro mais eu. Tal para cual. Agora mesmo achegueime á ventá, para subir un chisco a persiana, e vin que fora hai unha luz bonita. Como choveu tanto estes días, a herba dos prados colleu un color verde intensísimo. O ceo está cuberto pero deixa pasar uns fermosos raiolos de sol, os derradeiros desta tarde.
Se tivera comprado unha cámara decente, inda vos podería facer unhas fotos bonitas. Inda na comprei, non me dou decidido. Non é un tema prioritario. Ademais, ultimamente fago unhas compras... A miña última gran adquisición: unhas pranchas para o pelo Remington. Useinas unha vez. Non sei que pensei, debín pensar que eran pranchas robotizadas e que ían traballar solas. Dáme tanta pereza o tema de alisar o pelo que teño pensado cortar a melena. Moito máis práctico. ¿Alguén de vos necesita unhas pranchas novas? Supoño que terei que vendelas.
Este mes fíxoseme especialmente triste. A verdade, pouco se pode esperar deste tempo. Todo é tan relativo, afortunadamente, que é sinxelo darlle a volta as cousas. Cóntovos, pasoume algo malo pero que podía ser infinitamente peor. E dicir, tiven sorte. O caso é que o tema non está cerrado e pódese poñer peor en calquera momento. As probabilidades estatísticas son poucas, así que sigo tendo sorte. E en canto ó tempo, pois si, asqueroso. Galicia: chuvia e humidade, días curtos, escuridade, frío. Na miña aldea din que a xente morre pola caída da folla. Non me estraña. Máis, por outra parte, está semana, non recordo que día, dixo Karlos Arguiñano, que cando a castaña se abre é un tempo ideal para facer o amor. Cousas de Karlos, uns a morrer e outros a..., a rima pódela completar vos, é sinxela. Pareceume curioso, non reparara nunca no poder erotizante do outono. Creo que Arguiñano non vai descamiñado, estas tardes de outono tamén teñen o seu aquel.
En fin, déixovos un vídeo: outono, amor, castañas,... A peli non é das de happy end, non. Vela e dáste conta da inmensa sorte que significa ter tempo, ter saúde, ter alguén que te queira en Nova York ou en Singapur, iso da igual. ¡Saúdos e estupendísimo outono!








































