xoves, 7 de decembro de 2017

** Falsos directos

Nos anos 90 destapouse o engano que cometeu o grupo Milli Vanilli. Os dous cantantes que aparecían e eran a súa imaxe comercial, en realidade non eran os que cantaban. Os que o facían eran outros dous tamén cantantes pero descoñecidos. Foi un escándalo no seu día porque nunca se dixera que cantaban en playback (ou sexa movían os beizos para facer crer que estaban cantando) pero nin o estaban facendo, nin tan sequera eran eles os que aparecían nesa música gravada.

Non obstante, este engano non é o único. Para nada. Na maioría dos programas de televisión nos que canta alguén (solista ou cantante) tampouco o fan nese momento. Ou sexa que non cantan en directo. Tamén cantan en playback. Iso si, a diferencia dos Milli Vanilli, si son eles. Moita xente sábeo, pero outra non. A min paréceme unha burla. Se eres cantante tés que cantar, non mover os beizos. Se non queres cantar, non vaias ao programa. Pero, claro, por ir páganlle e fan promoción dos seus discos…

¿Como se pode saber se están cantando en directo? Polo xeral, se o fan póñeno: voz en directo, ou algo similar. Se non pon nada é que é riguroso plabyack ou, como diría Emilio Aragón fillo: “ni en vivo nin en directo”.


¿É ético ou non esta práctica que se levan facendo desde hai décadas? Para min non. É un engano consentido, pero un engano a todas luces. Deberían cantar en directo. Entón, ¿por qué non o fan?. Pode haber moitos motivos: porque perden moita calidade en directo, porque non queren cansar a súa voz, etc..

De aí que onde se ve realmente a súa valía é nos concertos. Non nos discos nin nos programas de televisión con “son playback”. Os concertos son a proba de fogo. Aí é máis difícil enganar ao algodón...


...........................................................

sábado, 4 de novembro de 2017

** Respirando baloncesto: imaxes inolvidables

Aos amantes do baloncesto de tódolos tempos recoméndovos que visitedes a páxina Respirando Basket. Nela atoparedes información actual do básket español, pero sobre todo información, imaxes e vídeos antigos. Voltaredes a oír nomes tan ilustres como do de Drazen Petrovic, Arvidas Sabonis, Chicho Sibilio ou Epi. Gústame a súa disposción e o seu contido. Todo un descubrimento.

...........................................................

domingo, 29 de outubro de 2017

** A nosa música galega


Galicia ten moi boa música en galego, no noso idioma. Non obstante, penso que non se aprecia na súa xusta medida. Cantantes e grupos como A Roda, Fuxan os Ventos, Ana Kiro, Xil Ríos, Milladoiro, Berrogüeto, Leilía, Luar na Lubre e moitos outros que estiveron e/ou están contribúen a difundir tanto a nosa cultura como o noso idioma. Porque aínda que non estean, seguirán estando. Porén, en A Lareira Máxica seguimos apostando pola nosa música, pola música galega.

Sobre todo, quere darlle as grazas a Leilía e a outras grupos de música tradiconal galego que se encargan de investigar e difundir música tradicional para evitar que se perda. Un gran e duro labor que non se recoñece na súa xusta medida. Moitas grazas e seguide así.

Hoxe traio a música de Leilía e a canción do Verdegaio. Déixovos co bo facer de Ana, Patri, Merchi, Montse, Felisa e Rosario.



sábado, 23 de setembro de 2017

** O humor galego de Luís Davila. Xenio e figura

sábado, 20 de maio de 2017

** Películas sen liñas de crédito finais

Xa está demasiado estendida a práctica televisiva de cortar as liñas de crédito finais das películas. Sei que poden duran varios minutos, pero é unha parte máis da cinta.

Esta moda principiou nas televisións privadas (sobre todo Tele 5) na década dos 90 e TVE adoptouna desde hai uns anos. Non comparto que tan pronto remata a imaxe da película apenas se deixen uns segundos para estas liñas, onde sae información dos actores e demais persoas que interviron na película dunha ou doutra forma, ademais doutra información (como pode ser, por exemplo, a música que se utilizou). Considero que debían deixarse enteiras, tal e como se fai no cine.

Doutro lado, paréceme lamentable que TVE recolla unha mala praxe das teles privadas. Suponse que unha televisión pública non debería entrar nisto e respetar as liñas de crédito finais. Digo eu que para iso e unha televisión pública. Pero claro, tampouco é a única práctica nada ética de TVE, pois tamén burla a normativa de non poñer publicidade cunha inxente cantidade de patrocinadores, que medran cada vez máis, e que non son senón publicidade demasiado descuberta. É penoso todo isto...


...........................................................

domingo, 29 de xaneiro de 2017

** Os muros e os valados da vergoña

Parece mentira que en pleno século XXI aínda haxa xente que pense que é necesario levantar muros para separar países ou comunidades. Se isto, por riba, pasa nun país como Estados Unidos que pretende ser o referente do mundo enteiro (e non o é, por suposto), pois aínda pior. É triste, moi triste, que haxa dirixentes como Donald Trump que estean convencidos dos beneficios dun muro que separa Estados Unidos con México. Xa sei que non é o único muro. Calquera deles supón un derrota da democracia e do respeto á convivencia.


Aínda me lembro daquel 9 de novembro no que, por fin, se derrubou o muro de Berlín e se puxo así fin a unha separación das dúas Alemanias que durou 28 anos. Case nada. Foi un día alegre. Parecía que as cousas empezaban a cambiar no mundo, pero os fantasmas do pasado voltan na era das tecnoloxías. Parece mentira, canto máis avanzamos nunhas cousas, retrocedemos noutras. Ou, noutros casos, non avanzamos.


Iso si, insisto, non é o único muro. Fagamos un pouco de memoria. Outros non son muros propiamente, pero veñen a ser algo moi parecido: o valado de Ceuta e Melilla, sen ir moi lonxe. O malo é que non é a única...


Os muros e as guerras non conducen a nada. O diálogo, o respeto, a democracia e a liberdade, si. O dito, triste, moi triste, que haxa xente que pense que facendo muros se avanza ou se protexe a un país.

...........................................................