sábado, 17 de outubro de 2015

** Nacho Mirás, por sempre Rabudo. D.E.P.

O pasado venres espertaba cunha terrible e malísima nova que acontecera o xoves a última hora da tarde: a morte de Nacho Mirás. Nacho loitou contra Casiano, nome co que bautizou ao cáncer que lle diagnosticaron a finais de 2013. A partir de aí transformou o seu blog, rabudo.com, nun auténtico diario dunha persoa que loita contra esa grave enfermidade. Cun bo número deses artigos publicou un libro: "El mejor peor momento de mi vida", un título co que aproveita para dar as grazas a tódalas miles e miles de persoas que o animaron a superar a súa enfermidade. O seu blog e o seu libro convertiuse en todo unha fonte de apoio para xente que, coma el, padecía cancro. E el deu un gran exemplo coa súa excelsa loita.


A Nacho coñecino por casualidade cando empezaba nisto dos blogs, alá por maio de 2006. Foi un gran referente e eran moi habituais as miñas visitas ao rabudo.com. É unha gozada ler a un pedazo xornalista que, ademais, escribe divininamente. Nacho definíase como un contador de historias, de historias das cousas pequenas. Eu sempre lle dicía que eran as que importaban. E abofé que así é. Lembrarémolo sempre como un xornalista de raza, un auténtico xornalista. Os seus artigos e o seu libro permanecerán para sempre. Xa quixeran moitos chegarlle a sola do pé.


Sobre Nacho Mirás escribín tres veces en A Lareira Máxica e os comentarios del en A Lareira Máxica eran todo un honor. E máis aquel artigo que me adicou no seu blog como agradecemento. Sorprendemeume e fíxome moita ilusión. Non facía falta, pois todo o que escribín escribino porque el merecíao. Sempre me chamou a atención a súa cercanía e bondade. De igual xeito o seu gran amor polo traballo e o ben que dominaba a arte de escribir: as súas letras entrelazadas nos artigos pelexaban por esculpir verdadeiros textos literarios, coidadosamente mesturados de ironía galega. Todo para pintar un cadro de grandes cousas pequenas. Cando parecía que as historias de Nacho non se podían mellorar, sempre sacaba unha mellor no seu blog. E no xornal, as súas entrevistas aos luns no xornal La Voz de Galicia eran o mellor. Grandiosa esa "Cara B" na contraportada do xornal dos luns. Non me cansarei de dicilo: os seus artigos e entrevistas están moi ben escritos, son coma os anxos. De igual modo tamén o lembrarei por ser un gran redactor multimedia total.


Fixo hoxe xusto un ano asistín a un espectáculo doutros dous cracks, neste caso do mundo do humor, aos que admiro: Carlos Blanco e Luís Davila. Non imaxinei que Nacho estaría alí, pero así era. Cando rematou puiden coñecelo en persoa. Foi unha gran alegría pois nunca ata ese momento tiveramos a oportunidade de falar fisicamente (si a través dos nosos respectivos blogs e grazas ás novas tecnoloxías e redes sociais puidemos forxar unha boa amizade). Xamais esquecerei o 17 de octubre de 2014. Ese día fundímonos nun abrazo pois a alegría era dobre: eses días Nacho gañáralle unha batalla a Casiano. Foi todo un detallazo que fora buscar a Carlos Blanco para que logo quitase un selfie dos tres xuntos: Nacho, Carlos e un servidor. E porque Luís Davila estaba ocupado firmando libros que senón íamos saír os catro. Pouco faltou para que Nacho o fora buscar pois sabía que tamén o admiraba. A foto do selfie que nos quitou Nacho gárdoa como ouro en paño. A xente que me coñece ben sábeo. Esa noite foi inesquecible e é tan só unha pequena mostra do boa persoa, da modestia e da cercanía que desprendía este amigo.


Casualidades do destino, xusto un ano despois Nacho foi incinerado. Cruel morte que Nacho en absoluto merecía. Era moi novo, contaba tan só 44 anos. O meu pésame á súa muller, a xornalista Ainhoa Apestegui, aos seus fillos Ane e Mikel, aos seus pais Pepe e Toñita, e a toda a súa familia. Aínda lembro aquela noite de 2006 no que lle entregaron o Premio Galicia de Comunicación e que el llo adicou á súa familia. Era imposible non emocionarse ao facerlle a adicatoria. Un gran ser humano Nacho.


Foise un gran xornalista, un magnífico profesor, un mago das palabras entrelazadas, un contador de historias pequenas pero moi importantes, un fenomenal gaiteiro, un amante das vespas, unha gran persoa en definitiva: honesta, modesta, traballadora, humana, afectiva, e rabuda, un adxectivo co que a el lle gustaba definirse.


Podería seguir escribindo moito sobre el, e todo sempre moi bo, pois abofé que o gañou... Voute estranar moitísimo Nacho. A modo de despedida, quero poñer en A Lareira Máxica unha das cancións que lle gustaba moito: "Runaway" de Del Shannon. Descansa en Paz, amigo Nacho. Foi todo un pracer terte como amigo. Como ben di o xornalista Félix Soria: "Nacho Mirás se ha convertido en un bien que muchos jamás olvidaremos". Como sempre, Félix dá no cravo.
...........................................................
Julio Torres



__________________________________________
ARTIGOS RELACIONADOS:

** 02-03-2007 Un blog moi literario + unha letra moi pegadiza
** 15-04-2008 O xornalista Nacho Mirás pecha o seu blog
** 15-04-2009 O xornalismo das historias pequenas



3 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

O Moucho dixo...

D.E.P. Perfecta redacción para despedir a este profesional das letras. Non teño palabras.

Sonia dixo...

Emocióname as túas verbas, a pesar de non coñecelo e estar tanto tempo desconectada da lareira.

O que si quero transmitir e que sempre estará porque o bo da persoa sempre queda e sobre todo será eterno os seus escritos, incluso agora, tristemente cobren o dobre de valor. As verbas e os escritos que chegan nunca se esquecen e pasan de xeneración en xeneración cando se sinten. Ademáis nun mundo coma hoxe todo queda rexistrado.

Pero sobre todo e ante todo a súa esencia estará sempre con aqueles cos que estivo e transmitiu as súas emocións, sentimentos, valentí, amor,sorriso e mesmo lágrimas....

Ante o triste da vida, vexamos algo de ilusión e esperanza, aínda que sexa difícil. Hai unha estrela que brila no ceo

Im-Pulso dixo...

Grazas por lembrar o bo que ¡ten! (tempo presente) Nacho.
Unha aperta.