martes, 24 de septiembre de 2013

** Marmelada de pera

Xa sei..., prometera a receita do bizcoito de chocolate con noces, pero pareceume máis oportuno, dada a época do ano en que estamos, darvos a receita para facer mermelada; xa que me parece unha forma estupenda de aproveitar os remanentes (excesos) de producción de froitas que poidamos ter nas nosas hortas ou para esa froita que xa se nos pasa un pouco no froiteiro e non damos comido...

Utilizo unha receita que se basea no “doble cocido”, é dicir, faise en dúas fases; o resultado é boísimo e ademáis máis económico.


Os ingredientes son, neste caso un quilo de azúcar por cada quilo de pera xa limpa, sen rabiño, nen pepitas nen pel, e o zume de medio limón, xa que contén o antioxidante natural por excelencia: o ácido cítrico.

Unha vez limpas as peras (tamén se pode facer con mazás, albaricoques, nectarinas, pexegos, fresas,ameixas, neste último caso non se lle sacaría a pel), póñense a fogo lento xunto con uns 50 ml de auga para que se cozan. Aos dez minutos de comezar a ferver engádeselle o azúcar e pásaselle a batidora. Vólvese colocar no lume e reménxese cunha espátula ou culler de madeira ata pasados 3 minutos dende que volve a ferver.

Déixase repousar, e ,ao día seguinte, ponse de novo ao lume a fogo lento sen deixar de remover, unha vez que comece a ferver, cóntase 5 minutos e xa está listo para pór nos tarriños de cristal.

Non se tapan de inmediato, senon que hai que deixar os tarriños destapados nun sitio fresco e seco ata que forme unha costra de azúcar por riba, entón estarán listos para tapar e conservar durante un ano enteiro.

O ano pasado fixen mermelada de nectarina e de ameixa vermella con este sistema e ainda estamos a disfrutar do último tarro. Este ano tocoulle ás peras porque nen houbo ameixas nin nectarinas que sobraran...

Acabo de preparar uns tarriños e está... ummm, rica, rica...

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña

5 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Estrela de Xullo dijo...

Boa noite.
Ten boa pinta esta receita e non parece nada complicada, grazas pola compartires!
O ano que vén poreina en práctica, porque este, con tan mala primavera, non houbo case ningunha froita da casa.
Só unha cousa, os tarros de cristal deberían estar esterilizados?
Un saúdo.

Mary Camiña dijo...

Abofé que é unha boa receita, non vexades como se lamben os dedos os da casa, jajaja.
Os botes, con que os lavedes ben lavados non é necesario esterilizalos, ao se encheren coa marmelada recén sacada do lume xa se estirilizan sós.
Outro consello, en vez de tapalos coa tapa de metal ou plástico, é preferible que os tapedes cunha servilleta de papel e o atedes cunha cinta, e se poñan nun lugar fresco e seco, como tódolos productos envasados artesanalmente. Agora estou en pleno proceso de tapado, e de fabricación de salsa de tomate... Paréceme un crime que se desperdicie a comida...
Saúdos.

O Moucho dijo...

¿E para que se conserve durante tanto tempo, chega con medio zume de limón? ¿Non precisa de nada mais?

Mary Camiña dijo...

Ola, Moucho. A receita é a que uso, de momento non tiven que cambiala en nada, proveina hai un par de anos con medio quilo de froita e deixeina adrede sen consumir ata o ano seguinte, como funcionou, o ano pasado lanceime a polas ameixas, nectarinas e pexegos; i este ano, como o que abundan son as mazás e as peras aproveiteinas. A receita é moi similar á que se usa para facer carne de marmelo, o cal se aguanta tamén durante moito tempo. Iso sí, deben estar gardados nun sitio fresco,seco i escuro.
Saúdos.

O Moucho dijo...

Gracias pola aclaración, Mary Carmiña. Pareceme fantástico.