luns, 14 de maio de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...Do 14 a 20 de maio


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao



maio-14 1914 Nace en San Xoán de Barcala (A Baña) o mestre, agrarista, cooperativista e galeguista Avelino Pousa Antelo.
maio-14 1963 O Delegado Provincial do Ministerio de Información e Turismo español, en nome do Ministro, contestaba de maneira favorable á petición da RAG de establecer un Día das Letras Galegas cada 17 de maio.

maio-15 1884 Publícase en Santiago a revista El Eco Franciscano, que dará cabida a textos en lingua galega.
maio-15 1966 Xantar de despedida en Ourense a Celso Emilio Ferreiro, con motivo da súa marcha para Venezuela. A reunión convértese tamén nun acto de protesta «galeguista» contra a decisión do goberno franquista de asolagar o val ourensán de Castrelo do Miño.
maio-15 1994 Mobilización en defensa do galego cunha manifestación en Compostela, convocada pola MNL, co apoio de máis de trinta colectivos.

maio-17 1833 Nace o grande impulsor do idioma galego e primeiro presidente da Real Academia Galega, Manuel M. Murguía.
maio-17 1863 Rosalía de Castro ponlle esta data á dedicatoria do seu libro Cantares gallegos, e por esa razón un século máis tarde, en 1963, a RAG acorda institucionalizar esta xornada como o Día das Letras Galegas.
maio-17 1933 Inaugúrase nos xardíns coruñeses de Méndez Núñez un monumento a Manuel M. Murguía, o grande promotor do galego no século XIX e inicios do XX, no 1º centenario do seu nacemento.
maio-17 1958 Ricardo Carballo Calero, quen despois sería o primeiro catedrático de galego da Universidade de Santiago, le o seu discurso de ingreso na RAG, un estudo sobre Rosalía de Castro.
maio-17 1963 Primeira celebración do Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía de Castro (1837-1885).
maio-17 1964 Día das Letras Galegas dedicado a Afonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950). No presente ano 2012 o número de escritores-as homenaxeados no 17 de maio chega a 50. Nesta ocasión está dedicada a conmemoración a Valentín Paz -Andrade.

maio-18 1916 Un grupo de galeguistas, reunidos na sede da Academia Galega, fundan na Coruña a primeira Irmandade da Fala, que tiña como principal obxectivo defender e espallar o idioma galego.

maio-19 1967 Morre, no Courel, a poeta noiesa María Mariño, a chamada «dinamiteira da fala» polo seu estilo lingüístico rupturista.
maio-19 1987 Falece en Vigo o avogado, político, xornalista, poeta e empresario Valentín Paz Andrade (Letras Galegas 2012).

maio-20 1903 Fina Marcial Valladares Núñez, autor da 1ª novela escrita en galego, Maxina ou a filla espuria (1880), así coma do 3º dos dicionarios impresos do noso idioma, o Diccionario gallego-castellano (1884).
maio-20 1906 Primeiro número do Boletín... da Academia Galega.


É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).



0 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :