lunes, 16 de abril de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...Do 16 ó 22 de abril


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao




abril-17 1788 Nace en Portas (Pontevedra) Domingo Fontán Rodríguez, xeógrafo e matemático. É o autor dun importante mapa de Galicia ou carta xeométrica de Galicia.
abril-17 1846 Ve a luz La Revolución, órgano da Xunta de Goberno de Galicia, redactado por Antolín Faraldo e Romero Ortiz nos tempos da revolta de 1846. Publícase nel a Proclama da Junta Superior del Gobierno de Galicia, documento fundamental do Provincialismo.
abril-17 1929 Nace en Triacastela (Lugo) o especialista en Lingüística galega Amable Veiga Arias.
abril-17 1937 Neste día foi fusilado en Pontevedra o escritor e alcalde de Bueu pola Fronte Popular Johán Carballeira (José Gómez de la Cueva). Mantivera relación epistolar e de amizade co negreirés Xulián Magariños.
abril-17 1970 Xosé Filgueira Valverde, polígrafo pontevedrés -tamén amigo na mocidade de X. Magariños, ambos cofundadores do SEG- defende nas Cortes españolas o emprego vehicular do idioma galego no ensino e fecha a súa intervención parlamentaria na nosa lingua.
abril-17 1978 Anteproxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia, elaborado pola Comisión dos Dezaseis e ó que se lle chamou «Estatuto dos 16».


abril-18 1907 Aparece El cacahuete, semanario satírico de Vilagarcía de Arousa con colaboracións en castelán e galego.
abril-18 1986 Comezan en Santiago os Encontros para a Normalización Lingüística, nos que se acordou a creación dunha «Mesa permanente pola Normalización Lingüística». Desenvolvéronse ó longo dos días 18, 19 e 20, e foron promovidos, entre outros, pola AS-PG, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Asociación de Profesores de Lingua e Literatura.
abril-18 1994 Iníciase na TVG a emisión do programa Xabarín Club, que marca un fito na programación televisiva infantil en Galicia.


abril-19 1910 Nace en Mondoñedo o xornalista, escritor e poeta en galego e castelán, José Díaz Jácome.
abril-19 1987 No I Congreso para a Normalización do Aragonés apróbanse as Normas Gráficas de l’Aragonés, o que non serviu para que esta lingua románica deixase de estar minorizada e de ser cada vez máis minoritaria.


abril-20 1878 Un dos nosos máis importantes poetas do Prerrexurdimento, Francisco Añón -natural de Outes, e a quen lle fixo unha estatua o escultor de Logrosa Andrés Barbazán, no seu pobo natal- falece en Madrid na máis absoluta miseria. Desde logo ser poeta, máxime se era en lingua galega, non resultaba para nada rendible na época.
abril-20 1986 Rematan en Santiago os Encontros para a Normalización Lingüística, nos que se acordou a creación dunha «Mesa permanente pola Normalización Lingüística». Desenvolvéronse ó longo dos días 18, 19 e 20, e foron promovidos, entre outros, pola AS-PG, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Asociación de Profesores de Lingua e Literatura.
abril-20 1996 Comezan as emisións de Galicia a fondo, o primeiro programa que unha televisión privada (Antena 3) emitía en exclusiva para Galicia, e, non obstante, facíase en castelán.


abril-21 1882 Nace en Mazaricos (A Coruña) José Bernardo Reino Caamaño, un home vinculado ó mundo do Dereito e que na súa mocidade publicou poemas, en galego e en castelán, na prensa. Foi deputado nas Cortes da 2ª República española e persoa moi influínte na política comarcal. Tamén presidiu a Caixa de Aforros de Santiago.
abril-21 1916 Nace en Celanova o político e escritor en galego Xosé Velo Mosquera.
abril-21 1929 Otero Pedrayo le o seu discurso, en galego, de ingreso na Real Academia Galega.
abril-21 1967 Constitúese a Casa de Galicia de León.
abril-21 2007 O xornal en galego A Nosa Terra, o primeiro da democracia redactado integramente na nosa lingua, recibe o Premio Manuel María á Dignidade Nacional (na súa 2ª edición) pola súa traxectoria na defensa da lingua galega. Este Premio está convocado pola CIG, a AS-PG, a MNL e a AELG.


É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).


0 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :