lunes, 23 de abril de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...23 a 29 de abril


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao






abril-23 Día do Libro. Nesta data do San Jordi en Cataluña, do noso San Xurxo, hai costume de facer o agasallo dun libro e dunha rosa. Se en Galicia se fixeran iniciativas así o 17 de Maio, estaríamos apoiando a floricultura e a nosa industria editorial.
abril-23 1814 Insírese na revista El ciudadano por la Constitución un poema en lingua galega dedicado ó rei absolutista Fernando VII, quizais da autoría de Fandiño ou de Pardo de Andrade.
abril-23 1899 No acto de homenaxe ós Mártires de Carral Manuel Lugrís Freire utiliza o galego nun discurso público.
abril-24 1834 Un Real Decreto reduce as tradicionais sete provincias galegas do Antigo Réxime ás catro actuais.

abril-25 1734 Nace na Coruña o ilustrado galego José Cornide Saavedra y Folgueira. Ten unha obra manuscrita (Real Academia da Historia), titulada: Viaje de Santiago a Corcubión, onde nos ofrece datos da Ponte Maceira e do Pazo do Cotón no século XVIII.
abril-25 1853 Nace na Coruña Evaristo Martelo Paumán, escritor en galego e un dos asistentes ós parladoiros da «Cova Céltica» herculina.
abril-25 1965 Créase o Ateneo de Pontevedra, que desenvolverá unha interesante actividade cultural.

abril-26 1846 En Carral (A Coruña) son fusilados o xeneral Solís e os seus oficiais, os sublevados provincialistas que se converterían en todo un símbolo de resistencia «galeguista», e que pasaron á historia co cualificativo de «mártires de Carral». Era a "revolución do 1846", con propostas liberais e provincialistas.
abril-26 1968 Celébrase na facultade de Medicina de Santiago un recital da Nova Canción Galega, movemento que supuxo un importante pulo para o noso idioma. Participan nel Benedicto, Xavier, Vicente Araguas, Xerardo Moscoso e Guillermo Rojo. Tempo das Voces Ceibes e dos cantautores antifranquistas.
abril-26 1980 O escritor Álvaro Cunqueiro pronuncia en Vigo o célebre discurso no que pide «mil primaveras máis para a lingua galega».

abril-27 1879 Constitúese en Bos Aires o primeiro Centro Galego, organismos que tanta importancia habían ter na defensa e espallamento do noso idioma fóra de Galicia.
abril-27 1879 Aparece en Bos Aires o periódico de temática galega El Gallego.
abril-27 1933 Castelao resulta elixido membro da Real Academia Galega.

abril-28 1934 Manuel Lugrís Freire, primeiro orador que utilizara exclusivamente o galego nun mitin político, é elixido presidente da Real Academia Galega.
abril-28 1963 Nunha xuntanza ordinaria os membros da RAG acordaban celebrar cada 17 de maio o Día das Letras Galegas, co obxectivo de promover o idioma vernáculo e a obra literaria dos nosos autores.
abril-28 1981 O BOE publica a Lei do Estatuto de Autonomía de Galicia, de 6 de abril, que recolle de forma explícita que «a lingua propia de Galicia é o galego».

É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).

2 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Toupeiro dijo...

Interesante efemerides

Cambiando de tema, solo faltan 4 días para o 6º aniversario ¡FESTA RACHADA!


Saudos

Patricia Loureiro dijo...

¡¡¡Iso Xuliño festa rachada á esgalla. O blogue cumpre seis anos o día 1!!!