miércoles, 25 de enero de 2012

** SABOREANDO....Bizcoito de Laranxa


SANXENXO. Mary Camiña

Invítovos a preparar un bizoito, desos ricos, ricos e que nin teñen aditivos artificiais, nin grasas e por riba rico en vitamina C, que coa cantidade de resfriados que hai boa falta nos vai facer.

É moi sinxelo, só necesitamos 4 ovos, a poder ser desas galiñas que soen estar no rural, no corral das nosas avoas, e tamén no pasado: na nosa infancia; esas galiñas que sempre andaban a esperruñar e que se desfacían a cacarexos cada vez que poñían un ovo, como decindo "Aquí estou eu, unha galiña de verdade, que pon os mellores ovos do corral", e dalí a pouco cacarexaba outra que parecía retrucarlle:"Tí porás bos ovos pero mellor ca os meus non son". Ai!, que tempos aqueles, nos que ainda había ovos de verdade...Mimá! Xa cáseque falo como unha galiña... Pero sigamos coa receita.

Precisamos tamén 200 grs. de azucre, só o azucre, non fagades como o meu pequeno axudante, que a primeira vez que me axudou pretendía botarlle o papel da bolsa para que lle dese consistencia..., estos nenos... 125 grs. de fariña de trigo, desa mesma que venden en calquer supermercado e apta para o consumo humano, non me vaiades usar fariña de millo que por moi refinada que sexa non sae o bizcoito como ten que sair. E por último, unha laranxa, enteira, desas de zume, sen pepitas; a ver..., vale a de pepitas, pero entón teredes que sacarllas porque senon amarga.

Poñemos o forno a quentar, por riba e por baixo a 250 grados.
Collemos dous recipientes, nun botamos as claras dos ovos e noutro as xemas.
Reservamos as claras e sobre as xemas botamos o azucre, batimos con xeito, máis ben para non ensuciar moito, e engadimos a laranxa triturada; sí, triturada, toda, enteira, con monda e todo; se non tendes con qué triturala tamén vale engadir a monda relada e o zume. Remenxemos, sen bater, e reservamos.
Agora, cun batidor manual ou coa batidora, levantamos as claras. Ui! Perdoade, esto pode dar lugar a confusións, xa que os profanos da cociña igual intentan levitalas claras e non é iso. Refírome a que temos que batelas claras hasta que estén a punto de neve forte, é decir, que se poñan brancas, brancas, e que ao darlle volta ao recipiente as claras non caian; se vedes que van cair non sigades dándolle volta ao recipiente!, eu aviso, que despois non quero que me veñades decir que non dou ben as indicacións,...

Chegado a este punto, hai que engadir as claras xa a punto de neve ao preparado que tiñamos feito coas xemas, e mesturamos amodo para que o bizcoito quede esponxoso.
Como vedes non leva levadura nin en pó nin da outra, por iso vos dixen que era sen aditivos artificiais.

Por último, collemos un molde, fregámolo con manteiga, só pola cara de dentro!, e espolvoreámoslle un pouquiño de fariña.

Collemos a masa do bizcoito e botámola no molde. poñémolo no forno a 200 grados, encendido só por baixo. Estará listo cando ao espicharlle un escarvadentes, éste salga seco e sen masa pegada.

Sérvese frío e adornado cun pouqiño de azúcre moido.

Xa veredes como vos gusta, se cando o fagades, non vos sae esponxoso, non deixedes de volver intentalo, como cáseque todo nesta vida, para mellorar hai que seguir intentándoo, non darse por vencido.
Por certo, olvidáronseme dous ingredientes fundamentais, que o fagades con moito cariño e bo humor; as cousas así feitas sempre saben mellor.

4 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Julio Torres dijo...

Unha moi boa receta para inagururar esta nova sección. Que boa pinta ten!!!. Gracias por esta receta Mary.

Xa sabedes que se admiten as vosas recetas para ir publicando nesta nova sección do blog.

Alvariño dijo...

Aínda que a viñeta é moi boa, boto de menos un foto do biscoito xa horneado para ver como queda.
En canto a triturar a naranxa, ¿vale partila en anacos e utilizar a batidora ou botarlle o zume solamente? En canto a fariña de millo, maizena, miña nai sempre mestura unha pouca coa fariña de trigo porque di que os biscoitos saen cunha textura máis "fina", ¿pódese facer nesta receita?
Eu, para asegurarme de que medre, case lle vou poñer levadura, non vaia a ser...
Bueno, ¡ten toda a pinta de estar moi bo!

Mary C.V. dijo...

Hola Alvariño, pódeslle botar se queres a maizena, pero xa non terá a textura propia do bizcoito, será diferente. Se queres, claro que podes botarlle a levadura en pó, eu fágoo sen ela e está boísimo, ó batelas claras do ovo xa fai que o bizcoito sexa esponxoso. E sí, tal como pon na propia receita, podes botarlle a monda e o zume da laranxa. Ainda que poño o de poñer o lume no forno só por debaixo, iso tamén depende de como cociñe o teu forno. Normalmente fágoo así, e despois ao final póñoo un pouco por riba, cando xa subiu o bizcoito, máis que nada porque así medra mellor e sae máis esponxoso. Xa verás como che gusta. Respeto á foto do bizcoito, as propiedades do bizoito non se vería nela; xa que o mías característico do mesmo é que é suave, cunha intensa cor laranxa, por suposto, e máis ben tirando a húmido e non seco, seco. Un saúdo.

Alvariño dijo...

¡Graciñas polas aclaracións! Eu voulle votar levadura Royal porque necesito ir ó seguro. Confeso que en repostería son bastante desastre e non me gustaría que o biscoito non medrara. O que máis me chama a atención da receita é o oloriño que debe dar cando estea no forno.