sábado, 14 de xaneiro de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...(do 14 ó 22 Xaneiro)


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao



14 xaneiro 1931 Vicente M. Risco escribe no xornal vigués El Pueblo Gallego: «A galeguización da escola aínda ha costar traballo cando Galiza seña autónoma».

15 xaneiro 1880 Primeiro número de El Zumbido, periódico semanal aparecido en Noia.
15 xaneiro 1910 Primeiro número de Acción Gallega, revista quincenal, voceiro do movemento agrarista homónimo, impulsada por Basilio Álvarez, o crego e líder agrario de Beiro (Ourense).
15 xaneiro 1978 Primeiro congreso da organización nacionalista Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), no que se aprobaron o programa e os Estatutos, e que fora creada no curso 72/73 na Universidade de Santiago para impulsar a entrada do galego no ensino.

16 xaneiro 1994 Ve a luz Lecer, primeiro caderno dominical estable en idioma galego, inserido nas páxina d'O Correo Galego.

18 xaneiro 1903 Preséntase oficialmente na Coruña a Escola Rexional de Declamación, poñendo en escena a obra ¡Filla…! de Galo Salinas.
18 xaneiro-18 2002 Falece o escritor padronés Camilo José Cela, premio Nobel de Literatura, que cultivou tamén (inda que só ocasionalmente) a lingua galega na súa escrita.

19 xaneiro 1899 Nacemento en Ourense de Sebastián Martínez-Risco Macías, que foi presidente da RAG en 1960.
19 xaneiro 1930 Nace en Parada de Moreda (O Courel) o poeta Uxío Novoneyra.
19 xaneiro 1931 A Real Academia da Historia emite un informe sobre a orixe e significado da bandeira galega.

20 xaneiro 1994 Xosé Neira Vilas presenta a tradución ó galego d'O Camiño de Santiago, orixinal do escritor cubano Alejo Carpentier.

21 xaneiro 1900 Nace en Maceda (Ourense) Fernando Quiroga Palacios, primeiro cardeal de Compostela que celebrou unha misa en lingua galega.
21 xaneiro 1908 Manuel Lugrís Freire participa noutro mitin no que utiliza, novamente, o galego, o que segue a ser sorprendente para moitos, polo pouco habitual, nesa época. Xa o fixera antes, o 6 de outubro de 1907.
21 xaneiro 1980 Falece en Compostela o xornalista vilalbés Xosé Luís García Mato, quen ás veces empregou o pseudónimo «O Guedelliñas».

22 xaneiro 1856 Nace en Lugo Aureliano J. Pereira, escritor, xornalista e político do Rexurdimento. Ás veces atópase este nacemento incorrectamente datado en 1855.
22 xaneiro 1932 Ve a luz Faro villalbés, publicación quincenal que lles dará cabida a informacións e colaboracións en galego.


É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).


Trátase de irmos seguindo día a día o presente ano 2012 e compartillando acontecementos relevantes, relacionados coa lingua e a cultura de Galicia, ó longo dos tempos. Así queremos contribuír con esa campaña que puxo en marcha RADIOFUSIÓN e que leva por nome VITAMINAS PARA O GALEGO!, axudando así a poñer en valor a nosa cultura cunha voz propia, no medio da polifonía das culturas do mundo.

0 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :