lunes, 20 de septiembre de 2010

** Os últimos días, as derradeiras horas


SANXENXO. Julio Torres

É unha verdade case confirmada aquilo de que "no quedan días de verano, el viento se los llevó..." que nos canta Amaral, letras que serven para ilustrar os agónicos latexos da estación que agora esmorece. So lle restan días para que, como acontece tódolos anos por estas datas, o outono volte a realizarlle un xaque mate na partida de xadrez que mantén co verán. Sempre igual, sempre perde. O verán consume as súas últimas horas de vida ó mesmo tempo que a lúa se declara en cuarto creciente, antes de mudar a súa faciana, estar chea e apadriñar o nacemento da nova estación.

É curioso comprobar como sempre se fala da canción do verán (para min este ano triunfou o "Waka Waka" de Shakira que, ademais, lle trouxo sorte á España que conqueriu o seu primeiro mundial de fútbol), pero nunca se fala dos temas musicais que lembran o final do verán.

Durante moitos anos, sempre pensei que a canción que lle viña ó pelo era aquela do Dúo Dinámico "El final del verano", que ilustrou o final dunha histórica serie televisiva que foi Verano Azul, e da que xa falei no 2006 en A Lareira Máxica. Quen non se lembra a Pancho correndo detrás do taxi que alonxaba a Julia (a pintora, a ideóloga de "¡¡No, no, nos moverán!!") de Nerja rumbo a Madrid. Ou que asistía á despedida de dous pequenos grandes amigos como Tito e Piraña. E á dos demais protagonistas da serie, logo da morte un capítulo antes de Chanquete, o mítico Chanquete. Aquel home que tan ben lle soubo dar vida o actor Antonio Ferrandis, tanto que moita xente pensara que Antonio finara de verdade...

Agora, desde "Días de verano" de Amaral, asocio á canción do dúo aragonés coa despedida da estación da calor. O malo é que non hai película que adopte a súa música, nin chanquetes, pirañas, julias ou panchos...No seu momento díxose que ían facer unha segunda parte de Verano Azul pero á enfermidade do seu director, Antonio Mercero, acabou por sepultar calquera opción. Se vos digo a verdade, mellor que non se fixera, pois xa se saben que as segundas partes case nunca son boas...

O verán está morrendo. Hoxe, na tranquila praia de setembro, fixeime que retiraban os quioscos veraniegos, unha acción cargada de bastante simbolismo implícito. Pero todos sabemos que resucitará a finais en xuño de 2011, claro que a un servidor lle gustaría que o fixese algúns meses antes. Non me gustan os tristes días curtos do outono nin moito menos o frío do inverno (menos mal que quedan lareiras ó pé da que poidamos quentarnos). Con todo, o final do verán supón a reconquista de Sanxenxo polos nativos do lugar, que recupera a súa verdadeira beleza: a dun pobo pequeno e tranquilo cheo de paisaxes e postas de sol moi boas. Como se soe dicir: non hai mal que por ben non veña...


Dias de Verano - Amaral

8 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Mariam dijo...

Gustoume moito o que escribiches. Recuperaches a esencia dos comezos da ALM, relatos sobre temas cotiáns escritos cunha sensibilidade especial, moi propia do autor.
Ah, o outono tamén é unha estación ben bonita, decadente e bonita, diría eu.

Julio Torres dijo...

Moitas gracias María (mariam). Regresar ó mundo das cousas pequenas, as opinións persoais sobre diversas cousas máis ou menos interesantes é o que pretendo. Vamos, dar o meu punto de vista.

Saúdos Máxicos

O Moucho dijo...

Eu tamen estou abraiado do ben que estás a escribir. Xa había moito tempo que non me arrimaba á lareira e digoche que me costa comentar algo, pois está tan ben escrito que ti xa o dis todo. pasaches aletargado moitos meses pero agora que despertaches do teu tempo morto, vexo que estás nun momento de forma literario envexable. Eu tardaréi ainda en enviarche algo minimamente decente, pois ando moi liado, e prefiro centrarme noutras cousas. Ainda que vexo que non fai falla que eu añada lume a túa lareira, xa que ti solo tes madeira de sobra para mantela acesa. Sigue así. Estou orgulloso de ter na miña familia alguen con talento. Un saudo tamen a todolos colaboradores.

sonia dijo...

Antes encantábame so o verán. Agora segue sendo das miñas estacións predilectas, xunto coa primaveira. Pero cada vez aprecio máis outras estacións, todas teñen o seu encanto.

O outono: os camiños cheos de follas e o sol que aparece tímidamente.Un paseo plácido, si, as veces con certa nostalxia ou cunha agradable conversa.
Porque non, as nevoas que o cubren todo e pouco a pouco vas descubrindo a linda paisaxe.
Os días fríos, de choiva,agradables días de cine. Colorido para a nosa natureza.
O inverno: Os paisaxes nevados con días de sol.
A mar revolto, as olas, tempos de pensar........
Momentos de serenidade é calma ante un día de frio e choiva cunha taza de chocolate quente acompañado duns churros e unha agradable conversa ou so, disfrutando dunha boa película.

Supoño que todo depende con que cor se vexan os días.

Alvariño dijo...

100% de acordo con Sonia.

Alvariño dijo...

100% de acordo co Moucho en canto a que Julio escribe ben.
100% de desacordo co Moucho en canto que para escribir neste blog faga falta ter un gran talento. Cada un faino a sua maneira. Ademais, Julio é xornalista. É dicir, sabe escribir ben porque se formou nese campo. Nós sabemos doutras cousas.
¡Saúdos Moucho!

O Moucho dijo...

Un saudo para ti tamen Alvariño. Ti si que eres 100%

Julio Torres dijo...

Gracias Moucho, pero nin eu escribo tan ben, nin ti mal. Coincido con Alvariño.

Saúdos a tod@s e gracias polos vosos comentarios