luns, 29 de marzo de 2010

** Relatos, unha película chea de reflexión e sensibilidade


SAN XENXO. Julio Torres

Imaxina por un intre que no banquete da túa voda aparece unha persoa á que non convidastes...¿Difícil papeleta non?. Pensa que eres pintor e que alguén che encarga un retrato dalguén xa morto e do que non se conserva ningunha imaxe para basearte...¿Complicado non?. ¿E se no leito de morte o teu avó che pide chamar ós veciños para revelarlles un secreto que non vai deixar indiferente á ningún deles?...

Estas e outras cuestións son as que trata a última película do director pontevedrés Mario Iglesias que desde o pasado venres está na carteleira dos cines Vialia en Pontevedra (proxectarase en máis cines galegos e españoles). Un servidor tivo o gusto de vela esta fin de semana e ten varios ingredientes que a fan de recomendable visión. A modo de exemplo, cabe subliñar:

- Rodada case integramente na cidade do Lérez, agás algunhas escenas que foron feitas en Ribeira e nas Illas Canarias.
- Actores e actrices non profesionais -agás algunha excepción- pero que fan unha excelente interpretación, en especial a súa actriz protagonista: Concepción González. Chapeau!!!
- A cinta ven de participar en prestixiosos festivais como o de San Sebastián, cunha moi boa acollida.
- Temática baseada en relatos da vida cotián, que recolle feitos que lles poden pasar a calquera persoa.
- Induce á reflexión sobre diversas cuestións, entre elas os prexuízos sociais, a autosuperación, o engaño, a sinceridade, o dano, o odio, os medos, a amizade, o amor ou a sensibilidade.

O fío conductor de Relatos é a súa protagonista: Rosario que ten o soño de ser escritora e que loita contra os seus medos coa axuda dun terapeuta. Á par de Rosario, están os seus relatos, que se escenifican no filme e traspasan as meras letras impresas para facerse realidade, realidade como a vida mesma.

A película non busca a acción, senón a reflexión. Vai de menos a máis en canto ó seu ritmo. Empeza algo lenta, pero pouco a pouco, e case sen decatarnos vémonos inmiscuidos de cheo na trama argumental, que nos atrapa de cheo. Son historias profundas que buscan a comprensión máis alá do evidente.

Relatos encerra unha moralexa final e varias parciais sobre aspectos cotiáns e próximos ós espectadores. É unha boa opción para ver no cine esta Semana Santa e ofrécenos algo distinto ó que adoitamos ver a cotío. Por riba, é un producto made in Galicia en tódolos sentido, por non decir pontevedrés. Noraboa a tod@s @s que a fixeran posible. Ougallá se sigan potenciando o noso cine e que os cines sigan apostando por filmes galegos. Que sexa costume e non algo case extraordinario. Méritos hai abondo para facer esta aposta.

.....................................................................................................................................
Máis información e trailer en: Web de Relatos, La Película

1 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

sonia dixo...

Alégrome que che gustara, je.

Creo que chego demasiado tarde, terei que ver se nesta cidade está en carteleira.