viernes, 29 de agosto de 2008

** O verán rematou. Setembro: novas ilusións

O verán toca ó seu fin. Por esta época acostuma a escoitarse aquel clásico do Dúo Dinámico; "El final del verano", aquela mesma canción que serviu de despedida a aqueles turistas que foron visitar o pobo de Nerja (Málaga) un verán azul de principios dos 80.

Namentres escribo estas líneas(venres pola noite), os tronos fan acto de presencia e serven de banda sonora de fondo. Cruzo os dedos e agardo que non fagan das súas. Unha vez uns primo-irmáns destes lóstregos foron algo rabudos e quixeron investigar que había dentro do meu pc. A experiencia custoume ter que levar o ordenador a boxes...

Pois ó que ía, o verán remata. É nótase porque xa hai uns días que as campañas da volta ó cole e as dichosas coleccións de todo aquilo habido e por haber se anuncian a bombo e platillo (por certo: ¿alguén chegou a iniciar e completar algunha destas maravillosas coleccións. Servidor non completou ningunha, é máis ninguha vez pasei da primeira entrega, nalgunha que acabei picando. As cousas que fai o márketing...)

Setembro para min suporá, paradoxicamente, coller vacacións no traballo. E significará decir adeus a varias cousas e proxectos e darlle a benvida a outros ilusionantes. Nesta vida hai que priorizar necesidades. A Lareira Máxica seguirá alumeando na blogosfera, con menor periodicidade mal que me pese, iso si. Cando menos tentarei actualizar unha vez á semana. Tranquilos que non vai pechar. Iso é o último. Sería como enterrar a un fill@.

Setembro tamén trae a tranquilidade a Sanxenxo, no sentido de que os miles e miles de visitantes que inundan literalemente este pequeno pobo de 17.000 habitantes empadroados, se van. As rúas recobran a tranquilidade e as colas nas carreteras, nos supermercados,etc,etc. tamén se esfuman e din adeus ata a Semana Santa. O bonito, o realmente maravilloso e a paz dun pobo mariñeiro, que ten o mar e o monte a uns pasos. Pero cando todo se masifica o encanto evapórase. Polo menos para éste blogueiro.

Noutros lares, como a televisión, voltan os rostros máis coñecidos e debutan as fichaxes, retornan as series e programas estrela e todo volta a rutina rota nos meses estivais (mágoa que o telelixo non colla vacacións eternas). Ah, por suposto, volta o fútbol: hala barça e hala celta!!!

Agora pregúntovos a vós sobre o final do verán e a chegada de setembro: ¿como o afrontades e que opinión vos merece esta época do ano?

Déixovos cun vídeo-recordo musical e televisivo a un tempo. Triste, moi triste, pero real como a vida mesma. As veces as despedidas son para sempre, outras so son un ata logo. A propósito: ¡¡ Cómo pasan os anos...!! Isto lémbrame que vai voltar pasar outro máis dentro duns días. Xa podían pasar máis despacio...




UN ARTIGO ELABORADO POR: Julio Torres
Coordinador de A Lareira Máxica

sábado, 23 de agosto de 2008

**¿Son persoas ou so máquinas de facer cartos?

Levo un par de días triste. Triste por varias cousas, pero unha delas é polo terrible accidente acaecido o mércores. Non so pola traxedia en si (incluso teño un familiar que no mes de maio colleu ese mesmo vo de Madrid a Gran Canaria e que, afortunadamente, non ía desta vez) senón pola total falta de ética coa que están tratando diversos medios de comunicación o sufrimento dos familiares.

Moitos bloggers levan escribindo disto nos últimos días. Pouco máis teño que dicir do que xa dixeron Nacho Mirás, Félix Soria ou Juan Varela, entre outros. Estou dacordo con eles. A pregunta que me fago é: ¿se algún dos familiares destes xornalistas (ou mellor dito, dos seus xefes, os que aproban ou lle din o que teñen que facer), éses que levan uns días buscando o morbo informativo e so pensan na audiencia, tivese morto nese accidente aéreo gustaríalles que xogasen tanto cos seus sentimentos como eles o están facendo? O que teño claro é que para todo hai un límite e o sentido común e a ética entenden del. Como ben dicía Nacho Mirás no seu blog: deixade de estorbar. Ás veces dáme pena ser xornalista porque non me identifico para nada con este tipo de actuacións. Claro que nos medios hai moitos que nin tan sequera son xornalistas e dálles igual os máis elementais valores de respeto humano. ¿Serán persoas? ¿Por qué son tan miserables e carroñeiros os seus xefes (os realmente culpables por parte dos medios de comunicación)? ¿Por qué non respetan a dor das víctimas e dos seus familiares? ¿Son persoas ou so máquinas de facer cartos?

Noraboa a tod@s aqueles que defendedes unha profesión limpa, con ética e límites e que vos vestides polos pés e non pola cabeza como outr@s. Para mostra do morbo polo morbo este elocuente vídeo. Estou totalmente dacordo coa opinión do presentador Ángel Martín. DE RECOMENDADÍSIMA VISIÓN. Fala por si mesmo da falta de toda ética.




POR CERTO: ACOMPAÑO NO SENTIMENTO DE DOR E TRISTEZA A TODAS ESAS FAMILIAS ROTAS POLA PERDIDA DE SERES QUERIDOS QUE IAN NESE AVIÓN. Sobra dicilo. E que se depuren responsabilidades. Porque culpables ten que habelos. Que non nos tomen por parvos. Que non escapen impunes. Como se Spanair creba...

Unha última reflexión: ¿Para cando unha regulación dos programa telelixo ou sensacionalistas? E de paso ¿Cando se vai a coller o touro polos cornos e se vai defender o horario protexido de verdade, estoume referindo ós nen@s que ven a televísión e presencian violencia, insultos e demais? ¿Ou acaso non se dan de conta que a televisión é molde para moitos cativos? ¿Para cando se vai ter man dura con este bochorno de audiencias no que todo, absolutamente todo vale. ¿Somos persoas ou máquinas de facer cartos?. Podería seguir falando e reflexionando, pero vou parar. Todo isto dame moito asco!!!!!!!



UN ARTIGO ELABORADO POR: Julio Torres
Coordinador de A Lareira Máxica

lunes, 11 de agosto de 2008

** RadioVoz Vigo: 10 anos antes. Un artigo moi entrañable

outro enlace para ler este artigo

Mes de xulio. Era cedo. Demasiado quizais. O día aínda non amencera pero alí me atopaba naquel autobús que me conduciría de Sanxenxo a Pontevedra. Tras coller o tren TRD chegaría a Vigo. Xa na cidade olívica a rúa Alfonso XII (¿ou XIII? -sempre as confundo-) veríame baixar por ela mañán tras mañán durante uns meses. Sempre a mesma rutina. Un día tras outro.

Logo de deixar á esquerda a Igrexa de Santiago de Vigo, torcería á dereita para encarar a rúa García Barbón, tan grande ela. Minutos despois, fin de traxecto: 104 baixo do Edificio Vista Alegre. No “escaparate” daquela entrepranta asomaban xornais e demais publicidade do grupo multimedia. Uns metros máis arriba uns altavoces permitían ós viandantes escoitar a radio en directo. A radio que se facía uns metros máis adentro. Naquel intre, a casualidade apropiouse da miña chegada. Escoitouse: Radio Voz Vigo. 101´9 F.M (que anos máis tarde mudaría ó 103,8 F.M. actual). “Sin Voz no hay Radio”. Non había dúbida aquél era o lugar onde traballaría. Xa chegara a RadioVoz, á radio onde realizaría as miñas prácticas de xornalismo nos informativos e no magazine desta cadea do Grupo Voz.



Hoxe, 10 anos despois, o que escribe non pode deixar de lembrar aquela experiencia. Polo positivo do recordo. Podía pensar no traballo duro que é a radio coas súas présas e agobios ou o feito de que foron unhas prácticas sen remunerar e que so me depararon moitos gastos, pero isto pasa a un terceiro plano. O que un servidor lembra é todo o que aprendín alí e o feito de dar cuns compañeiros de traballo xóvenes que conectamos ben. Un bo equipo. O tempo pasa pero os bos momentos vividos e a amizade perduran. Divino tesouro @s amig@s.


Sei que vos levo dando a lata hai bastantes días co tema do artigo entrañable, pero é que un non pode olvidar unha efeméride tan especial como ésta. Contrasentidos da vida. En setembro do 98, Iñigo Elvira máis eu tiñamos unha sección do magazine “Voces de Vigo” (9:20-12:00) no que nos adicabamos a lembrar noticias recollidas no xornal “La Voz de Galicia” que aconteceran 10 anos antes: en 1988. Na hemeroteca do Grupo Voz puiden ler cousas que pasaran no 88: O Celta de Maguregui, o secuestro de Emiliano Revilla e tantas outras, incluidos os concertos de Mecano. Hoxe, 10 anos despois estou recordando o que pasou precisamente nese ano, en 1998. Chegados a este punto é obrigado dicir: ¡¡ Qué RÁPIDO pasa o tempo !!. ¿A que sí amigo Iñigo?.


Toca acordarse da xente. Hai que ser agradecido. Lémbrome de toda a xnte coa que compartín redacción (os da radio eramos poucos en comparación cos compañeiros de “La Voz de Galicia”, pero algúns máis que os veciños de “Atlas Vigo”), pero mención especial merecen cos que traballei máis codo con codo: Iñigo Elvira (sobre todo), Santi Tejedo, Raquel Sánchez, Roberto Redrado ou os técnicos de sonido Diego Barros, Diego García, Ángel Mosquera (pedazo de voz a de Ángel, o home-anuncio) e Tania Rodríguez. Con todo, había máis persoas que, aínda sen traballar con ela, compartimos momentos de conversa: desde a limpadora, Emilia (se non me falla a memoria), que era unha das primeiras en chegar ata, ata @s de administración (os que me pagaban os desprazamentos para cubrir as noticias) ou os gardas de seguridade –algún máis simpático e atento que outros-. A todos e todas gracias.


Pasemos a falar dos compañeiros cos que traballei a miúdo na miña estadía en RadioVoz Vigo.



Con Santi Tejedo compartín excelentes momentos no seu Voces de Vigo. El sempre bromista, cheo de humor e cun sorriso na súa faciana, á par que metódico no seu traballo. Unha persoa entregada. Aquelas seccións de “El Club de Fans” ou “En el Disparadero” no que resaltabamos a algo ou alguén por algo bo ou por algo malo, respectivamente. Lembro de igual xeito as conversas que Santi mantiña co ecoloxista Antón Lois ou co taxista Ramón Blanco.


Con Iñigo Elvira traballei nos servicios informativos e tamén, como xa dixen, o magazine de “Voces” cando Santi estivo de vacacións. Persoa moi, pero que moi traballadora era o primeiro en chegar á emisora para presentar o primeiro informativo da mañán en Vigo: o das 8:20. Ése é Iñigo: un currante nato. Hoxe traballa de xornalista en Madrid. Por certo, Iñigo, aínda me acordo daquela sorpresa agradable que me déstedes o día do meu cumpreanos ti, Caty Mosquera e Diego García. Gracias por aquel agasallo virtual.


Con Roberto Redrado, este amigo navarro compañeiro de informativos, tiven a oportunidade de presenciar partidos do Celta contra o Benfica, a Fiorentina e o Compostela. Asistimos a eclosión e nacemento dunha estrela: Claude Makelele, e dun eurocelta: o adestrado por Víctor Fernández e no que brilarían Caballero, Míchel Salgado, Mostovoi, Karpin, Gustavo López, Mazinho,... O Arges Pitesti rumano sería a súa primeira víctima. Aquel Celta rianxeiro...


Con Raquel Sánchez estiven na miña última etapa en RadioVoz, tamén dentro de “Voces de Vigo”, logo da marcha de Santi Tejedo. Aínda que non foron moitos programas os que traballei con ela, tamén foi unha experiencia profesional moi gratificante e intensa realizando entrevistas, enquisas e levando adiante a produción e redación do magazine, como xa antes fixera con Iñigo e Santi no mesmo espacio. Raquel, outra gran xornalista, como o resto daquel xoven grupo.


Cos técnicos de sonido compartimos moitos momentos e présas porque na radio todo, ou case todo, se vive á présa. É a inmediatez e ás veces andamos escasos de tempo para editar cortes e grabar cousas para emitir. Traballei con catro: Ángel Mosquera (gran voz, escoitade a súa voz no corte que ven a continuación), Diego Barros, Diego García e Tania Rodríguez.


A tod@s gracias pola vosa axuda, paciencia e comprensión con aquel traballador en prácticas. Xente moi simpática, agradable e atenta.


Estes foron os compañeiros cos que máis traballei pero houbo outr@s cos que tamén coincidín, e nalgúns casos traballei puntualmente: as compañeiras de prácticas Arancha Abad, Caty Mosquera ou Teresa Egerique, amais de Antonio Varela (aquel portugués que presentaba un espacio de música e charla cos oíntes nas tardes de RadioVoz Vigo), Antonio Saborido (informativos deportivos), o paiaso Popín (colaborador do magazine) ou Concha Gómez (informativos), entre outr@s. Un saúdo a eles, ó director daquela, José Luis Pando, e a tod@s dos que me poida olvidar agora.

En 10 anos a vida cambiou moito. E xa non me refiro ó elevado precio do petróleo –que tamén-. Moitos casad@s e con fill@s. Coido que agás Antonio Saborido (Deportes), xa non queda ningún dos antigos compañeiros en RadioVoz. A vida mesma e os exigüos soldos que florecen na meirande parte (sendo bo) dos medios de comunicación. Hai cousas que 10 a nos despois, en troques, non cambian no panorama xornalístico a nivel estatal.


Poucos son @s que traballan no xornalismo. Menos aínda son @s que fan da radio o seu medio de vida: a xornalista Raquel Sánchez presenta o magazine “Vigo en la Onda”, en Onda Cero Vigo, emisora na que tamén traballan agora os técnicos de sonido Ángel Mosquera e Diego García. O resto deixou a radio e traballan dentro do mundo do xornalismo noutras cidades ou ben optaron por outras profesións que lles reporten máis estabilidade laboral e, sobre todo, máis ingresos, coma é o caso meu e de máis ex-compañeir@s.


No que respecta a min, ougallá algún día poida colaborar con algún medio de comunicación, pero teño moi claro que sería sempre compatibilizándoo coa miña outra profesión. A actual, a que me dá de comer, a social, aquela para a que tamén estudiei e na que levo traballando desde hai moitos anos, tras a miña etapa como xornalista de prensa e radio, dous medios que me encantan e dos que son asiduo consumidor. É unha mágoa o ter que deixar de lado o xornalismo para poder vivir. Estou completamente seguro que tod@s aqueles cos que traballei son persoas moi preparadas e moi, pero que moi, válidas en calquera rama dos medios de comunicación. Traballadores e boas persoas. Digo máis: voces moi boas para a radio.


Xa pasaron 10 anos daquela experiencia radiofónica, pero os bos momentos permanecen e a amizade de moit@s non se borra. Gracias!!!. Por certo: ¿sen voz hai radio? A resposta parece evidente...


Mónica Naranjo (1998): “Vivo en libertad”

.......................................................................................................................

P.D.: Os fragmentos radiofónicos que ilustran este macroartigo son algúns dos que teño grabados de magazines ou informativos nos que traballei. Cómpre dicir que nalgúns cortes radiofónicos a calidade técnica deixar moito que desexar, pero son alleos á miña vontade. Mágoa que non teña máis grabacións das que un desexara.


UN ARTIGO ELABORADO POR: Julio Torres Coordinador de A Lareira Máxica

domingo, 10 de agosto de 2008

** Mañán: 10 anos antes. Un artigo entrañable (y 8)

S

erá mañán. Día 11 de agosto. A intriga desvelarase, se ben a estas alturas xa sabedes o seu contexto. Quizais so falte por revelar o nome da emisora de radio e os seus protagonistas. E lembrade ENCADRE 6: "Sen voz non hai radio". Parece evidente, pero... Agardo que vos guste. Custou facer o artigo pero era de ben nacidos ser agradecidos...Xa me contaredes...



No ano 1998 tamén era un éxito musical Marcela Morelo e o seu "Corazón Salvaje":


sábado, 9 de agosto de 2008

** Unha de alumnos moi ¿graciosiñ@s?...

Burradas De Clase
View SlideShare
[Vía A Toupeira Toupeiro], un blog sempre cheo de humor, algo moi necesario para vivir. Gracias Toupe, polos teu estupendo blog. Admiro @s que teñen sentido do humor

viernes, 8 de agosto de 2008

** Un artigo entrañable (7) + Manolo García (1998)

Xa sabedes que todo xira en torno a Vigo, no ano 98, e nunha radio como ambiente de situación. Engado hoxe 2 cifras, para o ENCADRE 5: este artigo entrañable: 104 e 101. Non son números ó chou. Abofé que teñen o seu significado. Máis este vindeiro luns día 11 de agosto...





Manolo García debutaría en solitario no ano 1998, deixando atrás El Último de la Fila. No ano 98 tiven a oportunidade de asistir ó seu concerto no Pabellón das Travesas de Vigo. O seu primeiro álbum foi "Arena en los Bolsillos", do que saíron temas tan coñecidos como "Carbón y ramas secas", "A San Fernando" ou "Pájaros de Barro", entre outros. O seu directo, por certo, moi bo. É un artista que o dá todo no escenario. Vale a pena pagar por velo.

jueves, 7 de agosto de 2008

** Un artigo entrañable (6) + Jarabe de Palo (1998)

Restaba por coñecer en que medio de comunicación se encadraba este artigo entrañable que publicarei o día 11. ENCADRE 4: O medio no que se encadra é...Tédela solución se unides as letras inciais (van en cor e son grandes) dos últimos "artigos-adianto" publicados sobre esta miniintriga.



No verán de 1998 unha das cancións máis exitosas tamén foi esta de Jarabe de Palo: "Depende". E é que nesta vida todo depende. Depende cómo se miren as cousas. Todo depende como cantaría Pau Donés...


miércoles, 6 de agosto de 2008

** Un artigo entrañable (5) + Música de 1998 (Des´ree)

A temática deste artigo é de índole profesional, pero tamén persoal. ENCADRE 3: Tivo lugar nun coñecido medio de comunicación multimedia, nunha das súas ramas. Por tanto, ten que ver coa miña profesión de xornalista. O día 11 de agosto, terás que ler e facer algo máis...





En 1998, unha das cancións máis escoitadas foi esta que a min me gustou/gusta moito:

Life - Des´ree

...E se prefires ver o seu vídeoclip...

martes, 5 de agosto de 2008

** Un artigo moi entrañable (4) O Día D será.....

Día? Que día?. Xa hai data. Será o día 11 de agosto. Será un artigo entrañable para os que vivimos aquela experiencia. Xa hai 10 anos. Foi en Vigo. Máis pistas os próximos días.

sábado, 2 de agosto de 2008

** Moi pronto....Un post moi entrañable (3)

Imos dar un paso máis para o post "especial". Quedan días... Xa vos adiantei que ten a acidade de Vigo como marco. Hoxe traio un novo dato. ENCADRE 2: Xa pasaron 10 anos...Cómo pasa o tempo amig@s!!!. 10 anos despois aínda gardo moi gratos recordos daquela experiencia...

viernes, 1 de agosto de 2008

** Proximamente: Un post moi entrañable (2)

O luns faleivos dun artigo que vou publicar proximamente no blog e que para un servidor é moi especial e entrañable. ¿De que vai? ENCADRE 1: Sucedeu na cidade de Vigo... ¿Qué será? Permanecede atentos porque xa o estou preparando...