** Os beneficios dos bicos. Cuestión de lingua....
No concello de Carballo teñen un interesante concurso. Consiste en promocionar o galego mediante artigos periodísticos normalizadores. E lendo na rede, atopei un deles que está moi ben. O autor ou autora, non sei moi ben, é Séchu Sende.
NORMALMENTE A primeira vez que outra persoa entra no noso corpo, ou a primeira que nós entramos dentro doutra persoa, é coa lingua. Si, pode ser que antes lle chuchemos o dedo a alguén ou que lle mordamos o lóbulo da orella, mais son as nosas linguas as primeiras que nos exploran por dentro en serio, de verdade. A nosa lingua é unha das principais vías para o coñecemento humano.
...--->Ve-lo Artigo completo....
Por iso é difícil esquecer a primeira vez que lle metes a lingua a alguén, a primeira vez que unha lingua entra na túa boca. Porque non deixa de ser a primeira vez que lle permitimos a outra persoa entrar dentro nosa. Ao descubrirmos a nosa intimidade, coa lingua expresamos a nosa identidade.
A que non sabías que durante un beixo se moven 29 músculos? E que os batimentos cardíacos aumentan de 70 para 150 e melloran a oxixenación do sangue? Si, o beixo beneficia o corazón. E ademais adelgaza. Nun bo morreo gastamos preto de 12 calorías! ?Tamén é importante saber que o morreo é cousa de dous. Un morreo é un diálogo entre papilas gustativas, entre a lingua e o ceo do padal, entre o cuspe e os dentes. E nun diálogo entre dúas persoas hai que dar e recibir, ofrecer e aceptar, avanzar e retroceder, facer ruído e gardar silencio, entrar e saír.
O proceso de normalización da lingua galega é un proceso comunicativo conflitivo. Os axentes sociais máis críticos denunciamos a ineficaz política lingüística da administración, o desprezo dos media ou a eficacia da escola para desgaleguizar as novas xeracións. É un proceso no que o enfrontamento e a queixa son continuos. A perda da lingua é un drama, abofé. Mais que pasaría se ligásemos o discurso da normalización da lingua ao pracer? Se falásemos desde o discurso da satisfacción e a analoxía do bico? Un pouco de humor tamén é necesario e podemos falar de cousas serias cun sorriso nos labios. Estabamos falando de beixos con lingua¿Eis a Guía Sexual da Sociolingüística.
Exixamos para a nosa lingua o mesmo pracer do que goza calquera lingua.
Se aínda nunca o fixeches busca alguén con quen te sintas cómoda ou cómodo e adiante! Aínda que ás veces facelo con persoas descoñecidas, así de súpeto, resulta mellor.
O proceso de normalización é un proceso social que parte de cada persoa e que se basea no intercambio de comunicacións. Podemos facer moitas cousas en solitario¿, mais non nos podemos morrear a nós mesmas.
Se teu pai e túa nai non che aprenderon nin che dixeron como se fai, non pasa nada¿ Aínda estás a tempo de aprender pola túa conta.
Sobre este tema sempre houbo -e hai- tabús, falsos mitos, pouca información e moita ignorancia¿ Pasa dos prexuízos doutros tempos e adiante.
Hai xente á que lle gustaría probar porque intúen que lles vai gustar mais..., dálles corte! Non te acovardes, desinhíbete e goza coa lingua.
Aínda hai xente que pensa que darlle á lingua non é fino e xente que pensa que é un pouco vulgar¿. He, non teñen nin idea!
A lingua é un instrumento imprescindíbel para relacionármonos, integrarnos, darnos a coñecer e coñecer xente. Sen non usas a lingua fechas portas. Non sexas pechado ou pechada.
Pode ser un rollo dunha noite. Ou unha relación para toda a vida.
A eficacia da lingua depende da práctica. A lingua mellora co uso. Ninguén nace aprendido!
Hai persoas que teñen problemas psicolóxicos que lles impiden darlle á lingua con normalidade. Eses problemas -identificados pola Sociolingüística como diglosia, autoodio¿- teñen solución.
Hai persoas que teñen problemas ideolóxicos que dificultan ou impiden o uso natural da lingua. Esas problemas teñen máis difícil solución¿
Isto tamén é un feito cultural. Respecta a cultura da túa sociedade. Se vivísemos no polo norte entre esquimós sería normal dármonos os beixos chocando o nariz.
Hai persoas que consideran que a súa lingua é máis útil, máis áxil, máis atractiva e mellor. A ignorancia non ocupa lugar.
O morreo, como a lingua, non diferencia ás persoas, é democrático: non debe discriminar por idade, raza, sexo, clase social ou lugar de nacemento.
É bo para a saúde e para a túa calidade de vida persoal e social.
Hai quen pensa que son as linguas as que lles dan prestixio ás persoas cando realmente somos as persoas as que prestixiamos ou desprestixiamos a nosa lingua. E se nós non valoramos a nosa lingua, quen o vai facer?
A lingua é a mellor forma de descubrirnos e descubrir outras persoas. O mellor é ter como obxectivo vivir a nosa lingua como a nosa sexualidade: de forma libre, satisfactoria, consciente, responsábel e saudábel. Con normalidade!
---->ARTIGO ESCRITO POR: Sechu Sende
Foi enviado por: María
Gran colaboradora de A Lareira Máxica
2 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :
Curiosa comparación, pero unha boa relación a que expón Séchu Sende. O mellor para falar unha lingua, e falala dende o corazón, dende os sentimentos, con naturalidade.
Considero que impor unha lingua, non axuda a que se manteña, porque cando se fala sen sentir, cando non te sentes cómodo, non transmites, é sobre todo os nenos/as, mozos/as non lles chega cando lle falamos nunha lingua na que non estamos a gusto, non lle transmitimos o sentimento e o desexo de falar e manter unha cultura. Es os máis pequerrechos, son o futuro da continuidade nunha cultura.
Unha comparación moi creativa.
Coincido con Séchu Sende que a lingua hai que transmitila dende o corazón, dende os sentimentos.
Impor unha lingua, creo que non é a mellor forma de chegar, especialmente os máis cativos.
Publicar un comentario