xoves, 31 de maio de 2007

** Sanxenxo e as súas praias

Remátase o mes de maio. Mañán principia o de xuño. Di o acervo popular que ata o 40 de maio non te quites o sallo. Pois vai ser certo. Neste mes de maio que acaba houbo días de verano con xente na praia, pero estes días parece que retornara o inverno. Non hai quen entende a este tempo. O efecto invernadeiro non perdoa. E cada vez será peor, por desgracia....

E para os que non coñecedes as praias que temos en Sanxenxo, eiquí vos anexo un vídeo quitado de YOTUBE (o que non se atope ahí....) sobre as praias sanxenxinas.

Por certo: ¿que praia é a vosa preferida de todas as que temos en Galicia?

Un saúdo e carpe diem.

** A Frase Máxica.......cuestión de méritos

“O éxito é fácil de obter, o difícil é merecelo” (Albert Camus)

mércores, 30 de maio de 2007

** Coidado cando leas, non vaia ser que.....!!!

Hai anécdotas que non se olviden por máis que pasen os anos. Non. Endexamais. É como ás veces pode pasar, e de feito sucede: hai anécdotas que acaban por ser inherentes a quen as propicia. Tal é o caso dun veciño meu que estando estudiando en oitavo da extinta E.X.B. protagnizou unha moi boa e que o fixo pasar de color carne a color vermello de 0 a 100.... E lembrome hoxe del porque sempre que o vexo brota na miña cabeza a simpática anécdota que vos pasou a relatar. Proba de que un simple descoido pode pasar unha factura moi elevada dificil de borrar co paso do tempo.......--->Ve-lo Artigo completo....

Discurría unha clase de Ciencias Naturais (hoxe chámanlle Coñecemento do Medio, coido) e o mestre sempre adoitaba mandar ler a varias persoas. Nunha destas tocoulle ó meu veciño. O home lía máis ben mal. As cousas como son (como vou diciro o "pecado" e non o pecador, creo que non se molestará ninguén). Pois ben, o meu veciño empezou a ler. Non sabía o malpocado o que lle esperaba. Non era rápido pero tampouco efectivo nin seguro. Metía a pata e tartamudeaba ó ler. E claro, pasou o que pasou....

Algún lector deste blog poida que se lembre (Era moi coñecido por un apodo relacionado cunha mancha). Na primeria fila atópabase este veciño -hoxe metido a encargado contratado-, xamais o olvidarei. Estaba situado ó carón da porta de entrada á aula. En fin que se son eu, saio pitando por ela se me pasa o que a el...

É unha anécdota moi simpática e inolvidable, que, como todo, fixo moita gracia no momento. Agora quitada fora de contexto non é o mesmo. Pero alá vai: nunha das líneas do texto da lección, algo pasou. Algo que lle pode pasar a calquera. Pero que se che pasa desexas que te coma a terra. As veces hai que ler as cousas ben, especialmente cando o nome de algo se parece ó de outra cousa. A frase en cuestión que saiu dos seus beizo e que provocou unha gran gargallada xeralizada da clase díxoa así e quedou tan ancho: "Una de los grandes nombres de la medicina en España fue Santiago Ramón y "Cajar"........

Insisto, a gargallada dos alumnos que alí estabamos foi xeralizada. O outro día volteino ver e cada vez que vexo sempre me lembro desta anécdota....NIn Mr. Proper sería capaza de borrar endexamais esta anécdota da miña memoria. Cousas que pasan...

Carpe Diem


P.D.: ¿e vos non vos lembrades de anécdotas curiosas ou simpáticas que lembrades logo de moitos anos? Animádevos e contádenos algunha delas nos comentarios deste artigo ou nun artigo propio.



Artigo elaborado por: Julio
A Lareira Máxica

** A Frase Máxica.......Cuestión de sentidiño!!!

"Sentido común non é un sentido moi común"



(Autor descoñecido)

martes, 29 de maio de 2007

** A Frase Máxica......Cuestión de Filosofía

“A verdadera filosofía é reaprender a ver o mundo”



Merleau-Ponty

luns, 28 de maio de 2007

** O humor gráfico: ese gran descoñecido + thanks

L uns, principio de semana. Día sempre complicado porque logo da fin de semana sempre custa voltar á rutina habitual. En fin, que para facer máis levadeiro este principio de semana traio hoxe aquí unha viñeta de humor gráfico. Desas que tanto me gustan e que adoitan verse na prensa galega. Algunhas veces son moi boas....

A viñeta de hoxe quixera adicarlla a tódalas persoas que nos últimos meses fun coñecendo, feito do que me sinto moi orgulloso. A outras puiden coñecelas aínda máis. O traballo e o ocio permitírome descubrir a esta xente.

Un saúdo moi especial a JPF. O esforzo sempre ten a súa recompensa. Pode tardar máis ou menos, pero o traballo sempre acaba por ser recompensado.

Todo un pracer por tervos como amig@s.
Julio

** A Frase Máxica.......¡que gran verdade!

"Non sei cal é a clave do éxito, pero a clave do fracaso é tentar agradar a todo o mundo"



Bill Cosby (actor, cómico e productor de tv)

domingo, 27 de maio de 2007

** A beleza e singularidade dun libro moi entrañable

Fai uns días un bo amigo co que acostumo a compartir mutuos consellos bibliográficos, recomendoume un libro, sen dúbida, peculiar. Agora eu quero compartir con vós esa recomendación.

Vaia por diante que cando lle preguntei de que trataba o libro, a súa resposta foi que o lese, que a trama non era algo fácil de desenrolar en poucas palabras. Díxome que o lese e despois xa falaríamos. Tanto el como a súa noiva me dixeron que lles gustara moito, que era “fácil” de ler porque un capítulo tiraba polo outro, pero que ó rematalo ambos quedaran cunha sensación estraña. ...--->Ve-lo Artigo completo....


Ben, pois cando fai unha semana mo entregou e o empecei a ler, teño que recoñecer que nunca pensei que chegaría a pensar como o estou facendo. De feito non crin nin que chegaría a rematalo. Xa estaba pensando na excusa que poñería para explicarlle que estaba claro que podíamos compartir cantos consellos quixera, pero en canto a gustos literarios, non íamos polos mesmos derroteiros. Qué errada estaba!!!
Ó principio, como vos digo, nin lle pillaba o tranquillo ó libro, nin o gusto, nen sequera o tema do mesmo. Non entendía de que estaba a falar o autor.

Se cadra é ben que chegados a este punto vos conte que o autor é oriental, e eu, devoradora incansable de libros de toda índole, endexamais lera nada que viñese de alá. Non coñecía absolutamente nada da literatura xaponesa ou china, así que tampouco podía establecer comparación algunha.

Pois ó final, menos dunha semana despois, estou en condicións non só de asegurar que o libro me enchagou sobremaneira, senón incluso de recomendárvolo.
“Kafka en la Orilla”, de Haruki Murakami é un libro singular, diferente, atípico, non só no que á trama se refire, senón tamén na forma de contar a mesma. A min recórdame en máis dun aspecto a Faulkner. Se lichedes “O Ruido e a Furia” ou “Mentras Agonizo” entenderedes de que vos estou a falar.

O libro conta a historia superposta de dúas personaxes ben diferentes. Por un lado temos a Kafka Tamura, un rapaz que decide abandonar a súa casa no día do seu décimo quinto aniversario debido ás malas relacións co seu pai, quen lle lanzara unha profecía un tanto funesta. Segundo seu pai, un escultor famoso, o rapaz remataría deitándose con súa nai e súa irma ó igual que o Edipo grego. Pero o máis curioso do asunto é que ambas mulleres os abandonaran facía anos, polo que Kafka non tiña relación algunha con elas. A outra personaxe sobre a que xira o libro é o señor Nakata, quen de novo sufrira un accidente e dende entón tiña secuelas sorprendentes como o feito de poder falar cos gatos ou poder facer que do ceo chovesen todo tipo de cousas anormais.



Ó longo do libro imos vendo como as vidas destas dúas personaxes corren destinos paralelos. Todo ilo contado cun estilo fresco e diferente no que abundan os monólogos interiores, a presencia do subconsciente etc etc etc. Sono e realidade, ficción e non ficción confúndense ata puntos insospeitados, ata o extremo de chegar a dubidar ás veces entre o que é real e o que non é máis que pura fantasia.
Como xa me advertira o meu amigo, explicarvos a fondo moito máis sería revelarvos a historia por completo, e, precisamente o bo do libro, e poder ir descubrindo por ti mesmo todos eses detalles.

Son case 600 páxinas e aínda que a lectura non é difícil, a súa comprensión si o é. Tamén é preciso que lle debes tempo para que vos enganche. Vamos, que non é para impacientes, pero se superades iso, asegúrovos que remataredes tan encantados como rematamos o meu amigo, a súa moza, e eu mesma.

E por suposto, estaría encantada de que alguén se animase a lelo e a compartir ou refutar a miña opinión, a opinar, a darme o seu punto de vista, etc etc etc.



Artigo elaborado por: María
Gran Colaboradora de A Lareira Máxica

sábado, 26 de maio de 2007

** Artigos d@s colaboradores etiquetados por nome

Drosophylumm suxeríame, no apartado "Deixa un post-it" (columna esquerda do blog), clasificar os artigos d@s colaboradores polo seu nome. Pareceume unha boa suxerencia, polo que desde hoxe xa podedes acceder ás colaboracións directamente polo nome d@ autor. Gracias Drosophilumm pola túa idea. E se alguénn se lle ocurre algunha outra para seguir mellorando o blog, non dubidedes en facermo saber que a estudiarei.
Un saúdo, Julio
Carpe Diem

NOTA: A Partir de xuño A Lareira Máxica voltará a recuperar a súa normalidade. Neste mes de maio andiven moi liado con moitas cousas e foime materialmente imposible elaborar artigos propios e actualizar convenientemente esta páxina (incluso subir para subir as vosas colaboracións). É o que ten que A Lareia Máxica (ALM) non sexa unha páxina patrocinada... Para min é todo un tesouro pero cando non hai tempo e existen outras prioridades é o que pasa. Pero como xa vos dixen en moitas ocasións, ESTE BLOG TEN AÍNDA UNHA MOI LONGA VIDA POR DIANTE, aínda que vos tedes a última palabra...

** O gato está triste e azul

Abandonáronme as musas, non sei por qué, non as trataba mal. Bótoas en falta, teño ganas de contar. A min tamén me gusta vivir para contar, mais non se me ocorre nada. As musas marcharon, collerían as vacacións, claro, está bo tempo. Non se me ocorre nada, fada, cada, casa, masa, mesa, meta, seta, seda,… Fáltanme elas e fáltame o aire. O café está quente, o microondas vai por libre, nunca quenta igual, fai ben en rebelarse. Quixera escribir un relato deses que a xente recorda. Hoxe non vai poder ser, creo que non. Non é que non lle poña interese, é que hoxe non é un bo día. Demasiado calor, demasiados problemas, demasiada tristeza. Case mellor non escribir. O gato de Roberto Carlos leva 30 anos triste e azul. Eu tamén levo roupa azul, azul mariño, azul escuro. Non sei por qué este color se chama así, azul mariño, será porque os chaquetóns dos capitáns de barco son así, azul escuro, será, é un supor, non sei. É o que ten supor, un amplo marxe de risco, é dicir, supós algo e pode ser ou non ser, be or not to be, que dicía o outro. Pois, podes fallar. Case é mellor non facer suposicións, aferrarse á realidade e nada de fantasías. Vou ter que poñerme en plan pragmático, non vos engano, vaime custar....--->Ve-lo Artigo completo....


As musas estarán en Benidorm, e eu aquí, dálle que te pego, hilvanando catro ideas incoherentes. ¡Qué idiota me sinto! Síntome idiota ou serei un idiota, un idiota supoñedor, case nada. ¿Terei cura? Ó mellor existe algunha vacina que nos inmunice contra o síndrome do idiota supoñedor. Claro, pode habela, pero quén vai recoñecer abertamente que se vacinou contra o síndrome do idiota supoñedor, moi forte, abofé que sí. Mellor dicir, fun ó centro de saúde por a vacina contra a gripe, máis correcto, ata parece que queda mellor. Eille preguntar ó médico. Ó médico hai que falarlle claro, consultarlle tódalas nosas dúbidas, sobre todo eu, que ademais do síndrome do idiota supoñedor tamén teño o síndrome do enfermo imaxinario. Raro é o día no que non me ameace a posibilidade de padecer unha terrible enfermidade. Hoxe non me doía nada e ¡zas!, cando menos o esperaba, sentín esta forte dor na alma, porque todos somos corpo e alma, minto, todos non, os ateos non, eles son corpo e psique. Agora si que a fixen boa, hoxe que non estou para nada, hoxe precisamente, teño que nomear a alma. Síntoo, pero non. Hoxe non vou falar da alma, ¿existe a alma? ¿que é a alma? ¿é inmortal? Un tema apaixonante, sen dúbida, pero para outro día. Teño sono, son un idiota supoñedor e un hipocondríaco. Non estou para caralladas, con perdón.

Hoxe preocúpanme temas moito máis mundanos, debe ser cousa da primavera, refírome á alerxia ó polen e o mal de amores. Voume explicar, cambiei. Antes era superficial, si, un pouco frívolo, vale, vale, non me importa recoñecelo, un vividor, non é para tanto, non lle facía mal a ninguén. Agora é peor, agora que xa non son superficial, síntome baleiro. Baleiro de veras, a comida non ten nada que ver, tan baleiro me sinto antes de xantar coma despois. Síntome un imbécil supoñedor baleiro e todo porque estou namorado, hipocondríaco xa era sendo frívolo. Pois, se non tiña bastante, apareceume unha nova complicación, estoume virando impotente. Xa non teño gañas, pero ningunhas, o corpo non me responde. Rosa apoderouse de min. A culpa tena o tarado ese das frechas, está claro, porque se tes Párkinson e che treme o pulso pides a xubilación anticipada, se che falla a vista ou te operas das cataratas ou pos gafas, eso sí, tendo un pouco de sentidiño. Este non, este anda a lo loco, sen control, ó chou, cos ollos pechados, facendo o pino, que máis lle da, inda ha de ser un borrachón, no me estrañaría nada. Pola culpa do impresentable ese, así estou eu: desfeito, porque a min a frecha doume de cheo pero a Rosa… pasoulle de largo. Tócame sufrir, pásame o mesmo que a Bécquer, non sei que daría por un bico. Antes xa me gustaba Rosa pero era un amor platónico, imposible e levadeiro, agora xa non sei que vou facer para esquecela. De momento, ó das frechas vaille caer unha demanda por danos e perxuízos que xa está ben de facer o indio.

Alvariño Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licencia de Creative Commons





Artigo elaborado por: Alvariño
Gran Colaborador de A Lareira Máxica

** A Frase Máxica de......Shakira (cantante)


"Non se pode adicar o alma a acumular intentos, pesa máis a rabia que o cemento"



Letra dunha das cancións de Shakira

luns, 21 de maio de 2007

** Os beneficios dos bicos. Cuestión de lingua....

No concello de Carballo teñen un interesante concurso. Consiste en promocionar o galego mediante artigos periodísticos normalizadores. E lendo na rede, atopei un deles que está moi ben. O autor ou autora, non sei moi ben, é Séchu Sende.


NORMALMENTE A primeira vez que outra persoa entra no noso corpo, ou a primeira que nós entramos dentro doutra persoa, é coa lingua. Si, pode ser que antes lle chuchemos o dedo a alguén ou que lle mordamos o lóbulo da orella, mais son as nosas linguas as primeiras que nos exploran por dentro en serio, de verdade. A nosa lingua é unha das principais vías para o coñecemento humano.
...--->Ve-lo Artigo completo....
Por iso é difícil esquecer a primeira vez que lle metes a lingua a alguén, a primeira vez que unha lingua entra na túa boca. Porque non deixa de ser a primeira vez que lle permitimos a outra persoa entrar dentro nosa. Ao descubrirmos a nosa intimidade, coa lingua expresamos a nosa identidade.

A que non sabías que durante un beixo se moven 29 músculos? E que os batimentos cardíacos aumentan de 70 para 150 e melloran a oxixenación do sangue? Si, o beixo beneficia o corazón. E ademais adelgaza. Nun bo morreo gastamos preto de 12 calorías! ?Tamén é importante saber que o morreo é cousa de dous. Un morreo é un diálogo entre papilas gustativas, entre a lingua e o ceo do padal, entre o cuspe e os dentes. E nun diálogo entre dúas persoas hai que dar e recibir, ofrecer e aceptar, avanzar e retroceder, facer ruído e gardar silencio, entrar e saír.

O proceso de normalización da lingua galega é un proceso comunicativo conflitivo. Os axentes sociais máis críticos denunciamos a ineficaz política lingüística da administración, o desprezo dos media ou a eficacia da escola para desgaleguizar as novas xeracións. É un proceso no que o enfrontamento e a queixa son continuos. A perda da lingua é un drama, abofé. Mais que pasaría se ligásemos o discurso da normalización da lingua ao pracer? Se falásemos desde o discurso da satisfacción e a analoxía do bico? Un pouco de humor tamén é necesario e podemos falar de cousas serias cun sorriso nos labios. Estabamos falando de beixos con lingua¿Eis a Guía Sexual da Sociolingüística.

Exixamos para a nosa lingua o mesmo pracer do que goza calquera lingua.

Se aínda nunca o fixeches busca alguén con quen te sintas cómoda ou cómodo e adiante! Aínda que ás veces facelo con persoas descoñecidas, así de súpeto, resulta mellor.

O proceso de normalización é un proceso social que parte de cada persoa e que se basea no intercambio de comunicacións. Podemos facer moitas cousas en solitario¿, mais non nos podemos morrear a nós mesmas.

Se teu pai e túa nai non che aprenderon nin che dixeron como se fai, non pasa nada¿ Aínda estás a tempo de aprender pola túa conta.

Sobre este tema sempre houbo -e hai- tabús, falsos mitos, pouca información e moita ignorancia¿ Pasa dos prexuízos doutros tempos e adiante.

Hai xente á que lle gustaría probar porque intúen que lles vai gustar mais..., dálles corte! Non te acovardes, desinhíbete e goza coa lingua.

Aínda hai xente que pensa que darlle á lingua non é fino e xente que pensa que é un pouco vulgar¿. He, non teñen nin idea!

A lingua é un instrumento imprescindíbel para relacionármonos, integrarnos, darnos a coñecer e coñecer xente. Sen non usas a lingua fechas portas. Non sexas pechado ou pechada.

Pode ser un rollo dunha noite. Ou unha relación para toda a vida.

A eficacia da lingua depende da práctica. A lingua mellora co uso. Ninguén nace aprendido!

Hai persoas que teñen problemas psicolóxicos que lles impiden darlle á lingua con normalidade. Eses problemas -identificados pola Sociolingüística como diglosia, autoodio¿- teñen solución.

Hai persoas que teñen problemas ideolóxicos que dificultan ou impiden o uso natural da lingua. Esas problemas teñen máis difícil solución¿

Isto tamén é un feito cultural. Respecta a cultura da túa sociedade. Se vivísemos no polo norte entre esquimós sería normal dármonos os beixos chocando o nariz.

Hai persoas que consideran que a súa lingua é máis útil, máis áxil, máis atractiva e mellor. A ignorancia non ocupa lugar.

O morreo, como a lingua, non diferencia ás persoas, é democrático: non debe discriminar por idade, raza, sexo, clase social ou lugar de nacemento.

É bo para a saúde e para a túa calidade de vida persoal e social.

Hai quen pensa que son as linguas as que lles dan prestixio ás persoas cando realmente somos as persoas as que prestixiamos ou desprestixiamos a nosa lingua. E se nós non valoramos a nosa lingua, quen o vai facer?

A lingua é a mellor forma de descubrirnos e descubrir outras persoas. O mellor é ter como obxectivo vivir a nosa lingua como a nosa sexualidade: de forma libre, satisfactoria, consciente, responsábel e saudábel. Con normalidade!

---->ARTIGO ESCRITO POR: Sechu Sende




Foi enviado por: María
Gran colaboradora de A Lareira Máxica

sábado, 19 de maio de 2007

** Que content@ estou cando....Cuestión de letra

¿Lembrades a miña experiencia no dermatólogo da Seguridade Social??? Pois cada vez estou máis contenta se cabe. Despois de sair da consulta co papeliño da crema que me receitara o señor doutor, dirixínme como él me indicara a miña médica de cabeceira para que me fixera a receita da cremiña en cuestión. A doutora nin entendía a letra do seu homólogo para poder facerme a receta nin tiña nin a máis remota idea de que poida tratarse, así que despois de "investigar" o asunto, remitiume a farmacia para ver se alí tiñan máis idea ca ela. Na farmacia máis do mesmo, non entendían a letra, non atopaban a crema por ningures etc etc etc. Como a farmacia era coñecida, pedíronme que lles deixara o papeliño para consultalo con tempo nos seus vademécums e a ver se había sorte. O final si houbo sorte e deron coa dichosa crema. Ó parecer so a atoparon nun dos seus sabios libros e evidentemente, como era de esperar, non a tiñan na farmacia polo que había que pedila ó almacén, pero con todo, despois da miña AVENTURA con maiúsculas, a crema apareceu. Qué contenta estou. Ahora so fai falla que de resultado.



Que content@ estou remitido por: María
Gran Colaboradora de A Lareira Máxica

venres, 18 de maio de 2007

** Dúas noticias para facer reflexionar


Lendo as novas hoxe, atopeime con dúas noticias, cando menos, sobrecolledoras. A primeira ten como protagonista a un neno, ou mellor dito, a un bebé, posto que non chega sequera ó ano de vida. E como non, está ubicada nos estates, os Unidos, claro. Alí, ó parecer, acaban de concederlle unha licencia de armas a un pobre infante. Seu pai axudou ó meniño a garabatear o que, a ollos de todos, é a firma que lle abre as portas á posesión lexítima de armas.

E a outra nova, non sei se máis ou menos sobrecolledora, iso deixo á vosa elección, ten que ver coa campaña electoral e pensaba eu que igual lle da ideas a aqueles que a estas alturas da película aínda non teñan ultimada a súa lista de promesas a incumplir: En Bélxica, unha das candidatas ó senado promete facer cantas felacións fagan falla para alcanzar o posto. “A orixinalidade ó poder” podería ser o lema da súa campaña. Se é que hai xente para todo.



Artigo remitido por: María
Gran Colaboradora de A Lareira Máxica

** A Frase Máxica..........by G.A. Bécquer

" Por unha mirada un mundo, por un sorriso un ceo, por un bico eu non sei que daría por un bico " (BECQUER)

xoves, 17 de maio de 2007

** O Recuncho Literario: Jorge Bucay

Esta é a historia dun home ó que eu definiría como buscador. Un buscador é alguén que busca. Non é necesariamente alguén que atopa. Tampouco é alguén que sabe o que está a buscar. É simplemente alguén que fai da súa vida unha procura.

Un día o buscador sinteu que debía ir cara á cidade de Kammir. El aprendera a facer caso rigoroso desas sensacións que viñan dun lugar descoñecido de si mesmo, así que deixou todo e parteu.
...--->Ve-lo Artigo completo....
Logo de dous días de marcha por polvorentos camiños divisou Kammir ó lonxe. Un pouco antes de chegar ó pobo, un outeiro á dereita do carreiro chamoulle a atención. Estaba tapizado cun verde marabilloso e había nel unha chea de árbores, paxaros e flores encantadoras. Rodeábao por completo unha especie de valo pequeno de madeira lustrada. Un portaliño de bronce invitábao a entrar. De súpeto sinteu que esquecía o pobo e sucumbeu ante a tentación de descansar un pouco naquel lugar. O buscador cruzou o portal e empezou a camiñar lentamente entre as pedras brancas que estaban distribuídas como ó azar, entre as árbores. Deixou que os seus ollos, que eran os dun buscador, pasearan polo lugar e quizá por iso descubreu, sobre unha das pedras, aquela inscrición: “Abdul Tareg, viviu 8 anos, 6 meses, 2 semanas e 3 días”. Impresionouse un pouco ó darse conta de que esa pedra non era simplemente unha pedra. Era unha lápida, sinteu pena ó pensar que un neno de tan curta idade estaba enterrado nese lugar. Mirando ó seu redor, o home deuse conta de que a pedra da beira tamén tiña unha inscrición, ó achegarse a lela descifrou: “Yamir Kalib, viviu 5 anos, 8 meses e 3 semanas”. O buscador sentiuse terriblemente conmocionado. Este fermoso lugar era un cemiterio e cada pedra unha lápida. Todas tiñan inscricións similares: un nome e o tempo de vida exacto do morto, pero o que o deixou espantado, foi comprobar que, o que máis tempo vivira, case non pasaba de 11 anos. Embargado por unha dor terrible, sentou e púxose a chorar. O coidador do cemiterio pasaba por alí e achegouse. Por un intre, en silencio, mirou como choraba e logo preguntoulle se choraba por algún familiar.

- Non, por ningún familiar -dixo o buscador - ¿Que pasa neste pobo?¿Que cousa tan terrible hai nesta cidade? ¿Por que hai tantos nenos mortos enterrados neste lugar? ¿Cal é a horrible maldición que pesa sobre esta xente que a obrigou a construír un cemiterio de nenos?

O ancián sorriu e dixo:
-Pode vostede serenarse, non hai tal maldición, o que pasa é que aquí temos un vello costume. Contareille: cando un mozo cumpre 15 anos, seus pais regálanlle un caderno como este que teño aquí, para que o colgue do pescozo, e é tradición entre nós que, a partir dese momento, cada vez que un disfruta intensamente de algo, abre o caderno e anota nel: á esquerda que foi o que lle fixo disfrutar, á dereita, canto tempo durou ese gozo. ¿Coñeceu á súa noiva e namorouse dela? ¿Canto tempo durou esa paixón enorme e o pracer de coñecela? ¿ Unha semana? ¿Dúas? ¿Tres semanas e media? E despois, a emoción do primeiro bico, o pracer marabilloso do primeiro bico... ¿Canto durou? ¿ O minuto e medio do bico? ¿Dous días? ¿Unha semana? ¿ E o embarazo ou o nacemento do primeiro fillo? ¿ E o casamento dos amigos? ¿ E a viaxe máis desexada? ¿E o encontro co irmán que volve dun país afastado? ¿Canto durou o gozar destas situacións? ¿Horas?¿ Días? Así imos anotando no caderno cada momento que disfrutamos... cada momento. Cando alguén morre, o noso costume é abrir o seu caderno e sumar o tempo gozado para escribilo sobre a súa tumba. Porque ese é, para nós, o único e verdadeiro tempo vivido.

"O BUSCADOR", do libro Contos para pensar, do escritor Jorge Bucay



Enviado por: Mariam
Gran Colaboradora de A Lareira Máxica

mércores, 16 de maio de 2007

** De cena.......

Estes días ando que non teño tempo nin para dormir. Non sei cómo me teño en pé. Está claro que tantas actividades pasan factura....Así que non está nada mal irse de cena. Hoxe. E cando se vai en pequeno grupo mellor que mellor. Hai que desestresarse un pouco.

Hai outras actividades que estaba realizando ata hai pouco que non teño tempo nin para elas. Ou cando o teño o corpo dime STOP JULIO. PRECISO DESCANSO. E unha destas actividades é a de actualizar este blog que facemos entre tod@s. Algo do que estou moi orgulloso. Que a xente se anime cada veza a participar, aínda que sexa cun simple comentario dunha línea. Polo menos sei que hai alguén alí. E as cifras de visitas, por fortuna, non deixan de medrar. Como sempre, GRACIAS.

Teño algunha colaboración vosa pendente de publicar. Perdoade que tarde algo en publicala. Espero que me saibades disculpar. Pero é toda unha ledicia coñecer que teño algunha pendiente de publicar. Iso anima a un. Así que paciencia, que todo se publicará....

...E déixovos, que hoxe voume de cena. A ver se o corpo mo permite. Que o teño moi castigado estes últimos días. A partir de xuño recobraremos o ritmo habitual. Namentras irei publicando algunhas cousiñas. Non desesperedes e GRACIAS POR SEGUIR VISITANDO O BLOG E ENVIANDO COMENTARIO E/OU ARTIGOS. Sen vós este blog non sería o mesmo.

venres, 11 de maio de 2007

** QUE CONTENt@ ESTOU CANDO....!!!!

Esta mañá tiña vez no dermatólogo. Pedira fai algo así como dous meses e por fin chegara o día. Dende fai algún tempo teño unhas pequenas manchiñas moi antiestéticas ahora que chega o verán nas pernas. Pois ben, dispúxenme a perder unha mañá para poder ir ata a Coruña, conduces unha hora de ida, outra de volta etc etc etc, e cando por fin chega o momento, 20 minutos máis tarde do que tiña marcado, pero bueno, detalle menor ise que por algo che din xa que a hora é de presentación non de consulta. Vale, entro, e o primeiro que me chama xa a atención é que o sr doutor non lle dera tempo aínda de poñer ...--->Ve-lo Artigo completo....
a bata para pasar consulta, pese a ser xa media mañá. Pídeme que lle ensine as manchiñas, pregúntame cales son as que me molestan, dígolle que ningunhas, que molestar non molestan, pero que son antiestéticas e que quero saber o porque as teño e que podo facer. Pasa de min, ponse a escribir o nome dunha crema que me receita e adeus bos días teña vostede. Fin da consulta. Pasaran dous minutos escasos dende que entrara.

En serio, como volo conto. Foi visto e non visto, case non me da tempo nin a baixar e volver a subir os pantalóns, non digamos chegar a sentarme, poder conversar un mínimo co médico para contarlle o meu problema etc. Que bah. Se o sei ....... non vou ata a Coruña para iso. Pero oe, estou dun contenta. Así vai España ... e o que non é España.



QUE CONTENT@ ESTOU REMITIDO POR: María
Gran Colaboradora de A Lareira Máxica

** A Frase Máxica.....made in Sabina


" O bo dos anos é que curan feridas, o malo dos bicos é que crean adicción"



JOAQUÍN SABINA

mércores, 9 de maio de 2007

** Un conductor moi peculiar e sincero....

Lía hoxe pola mañán na prensa unha noticia da que se facían eco diversos medios de comunicación tanto escritos, como de radio e televisión. A nova é moi curiosa. Desas que che alegran o día so escoitalas porque son simpáticas e difererentes. Non soen acontecer a diario. Quizás, o feito de que o casuante desa información sexa un tretrapléxico que se move nunha silla-camilla contribúa a facer máis exótica toda esta situación.

E para que poidades ler a noticia e saber do que falo -moit@s seguro que xa sabedes de que vai a cousa- acompaño o post cun recorte da noticia, extraída do xornal La Voz de Galicia de hoxe. Concretamente está na páxina 19 e vai firmada polo xornalista Luís A. Núñez que lle deu un pouco de literatura ó tema....

Para agrandar a imaxe tedes que clickar sobre ela. Se non tamén podedes ler a noticia AQUÍ.

** A Frase Máxica........sobre o azar

"O azar ten moi mala leite e moitas ganas de broma"



Arturo Pérez Reverte

martes, 8 de maio de 2007

** Pequena enquisa cun significado especial

Había tempo que non subía unha enquisa a este o noso blog. Hoxe traio ó blog blog unha pequena enquisa que atopou a nosa colaboradora Mariam e que nos remitiu. Probádea e contade que opinades e se pensades que vos funcionou. Mariam asegura que, aínda que é unha chorrada cre que é, nenbargantes, bastante certeira. ¿E vos non queredes saber se é ou non?. Se non contestades estas tres pregutnas non o poderedes coñecer. Agardo comentarios, sexan cales sexan. Animádevos que é gratis. Non custa nada...

...--->Ve-lo Artigo completo....
----------------------------------------------------------------------------------------------------------
Non fagas trampa adiántandote. A mente é como un paracaídas: traballa moito mellor cando esta aberta. É divertido facelo, pero deberás seguir ó pé da letra as instruccións.
Advertencia: Contesta a enquisa na orde na que se che vai preguntando. Se ves toda a enquisa antes de rematar, non obterás resultados honestos. Vai baixando lentamente e fai o exercicio a conciencia.
Consigue lápis e papel para escribir abaixo as túas respostas. Necesitaralo ó final. Este é unha enquisa honesta, que che dirá moito sobre o teu verdadeiro “YO”.
Test
• Ordea os siguientes 5 animais de acordo a túa preferencia:
a. Colibrí
b. Cabalo
c. Bolboreta
d. Can
e. Paxaro

• Escribe unha palabra que describa cada un dos seguintes elementos:
a. Can
b. Gato
c. Rata
d. Café
e. Mar

• Pensa en alguén que tamén te coñeza e sexa importante para ti, e que poidas relacionar coas seguintes cores (por favor, non repitas a túa resposta 2 veces, nomea so unha persoa para cada color):
a. Amarelo
b. Laranxa
c. Vermello
d. Branco
e. Verde

¿Terminastes? Asegúrate que as túas respostas sexan o que ti realmente sentes.
Ultima oportunidade...





RESPOSTAS:
Esto va a definir tus prioridades en la vida:
• Colibrí : significa carrera
• Cabalo : significa orgullo
• Bolboreta: significa amor
• Can: significa familia
• Paxaro: significa dinero

• A Túa descripción de can implica a túa propia personalidade
• A túa descripción de Gato implica a personalidad da túa parella
• A túa descripción de Rata implica a personalidade dos teus enemigos
• A túa descripción de Café é como interpretas o sexo
• A túa descripción de Mar implica a túa propia vida

• Amarelo: alguén que nunca olvidarás
• Laranxa: alguuén a quen podes considerar o teu/a túa verdadero amigo/a
• Vermello: alguén que realmente amas
• Branco: a túa alma xemelga
• Verde: unha persoa que lembrarás polo resto da túa vida



ARTIGO REMITIDO POR: Mariam
Gran Colaboradora de A Lareira Máxica

** A Frase Máxica.....¿Ti que farías neste caso?

"É prudente non fiarse por enteiro dos que nos enganaron unha vez"
(Descartes)

domingo, 6 de maio de 2007

** Unha pregunta tan sorprendente como inesperada

Ás veces suceden cousas que non esperas, que non te imaxinas, que poden pasar pero que non é habitual que acontezan, vamos. E nisto último me baseo para contarvos hoxe o que me pasou este venres pola mañán en Pontevedra. A cousa é moi curiosa...

Estaba falando cunha amiga miña que traballa preto de Oporto e á cal había uns anos que non tiña o pracer de ver e falar con ela. Inmiscuidos en plena conversa, de repente produciuse o feito en cuestión...
...--->Ve-lo Artigo completo....


Acercáronse a nós un home e unha muller. Educadamente interrumpíronnos..

- Hola bos días, perdoade
- Hola -devoltamo saúdo

Neste punto un servidor pensou que tería que sinalar onde quedaba determinada rúa na cidade de Pontevedra (un lugar onde apenas coñezo rúas). O desconcerto e a sorpresa emanaron a continuación. Un capacho que portaban -e no que vagamente repararamos miña amiga e máis eu- unido a unhas breves pero insistentes verbas do home, a modo de rogo, desencadearon a súa aparición.

- ¿Non vos apetecen un par de bois? Están frescos e son baratos. Ou algo así nos espetaron.

Os bois, para os que non o sepades, era marisco.

E tras rexeitar tan suculento manxar ás 11 da mañán, e alonxarse estas dúas persoas, mirámonos miña amiga máis eu cunhas facianas de quen se ve sorprendido por un reporteiros de cámara oculta estilo "Supermartes". Pero non foi ningunha cámara oculta. Non. Era tan real e verídico como a vida mesma. Ha, e nada de preguntas sobre onde quedaba tal ou cual rúa (cousa que tampouco me disgutas por certo).

Esta anécdota creo que superou con creces a do café e o xornal que me pasou o ano pasado. Agora so falta coñecer cal será a próxima anécdota simpática que me pase. A saber...




ARTIGO ELABORADO POR: Julio
A Lareira Máxica

xoves, 3 de maio de 2007

** A TEORÍA É INSUFICIENTE

Un erudito alugou unha barca para cruzar un río caudaloso. Ó recibilo, o barqueiro expresouse con frases gramaticalmente incorrectas. Logo de corrixilo, o erudito preguntou:

- ¿Ti non estudiaches gramática?
- Non señor - contestou o barqueiro, son un iletrado.
- ¿Tampouco sabes xeografía nin aritmética? - volveu preguntar o erudito.
- Non señor, nada diso sei - respondeu avergoñado o aludido.
- Supoño que tampouco saberás nada de historia, literatura ou filosofía -interrogou de novo o home culto. ...--->Ve-lo Artigo completo....

- Non teño nin idea de nada diso, son só un barqueiro ignorante - falou humillado o pobre home.
- Pois, amigo, ¡un home sen cultura é coma se perdese a metade da súa vida!
Instantes despois, a barca, arrastrada pola corrente, foi dar cunhas rocas que provocaron unha gran vía de auga. O barqueiro preguntou ó seu pasaxeiro:
- Señor, ¿sabe vostede nadar?
- Non - respondeu.
- Entón témome que vai perder toda a súa vida.

(Non coñezo o nome do autor, supoño que será anónimo)


--------------------COMENTARIO DE ALVARIÑO-----------------------------

Está moi ben este conto oriental, ou será unha fábula, non, fábula non é porque nas fábulas creo que os animais falaban, ó mellor é unha parábola, non sei, nunca me aclaro. Da igual o nome do relato, que eu non quero parecerme ó erudito ese do conto. De paso aproveito para dicir que me dan noxo todos os que se creen mellores porque teren un título, do que sexa, si, coma se a posesión dun título dera dereito a mirar por riba do ombro os demais. Sei do que estou a falar, estou lembrando unha conversa, acabo de lembrar outra, pois..., non me importaría esquecer este tipo de diálogos, quero dicir, se botamos a porcallada no caldeiro do lixo, non sei qué fan certos recordos ocupando espacio nas miñas neuronas. En fin, hai moito veleno por ahí, algúns e algunhas, se, por casualidade, un día, por exemplo, cuspindo flema, se morden na lingua inda han de morrer, e se non morren de morte morrida, que tamén hai morte matada, pero este non sería o caso que non estamos perante un homicidio, pois, ó que iba, se non morren o menos grave que lles pode pasar é que lles de un shok anafiláctico. É o que teñen as víboras, veleno. Agora que o penso, o relato ten moralexa, claro, entón é unha fábula, ¿non? Non lembro se a moralexa é propia das fábulas como a lúa da noite, ou se pode haber relatos que teñan moralexa pero non se chamen fábulas, non sei... aínda me queda moito que aprender, menos mal.



RELATO ENVIADO E COMENTADO POR: Alvariño
Colaborador habitual de A Lareira Máxica

** A Frase Máxica...¿amor ou amizade? Elixe!!!


“A amizade pode convertirse en amor; o amor en amizade.....nunca”



Albert Camus

martes, 1 de maio de 2007

** @ cativ@ fíxose maior de idade nun ano de vida

Ás veces un non sabe como empezar a escribir algo ata que empeza a escribir. Como reza o famoso dito aquel "caminante no hay camino, el camino se hace al andar". Dito o cal xa empecei a falar... A ver, levo varios días dándolle voltas á cabeza a cómo escribir isto. Confeso que nin agora o mesmo o sei. Pero alá vou. Espero que me quede algo decente, cando menos....

Foi un día coma hoxe. Foi hai un ano exactamente. ...--->Ve-lo Artigo completo....
Se eu fose unha muller e estivera embarazada diría que din a luz a un fillo. Pero aínda que isto non sexa o caso, o símil pode valer. Hai un ano o que vos escribe deu a luz un fillo cibernético. Daquela, un 1 de maio de 2006 nunca tivera imaxinado chegar tan lonxe, pero aí estamos. O neno, ou a nena -porque é un ser asexual- foi bautizado co nome de A Lareira Máxica. "Lareira" porque ó pé das lareiras é onde se cociñaba antes e onde un se quentaba no frío inverno de paso que se contaban historias ou se charlaba ou opinaba sobre temas de interese. "Máxica" porque nela se poden tocar moi diversos temas, ás veces nunca imaxinados. Todo podo pasar, ou case todo.

E este nen@ chamado A Lareira Máxica empezou a medrar paseniñamente. Ó principio so murmuraba. Pouco a pouco empezou a escribir, a darse a coñecer, a alzar a súa voz e a ter amig@s e máis amig@s. E rodeouse de música, de estilos variados. Tamén lle gustaba ler a prensa: a local, a rexional, a nacional, a deportiva, a gratuita, até a internacional... Un cativ@ que madurou a pasos axigantados. E empezou a dar patadas nun parque chamado internet. Un gran parque. A consulta de correos electrónicos -cual biberón do mediodía-, a visita a webs intitucionais, as de compras, informática, consumidores... Incluso se aficcionou a ver mapas e a buscar localizacións case imposibles. E como o cativo se fixo adolescente -imitando a madurez fulgurante de Superman na súa viaxe do planeta Krypton á Terra- pois chegou o seu momento de buscar traballo e acostumouse a entrar en portales de búsqueda de emprego. E de vez, en cando, pois tamén se relaxaba accedendo a páxinas de ocio e de xogos....

E animouse a chatear cos seua amigos, que se comunicaban con él por mail, en forma de artigos, comentario ou suxerencias, ou a través do chat. Iso si, deixando un espazo para humor e a risa, daquela que din que "5 minutos de risa equivalen a 45 minutos de exercicio físico". E ás veces, vía videoclips..... Incluso se atreveu cos idiomas, aínda que isto lle costa algo máis...

E ó cumprir o ano o neno entrou na súa maioría de idade dibernética. E como tal madurou e creceu, e ségueo a facer, cunha diferencia: agora ten máis coñecementos que cando naceu e, algo moi importante, moitos amig@s que adoitan visitil@ a cotío.

Esta historia que se me ocurriu sobre a marcha para prantexar o paralelismo entre o crecemento dun nen@ e o dun blog so é ilustrativo do que significa para min A Lareira Máxica. Os que me coñecedes e sodes asiduos deste blog xa o sabedes.

Pois ben quixera darvos as GRACIAS por estar aí e, por colaborar, en maior ou menor medida neste blog. Un blog que tento facer diferente. Non persoal, senón aberto a todos e todas, para que os que lles pica o gusanillo de elaborar artigos o fagan. Porque me gusta que non so participe eu, senón que o faga o maior número de xente posible. Nunha prensa esclava, os blogs rezuman liberdade. E como tal hai que potenciala aínda máis. E diso se trata. Diso e de facer unha páxina o máis amena e entretida posible, onde cadaquén atope o que busca, ou polo menos gran parte. E que fagan de A Lareira Máxica a súa páxina de inicio.

Oxalá este blog dure moitos anos, pois ó igual que as persoas nalgún momento morrera -¿ou non?-, e que a participación siga crecendo como o está a facer. Onte este blog chegou ás 20.000 visitas. Bueno, para ser exactos, o contador empezou a contar un 27 de maior, polo que en realidade serían unhas 21.000 visitas calculo. Pero dá igual 1.000 arriba que mil abaixo. Nin nos meus mellores sonos o tivera imaxinado....

E todo GRACIAS a vós.


Hai quen me di que nos principios de A Lareira Máxica facía máis artigos propios. É certo. Leva razón. As miñas ocupacións, a vida laboral e a persoal e outras cousas, réstanme tempo e, ás veces non publico tantos artigos como quixera. Houbo tempada que chegamos (coa vosa axuda) a publicar artigos a diario durante máis de 40 días ininterrumpidos....

Canto ós meus artigos, teño moitos en mente. Entre eles quedan varios sobre a miña viaxe a Lisboa que publicarei máis adiante -cando teña máis tempo, porque ultimamente non teño tempo para nada-. Descoidade!!!

Neste ano o blog foi introducindo máis enlaces, efectos decorativos, vídeos, chat e un longo etc. de cousas. E seguírao facendo. Descoñezo o teito real deste blog, como descoñecía hai hoxe un ano, que ía ter o volumen e as visitas que hoxe ten.

Non me quixera alongar máis (é un defecto que teño, de aí o de recurso "Ve-lo Artigo completo"), so lembrar que os post ou artigos que entre tod@s realicemos poden tocar calquera tema que estimedes oportuno. Bueno, todos non. So a política non ten cabida neste blog, de forma explícita, aínda que sexan inevitables certas alusións ou indirectas. Pero artigos puramente políticos nunca os atoparedes neste blog. Para iso teredes que buscar outro.


E acabo como empezou hai hoxe un ano A Lareira Máxica, un blog nudo de enlaces e links por aquel entón. Reamto lembrando o primeiro artigo publicado neste blog.



lunes 1 de mayo de 2006
Un proxecto cheo de ilusión

1 de Mayo, unha data na que nace este blog, o meu primeiro blog, no que pretendo escribir cousas, de tipo variado. De momento, estou en fase de probas, polo que tede paciencia namentras lle collo "o tranquillo" a isto dos blogs. Tempo ó tempo.

Un saúdo a tod@s



E abofé que lle collín o "tranquillo" e o gusto, engadiría. Aínda lembro que a miña primeira batalla foi saber como se subín ou poñian fotos no blog. Logo foi o dos vídeos e o tema da música de fondo, entre outras moitas ocasións. Confeso que deixei moitas horas de ocio neste blog. Visitando páxinas sobre blogs, e collendo algo de aquí e algo de acolá, e adaptando outras cousas ata chegar a darlle o aire que agora ten. Sempre cun fondo branco que denota transparencia e gañas de escribir, asemade que é máis atractivo para o lector con ese fondo (ou cando menos éo para min).

Non sei podería falar e falar durantes horas, pero isto máis que un artigo sería unha biblia de a lareira máxica, ou as memorias dun blog nun ano de vida. E tampouco se trata diso. Quen sabe, ó mellor cando me xubile....Ja,ja!!

MOITAS MOITA MOITAS MOITAS MOITAS GRACIAS A TOD@S VÓS POR ESTAR AÍ. Permitídime 2 mencións especiais:
1- Para a primeira persoa que comentou un artigo neste blog: Rommy, que por certo, hai tempo que non sei de ti..... Gracias por facer ese comentario nun mes de xuño de 2006

2- As miñas grandes colaboradoras: as dúas María: María e Mariam. Sen eles este blog non sería o mesmo. E xa volo dixen moitas veces....

Para rematar, e agora prometo facelo de verás, so pedirvos que se vos gusta A Lareira Máxica, aoonselledes visitala. So iso.

E nada máis. Soprade a vela da tarta, e se chego a gañar un Óscar xa me terían cortado antes que a Pedro Almodóvar.....



--------------------------------------------------------------------------------
P.D.: Pido disculpas polos numerosos erros de escritura que poidades atopar. Non repasei o artigo.



ARTIGO ELABORADO POR: Julio
A Lareira Máxica