domingo, 22 de abril de 2007

** O Recuncho Literario: Diego Ameixeiras

"Esta maña, durante o longo traxecto que percorrín no autobús para chegar á casa, contei ata cinco persoas falando soas pola rúa, sen máis interlocutor que os seus propios pensamentos privados fluíndo en voz alta, sen pudor ningún. Desafortunadamente, creo que adoita ser bastante habitual que suceda isto nas grandes cidades, onde seica sufrimos todos unha enorme incomunicación motivada polo exceso de desconfianza que nos demostramos uns cos outros. Non queremos que nos fagan dano e por iso só nos facemos dano a nós mesmos, no canto de compartir torturas psicolóxicas en forma de amante forma ou parella ruín, que hai de todo e para escoller se un desexa variedade e múltiples formas de risco....--->Ve-lo Artigo completo....


Cando estaba a piques de chegar á parada onde sempre baixo, contemplei con curiosidade o derradeiro deses monologuistas urbanos que percorren a diario as beirarrúas das nosas cidades. Era un home duns corenta e poucos anos, vestido de traxe e gravata, camiñando a un ritmo bastante acelerado e bastantes síntomas de estar chegando tarde a algún sitio ao que acudía por mágoa ou obriga. Observeino coa cabeza apoiada na ventá, onde sufrín unha vez máis a rouquemia do motor cando o autobús reanudou o seu itinerario. O engravetado garuleiro falaba con tanta vehemencia consigo mesmo como se estivese anunciando o arrastre culminante das dez últimas, e debo aclarar que non levaba conectado ningún argallo tecnolóxico nin escoitaba música cun reprodutor
diminuto.

Pouco máis tarde, premín o botón para solicitar a parada do autobús e decateime de que, durante o traxecto no que reparara naquelas cinco persoas establecendo conversas imaxinarias, ninguén dixera nin unha soa palabra no interior do vehículo. Nin unha soa, e iso que ía ateigado dunha variada freguesía de viaxeiros de todas as idades. Cadaquén viaxaba totalmente concentrado nos seus pensamentos, dirimindo entrequenencias propias. Só se escoitaba a xorda carraspeira do motor e o timbre apercibindo ao buseiro para deter o vehículo nas paradas solicitadas. Ninguén abría a boca para pronunciarse, só formigueaban nas súas batimboras interiores con cara de cirurxiáns insastisfeitos.

De resultas, agora teño a sensación de que existe algún tipo de relación moi estreita entre as dúas observacións que acabo de relatar, mais é posible que se trate dunha asociación de ideas bastante discutible pola miña parte. O que si é certo é que dentro duns minutos heime meter na cama pensando en "piscinas olímpicas de lava incandescente", porque mañá toca chamar por teléfono á miña anarquista de carácter volcánico."

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Fragmento do 2ºcapítulo ("Parada Solicitada") do libro Tres Segundos de Memoria do escritor Diego Ameixeiras (gañador do premio Xerais de novela 2006).
---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Recoméndovos que leades o libro, eu aínda non o rematei, pero está moi moi ben.
María




Remitido por: María
Gran colaboradora de A Lareira Máxica

1 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Central Librera dixo...

A que vai dar moito que falar é a súa próxima novela que sáe a fináis de setembro de 2010:
Asasinato no Consello Nacional